
Xa se pode retirar a entrada para asistir ao encontro, organizado en colaboración co Festival Atlantic Fest, a un prezo de 10 euros (12 en billeteira) e a través da web da Cidade da Cultura ou atlanticfest.com/emprende.
O programa do evento arrancará ás 17,00 horas cun faladoiro con Brett Anderson, vocalista da banda británica Suede, no que fará un percorrido pola súa vida e carreira musical a propósito da publicación dos seus libros Mañanas negras como el carbón e Tardes de persianas bajadas. Neles, Anderson revive a súa temperá paixón pola música, os incertos inicios de Suede, o seu éxito fulgurante e o progresivo derrube da banda. Un relato lírico e apaixonado dun dos grupos imprescindibles do pop británico. O faladoiro, en formato entrevista, estará conducido polo xornalista e presentador de TV Johann Wald.
Conferencias de Alba Barneda e Javier Mariscal
Baixo o título Creativos de nova xeración. O poder da imaxe na música ou a publicidade, Alba Barneda presentará ao público a súa experiencia como directora de produción e unha das almas da axencia catalá CANADA, coñecida polos seus traballos en música e publicidade e da que saíron videoclips tan icónicos como o da canción Malamente de Rosalía.
Pechará a xornada a conferencia Sorprender, fascinar, convencer, impartida polo recoñecido deseñador Javier Mariscal, autor que conta entre a súa prolífica traxectoria con traballos como a mascota dos Xogos Olímpicos de Barcelona 92 Cobi, ou o filme de animación Chico y Rita, dirixido xunto a Fernando Trueba e galardoado co Goya á mellor película de animación.
O Atlantic Emprende + Gaiás enmárcase na programación do Centro de Emprendemento (CEM) da Cidade da Cultura, espazo que, ao longo de todo o ano, desenvolve diferentes actividades dirixidas a promover a cultura emprendedora na Comunidade. A Xunta, a través da Cidade da Cultura, apoiou máis de 400 proxectos desde a súa apertura e actualmente acolle arredor dun cento de proxectos emprendedores residentes nas súas áreas de coworking e viveiro empresarial.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.