
O acto será inaugurado ás 12.00 horas polo presidente en funcións da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e polo alcalde de Pontedeume e deputado provincial, Bernardo Fernández Piñeiro, e contará coa asistencia de alcaldes e concelleiros dos municipios da provincia polos que discorre este itinerario xacobeo.
Unha gran carpa no parque da Alameda de Raxoi acollerá os dezaoito postos nos que os concellos polos que pasa o Camiño Inglés (Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago) darán a coñecer a súa variada oferta turística con diferentes actividades que incluirán actuacións musicais, mostras de artesanía tradicional, showcooking en vivo e degustación de distintos produtos típicos coma a tortilla de Betanzos, o pan de Neda, as troitas de Oroso, o queique de Ordes ou a proia de Pontedeume, ofrecendo aos visitantes un completo percorrido gastronómico polos sabores máis característicos do Camiño.
Durante a xornada levaranse a cabo tamén visitas guiadas polo Concello de Pontedeume e diversos obradoiros para nenos e nenas.
A feira do sábado da continuidade a un evento que gozou de gran éxito nas dúas edicións anteriores, celebradas en Betanzos, e a súa consolidación como unha cita anual de promoción do Camiño Inglés, un itinerario xacobeo que ten as súas orixes na Idade Media e que o ano pasado foi a ruta que máis medrou, rexistrando un 25% máis de peregrinos.
O evento culmina ademáis unha serie de actividades culturais e de creación artística que leva por nome Do Camiño Vivido 19 e que durante os meses de abril, maio e xuño percorreu numerosos concellos do Camiño.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.