Noticias

'Escenas do Cambio' afronta a súa recta final co relato dunha sobrevivente do xenocidio en Ruanda e cun xuízo real a Hamlet

Escenas do cambio –o Festival de inverno de teatro, danza e arte en acción da Cidade da Cultura– encara xa a súa segunda e derradeira semana da edición de 2020 coa representación de cinco pezas, entre as que se atopa o relato contado, cantado e bailado dunha sobrevivente do xenocidio de Ruanda e un xuízo real ao personaxe literario Hamlet para o que se contará cun xuíz, fiscal e psiquiatra en activo e no que os espectadores exercerán de xurado popular. O festival desprazarase ao casco histórico de Santiago para estrear en España e no Teatro Principal de Compostela Samedi Détente. Trátase dun relato en primeira persoa de Dorothée Munyaneza sobre o asasinato de 800.000 tutsis, cometido en Ruanda a medidos dos anos 90 polo goberno hexemónico hutu.

Dorothée Munyaneza fai uso da palabra para contar e cantar este relato do horror, da que ela foi testemuña na infancia. E faino como unha terapia –con baile e cancións– e como un xeito de amosar a través da arte as cicatrices propias e da historia, co ánimo de advertir dos perigos dos fanatismos identitarios.

Ese mesmo día e antes desta estrea, Escenas do cambio 2020 leva ao Salón Teatro –tamén situado no casco antigo de Compostela– a obra en portugués Légende, peza que forma parte da colaboración do festival co Instituto Camões de Portugal en Vigo e coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Trátase dunha orixinal conferencia de Romain Teule, na que xogará coa linguaxe, tamén dos animais, para abordar na práctica conceptos tales como a interpretación e a malinterpretación.

Xuízo real a Hamlet

O venres o festival continuará a súa programación polo centro da cidade, xa que levará a representación de Please, continue (Hamlet) á Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela. Nesta obra, o dramaturgo catalán Roger Bernat xulgará o personaxe de Shakespeare. Para iso, converterá o público asistente en xurado popular e terá o atractivo engadido de que contará cun equipo xudicial real en activo.

En concreto, esta peza terá a participación de Ángel Pantín, presidente da sala compostelá da sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña; de Antonio Roma, ex fiscal da área de Santiago e actualmente coordinador de xustiza no Programa de Cooperación de Loita contra a Criminalidade organizada en América, do avogado Jesús Alonso e do psiquiatra Tiburcio Angosto.

Pechará o festival, o sábado 8 de febreiro, Tres vellas (polo menos) que reúne nun mesmo escenario a tres dos mellores narradores orais de Galicia: Quico Cadaval, Celso Fernández Sanmartín e Luís Gutiérrez Guti, que ademais de fiar con humor e retranca historias cotiás e de vida, tamén cociñarán in situ para os asistentes.

Colaboración internacional e venda de entradas

Ao igual que en todas as súas edicións, Escenas do cambio 2020 conta cunha rede de colaboradores. Deste xeito, ademais do Instituto Camões de Portugal en Vigo, súmase o INAEM, o Concello de Santiago e a Universidade de Santiago (USC).

R., 2020-02-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES