Actualidad de Cultura

Noticias cultura

A exposición ‘Valente e a unidade das artes’ fai visible a parte artística dos fondos da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC, conformados polo importante legado do poeta, quen fixo doazón á Universidade do seu arquivo e da súa biblioteca persoais. Neste senso, o director da cátedra, comisario da mostra e amigo persoal do autor galego, Claudio Rodríguez Fer, subliña que Valente manifestou na súa obra a necesidade de recorrer ao diálogo multiartístico á hora de establecer o seu propio pensamento estético e a súa propia autopoética. José Ángel Valente (Ourense, 1929 - Xenebra, 2000), doutor honoris causa pola USC, onde estudou un curso, foi un verdadeiro escritor universal que se caracterizou pola interculturalidade e a interdisciplinariedade da súa obra.
O primeiro relato de viaxes do que se ten constancia en España foi escrito hai 16 séculos por unha aristócrata da Gallaecia romana, Exeria, que movida pola curiosidade por coñecer os escenarios bíblicos emprendeu unha peregrinación desde Galicia ata Terra Santa. O manuscrito máis antigo conservado no que se narra a súa viaxe –datado no século XI– está xa no Museo Centro Gaiás, a onde chegou procedente da Biblioteca de Arezzo en Italia para ser exhibido na mostra 'Galicia, un relato no mundo'. Exeria está considerada a primeira muller escritora –da que se ten constancia– da Península Ibérica. Tamén é a primeira peregrina que relatou a súa viaxe nun diario, que foi escribindo a modo de cartas nas que describiu aqueles lugares que percorría e que inclúen Exipto, Antioquía, Edesa ou Constantinopla.
A editorial viguesa Dos Acordes volve dedicarlle un novo volume da súa colección Ars Gallaeciae Musicae ao compositor e violinista coruñés Andrés Gaos coa publicación das partituras da súa Sinfonía nº 2 Nas montañas de Galicia. O volume ofrece nova información sobre esta obra, que agora se edita con transcrición e revisión do mestre Joám Trillo e unha introdución a cargo do musicólogo Carlos Villanueva, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Tanto este novo título, que fai o número 33 da colección, como o volume 32 contribúen á celebración do Ano Gaos 2019, declarado pola USC con motivo do 60º aniversario do pasamento do autor, considerado como un dos grandes compositores galegos do pasado século.
Convócase o programa Bibliotecas Escolares Solidarias, que ten como obxectivo estimular o voluntariado cultural en relación coas bibliotecas e a lectura entre o alumnado e recoñecer os esforzos das comunidades educativas por conformar bibliotecas escolares inclusivas, que axuden a paliar as desigualdades no acceso ao coñecemento e ao uso dos recursos culturais e de aprendizaxe, por calquera das causas posibles. A iniciativa estrutúrase en tres accións: a concesión do Selo Biblioteca Escolar Solidaria, o Voluntariado na biblioteca escolar (Secundaria) e o Voluntariado de lectura-A (Primaria). Poderán optar a este selo aquelas bibliotecas que propician especificamente valores de xustiza e solidariedade, e procuran de forma destacada a compensación de desigualdades.
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI - Filmoteca de Galicia) arranca mañá a súa última carteleira bimestral de 2019 co primeiro dos sete filmes do ciclo que lle dedica ao realizador Roberto Gavaldón, considerado un dos máximos representantes do cinema mexicano dos anos 50 e 60 do pasado século. 'La barraca', adaptación da novela de Vicente Blasco Ibáñez, foi o seu debut na dirección e o filme elixido pola cinemateca galega para abrir este especial cunha sesión dobre, ás 18,00 e ás 20,30 h. Pola súa banda, Italia é o común denominador doutros tres especiais que o CGAI preparou para esta recta final do ano, dedicados a Rino Lupo, Franco Piavoli e a documentais producidos pola Italia de Mussolini sobre a Guerra Civil Española.
San Facundo de Ribas de Miño(Paradela) foi escenario da festa celebrada nas vísperas de Santos e Defuntos, para exaltar que todas as lápidas están en idioma galego, desde a restauración do cemiterio a finais dos anos noventa do pasado século. Un acto institucional no salón de plenos do Concello de Paradela foi ocasión para asinar unha acta de reafirmación da galeguidade.
A Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) organiza esta fin de semana en Santiago a décimo terceira edición do seu Certame Galego de Bandas de Música Populares, que será a máis internacional e numerosa de todas as celebradas ata o momento, e que os vindeiros días 2 e 3 de novembro congregará no Auditorio de Galicia a 1300 músicos de 21 formacións, das que 16 son galegas, catro portuguesas e outra de Castela e León. O Certame Galego de Bandas será retransmitido en directo a través da canle da FGBMP en YouTube, e nesta 13ª edición avánzase nas novidades introducidas en 2018 para abrirse á participación de bandas doutros puntos da Península, neste caso procedentes de Benavente e de Portugal.
O Festival Internacional Outono de Teatro baixará o pano da súa 28ª edición con dous dos éxitos da tempada escénica: a recentemente estreada Fariña, dirixida por Tito Asorey, e A.K.A. (Also Known As), a creación dramática da Sala Flyhard de Barcelona que se posicionou como un dos fenómenos teatrais na escena estatal. A.K.A., unha peza valente e comprometida escrita por Daniel J. Meyer e dirixida por Montse Rodríguez Clusella, aborda cuestións como a identidade sexual e racial a partir da historia de Carlos, un mozo de 15 anos que inicia unha relación coa tamén adolescente Claudia, e que por unha serie de circunstancias alleas ao protagonista, este relatará un periodo da súa mocidade no que treman as súas raíces.
No programa de actividades deseñado para esta conmemoración inclúense unha trintena de actividades de divulgación científica, espectáculos de maxia, sesións de contacontos, obradoiros, relatorios e conferencias. Todos eles, con materiais en galego, se desenvolverán na Biblioteca de Galicia, na Biblioteca Pública de Lugo, na Biblioteca Juan Compañel de Vigo, na Antonio Odriozola de Pontevedra, na Miguel González Garcés da Coruña e na Ánxel Casal de Santiago. Ademais, tamén se organizarán actividades nos centros de ensino a través das bibliotecas escolares –promovidas pola Asesoría de Bibliotecas Escolares– e do labor que levan a cabo os equipos de dinamización da lingua galega para sumárense, desde o ensino, á conmemoración do Día da Ciencia en Galego.
O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas pretende alentar entre a comunidade escolar un traballo sistemático orientado á educación patrimonial, ao coñecemento da lingua galega e do medio e á valoración dos máis diversos elementos do noso patrimonio cultural. Os centros educativos participantes deben redactar na lingua propia de Galicia un proxecto de pescuda e de posterior divulgación dos resultados que, de ser premiado, recibe dotación para a súa execución durante o curso seguinte co apoio do Museo do Pobo Galego. O desenvolvemento do proxecto culmina cunha exposición semellante ás dúas inauguradas hoxe.
| 77,2  de  277 | Siguiente »

Notas cultura

O ciclo está composto por oito andainas nos concellos de Ares, Moaña, Sober, Oia, Cervo, Padrón, Castro Caldelas e Parada de Sil que se desenvolverán do 3 ao 31 de agosto, cun programa que comprenderá actuacións musicais e actividades gastronómicas
Os galardóns apoian a excelencia creativa nos campos das Letras, as Artes Plásticas, as Artes Escénicas, a Música, o Audiovisual, a Lingua, o Patrimonio Cultural e a Proxección Exterior, podendo ser presentadas candidaturas durante os próximos dous meses por parte das institucións e entidades culturais ou profesionais relacionadas con cada modalidade.
A escritora recibirá o vindeiro sábado 29 de xuño, no Concello da Coruña, a vixésimo quinta edición da Homenaxe O/a Escritor/a na súa Terra - Letra E, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) Esta homenaxe comporta a entrega da Letra E (de escritora) e converte a Pilar Pallarés en Socia de Honra da AELG
Do 3 ao 6 de xullo vaise celebrar en Viveiro o XIV Resurrection Fest, o festival de música metal e rock máis importante de España e un dos máis relevantes de Europa. Para esta celebración a Deputación de Lugo aporta 150.000, e calcúlase que o Resu é capaz de xerar un volume de negocio na provincia de Lugo de máis de 6,6 millóns de euros e de 8,5 en toda Galicia.
Pontedeume acollerá este sábado 22 de xuño a terceira edición da feira “Primavera no Camiño Inglés”, que volverá a reunir aos dezaoito concellos polos que discorre este itinerario xacobeo nun gran evento organizado pola Deputación da Coruña co obxectivo de promocionar os múltiples atractivos etnográficos, culturais, naturais e gastronómicos desta ruta, que conecta Ferrol e A Coruña con Santiago de Compostela.
Os preto de 70 alumnos dos catro centros educativos de Cangas, Cercedo-Cotobade, O Rosal e Fene que participaron na edición 2018-2019 do programa Cinema en Curso estrearon hoxe no Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia os filmes que realizaron co acompañamento dos cineastas Ángel Santos, Marcos Flórez, Jaione Camborda e Xacio Baño.
O escritor coruñés Rafa Vilar (Cee, 1968), vén de gañar coa obra Os outros oficios (presentada baixo o lema "Clara Z"), o XVI premio de literatura infantil e xuvenil "Pura e Dora Vázquez" na modalidade de narración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense. Rafa Vilar é un filólogo e escritor vinculado ao asociacionismo cultural de base, e foi un dos promotores do Batallón Literario da Costa da Morte e mais da colección de poesía Letras de Cal.
Tivo lugar na Casa da Cultura Lois Pereiro de Monforte de Lemos (Lugo) a inauguración da exposición MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, sobre a vida e obra do escritor de Paradela. Ademais, presentouse o libro "Manuel Rodríguez López, 25 anos despois", que recolle traballos de 50 personaxes destacados da cultura galega sobre a figura de Manolo Rodríguez. A mostra forma parte do PROXECTO MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, emprendido por GaliciaDigital e a familia do escritor.
A mostra constitúe unha selección de documentos procedentes de diferentes departamentos da Xunta de Galicia, da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela, do Banco Gallego ou do fondo da Familia Vilariño Pintos, custodiados no Arquivo de Galicia e que foron seleccionados para formar parte deste exposición sobre o desenvolvemento industrial na nosa Comunidade. Póñense así en valor os importantes fondos e coleccións dos arquivos de Galicia.
Xesús Mato Mato recibiu, hai agora un ano, a Medalla Castelao, pola súa traxectoria, pola súa obra e pola súa vida de entrega á igrexa, a música e ás causas sociais. As Medallas Castelao concédeas a Xunta de Galicia a aquelas persoas que se distinguen de xeito especial polo seu servizo a Galicia. A de Xesús Mato foi concedida en virtude da petición do Orfeón Lucense, do que Mato é Director emérito; a esta petición adheriuse logo o pleno do Concello de Paradela, do que Mato é Fillo Predilecto.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES