
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e o presidente da Federación de Cineclubes de Galicia (Feciga), Manuel Precedo, asinaron hoxe o convenio de colaboración mediante o que a Xunta colabora un ano máis no desenvolvemento dunha ampla programación nos cineclubs asociados. Segundo se recolle no documento, a oferta de 2020 articúlase arredor dunha vintena de ciclos e semanas de cine, así como dunha serie de actividades paralelas que manteñen como obxectivo común reforzar o papel destas asociacións culturais como alternativa aos circuítos cinematográficos comerciais.
A achega económica da Xunta aos proxectos impulsados pola Feciga sitúase nos 30.000 euros, destinados ao mantemento dunha programación estable e de calidade nos cineclubs galegos, ao tempo que se contribúe ao seu labor de difusión e de creación de públicos para o cinema.
Esta nova programación estrutúrase inicialmente arredor de 13 ciclos e de oito semanas de cine. Promovidos pola Federación de Cineclubes a partir dunha temática ou estilo determinados, a carteleira de cada un dos ciclos será seleccionada polos centros participantes a partir do catálogo proposto. No caso das semanas de cine, a organización corre a cargo dos propios cineclubs que, xunto coas proxeccións, desenvolven diferentes actividades paralelas como debates, obradoiros e exposicións.
A previsión para 2020 é que se sumen ao programa de ciclos os cineclubs de Bueu, Cangas de Morrazo, Poleiro de Goián (Tomiño), Valle Inclán de Lugo, Liceo de Noia, Groucho Marx do Barco de Valdeorras, O Carballiño, Padre Feijoo de Ourense, Val Miñor Alice Guy de Nigrán, Pontevedra, A Lanterna de Viana do Bolo, Lumière de Vigo e Adega de Vilagarcía de Arousa. Pola súa banda, as semanas de cine terán lugar nos devanditos cineclubs de Cangas, Lugo, O Barco, O Carballiño, Ourense, Viana do Bolo e Vilagarcía, ademais de nos Papeiros de Chantada.
Entre as actividades complementarias, a Feciga sumarase á celebración do 50º aniversario do Padre Feijoo organizando en Ourense un encontro de cineclubles e participará nos XX Encontros de Cinema de Viana do Castelo (Portugal).
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.