Notas de prensa

Rafa Vilar gaña o XVI Premio 'Pura e Dora Vázquez' de Narración

O escritor coruñés Rafa Vilar (Cee, 1968), vén de gañar coa obra Os outros oficios (presentada baixo o lema "Clara Z"), o XVI premio de literatura infantil e xuvenil "Pura e Dora Vázquez" na modalidade de narración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense. Rafa Vilar é un filólogo e escritor vinculado ao asociacionismo cultural de base, e foi un dos promotores do Batallón Literario da Costa da Morte e mais da colección de poesía Letras de Cal.

O xurado, que deu a coñecer a súa resolución esta mañá trala reunión mantida no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense, sinalou que a obra galardoada que se trata "dun texto excepcional desde o punto de vista literario, con moito coidado da prosa e con relatos que amosan un gran coñecemento da lingua". Asemade o xurado explicou que se trata dunha obra "con gran potencialidade para públicos moi amplos, de fácil e agradable lectura, ademais de ser didáctica".

Así mesmo, o xurado dixo que na obra Os outros oficios o autor fai "unha galería de retratos que mesturan ben o xogo imaxinativo e adáptase para ser ilustrada". En canto ás obras presentadas ao premio nesta edición, o xurado agradeceu "o traballo feito" por tódolos autores presentados ao certame".

Ábrese agora o prazo para o XVI Premio "Pura e Dora Vázquez" na modalidade de ilustración polo que, os interesados en participar, poderán solicitar a obra premiada de narración a través do correo electrónico [email protected] ou a través do teléfono 988 317790, para o cal a Deputación de Ourense abre a súa convocatoria dende hoxe ata o día 2 de setembro de 2019. A esta modalidade poderán concorrer os ilustradores que presenten os seus traballos, inéditos e orixinais que se axusten ás bases do premio e que tomen como base o texto premiado de Rafa Vilar. A dotación do premio nesta modalidade de ilustración tamén é da mesma contía co de narración de 1.500 euros.

O xurado da XVI edición do Premio "Pura e Dora Vázquez" de narración estivo presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, e integrado como vogais por José Manuel Fernández, Mario González, Carlos Rodríguez e Isabel Mociño, actuando como secretaria a xefa da sección de Publicacións da Deputación, Ana Malingre.

Rafa Vilar (Cee, 1968). Filólogo e escritor. Vinculado ao asociacionismo cultural de base, foi un dos promotores do Batallón Literario da Costa da Morte e mais da colección de poesía Letras de Cal. Tamén participou na creación da editora dixital Retagarda Edicións. Forma parte da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).

Como poeta, publicou unha ducia de libros. Entre outros: A sotavento dunha singradura (1995); Casa ou sombra (1997, premio Cómaros Verdes); Días de sherazade (2000, premio concello de Carral); Escoración dos días (2007, premio Eusebio Lorenzo Baleirón); Migracións (2008, premio Cidade de Ourense); Erosións (2017, premio Victoriano Taibo); A cidade e a chuvia (2019, premio Selic Compostela). Así mesmo, como autor de poesía infantil publicou os libros Acuarelas (2009); Patente de corso (2012, premio Arume de poesía para nenos/as) e Animalario estrafalario (2013).

Deputación de Ourense, 2019-06-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES