//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
O Centro Dramático Galego participa na coprodución internacional 'Se fosen turistas, levarían gafas de sol', que poderá verse en Santiago do 11 ao 21 de decembro. A reflexión arredor da emigración, pasada e presente, é o eixo temático desta proposta das compañías galegas Limiar Teatro e Crémilo, que conta tamén coa implicación das entidades portuguesas Teatro Nacional D. Maria II de Lisboa e Comedias do Minho, a arxentina Cía. Nacional de Fósforos de Bos Aires e a uruguaia El Mura de Montevideo. Baixo a dirección escénica de Fran Núñez, responsable tamén da dramaturxia, e a musical de Brais Iriarte, esta comedia sobre a memoria e a desmemoria foi tomando forma ao longo de varias residencias artísticas nos devanditos países.
O Festival Internacional de Cine de Pontevedra Novos Cinemas presentou hoxe a súa cuarta edición, que do 10 ao 15 deste mes desenvolverá un programa con presenza destacada do audiovisual galego nas sesións de apertura e clausura, varias vías para o encontro entre os profesionais do sector e o primeiro foco que se lle dedica en España ao cineasta belga Bas Devos. O Festival Internacional de Cine de Pontevedra pretende asumir o papel de altofalante de olladas e realidades cinematográficas diferentes, tanto respecto dos seus monográficos como da principal característica que definen as dúas seccións competitivas: Oficial, centrada en primeiras e segundas obras de cineastas escollidos, e Latexos, con cinco filmes inéditos en Galicia.
Dúas artesás galegas resultaron premiadas hoxe na XII edición dos Premios Nacionais de Artesanía, cuxa cerimonia de entrega se celebrou esta mañá no Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Elena Ferro, do obradoiro Eferro (Vila de Cruces-Pontevedra), recolleu o trofeo que a acredita como gañadora do Premio Nacional de Artesanía pola súa obra consolidada. Así mesmo, a ceramista e enxeñeira Paula Ojea, do obradoiro Ojea Studio (Vigo), resultou gañadora na categoría Premio Produto pola colección Cut&Fold, en recoñecemento ao mellor produto ou colección dos últimos dous anos. Ambas as dúas forman parte da marca Artesanía de Galicia.
A edición número 33 de Cineuropa rexistrou unha asistencia de preto de 20.000 espectadores e espectadoras que, ao longo de tres semanas, participaron nas 336 proxeccións que se realizaron este ano. O público foi de novo o encargado de premiar os mellores filmes de entre os máis de 100 títulos que participaron nas cinco categorías oficiais do festival e escolleu as películas Dronningen na sección oficial europea, Papicha no Panorama Internacional, Un día más con vida en Animaeuropa, La llorona dentro de Latidoamericano e For Sama en Docs Cineuropa. O festival despídese cun balance de 30 presentacións realizadas en torno ao mundo do cinema, 21 protagonizadas por directores e directoras e as proxeccións de 18 películas galegas.
A programación do Nadal begontino inclúe a exposición Imaxes e Palabras, que recolle anacos de poemas de 40 autores que corresponden a traballos premiados nalgún dos 43 certames de Poesía sobre o Nadal convocados polo Centro Cultural José Domínguez Guizán. Entre os poetas figuran Xosé Otero Canto, Marica Campo, Carlos López e Martiño Maseda, presentes hoxe na inauguración. As fotografías amosan distintas escenas do Belén e pertencen aos membros do Grupo Fonmiñá Miguel Calvo, Miguel Fraga, Fernando Gago, José Manuel Guisasola, Gerardo Méndez e Eduardo Ochoa. A mostra permanecerá na sede da Xunta en Lugo ata o martes día 10 de decembro para viaxar despois ata Mondoñedo.
O espectáculo Fang, da compañía circense Animal Religion, poderá verse este domingo no Salón Teatro de Santiago, que retomará así a súa actividade escénica tras un mes maioritariamente dedicado ás proxeccións do festival Cineuropa. A función insírese na programación da cuarta edición do Encontro de Formación e Innovación no circo D10!. A compañía, fundada e dirixida polo artista catalán Quim Girón, chega a Galicia cun espectáculo polo que en 2017 obtivo o premio especial da revista de circo e artes circenses Zirkolika, recoñecemento que se suma a destacados galardóns obtidos polas anteriores montaxes.
Xesús Alonso Montero, Soledad Penalta, Monicreques de Kukas, Amancio Prada, a serie de televisión O sabor das margaridas, Pilar Ponte Patiño, a restauración do Pórtico da Gloria e o programa Galego en Londres son os galardoados dos Premios da Cultura Galega 2019. Os premiados foron distinguidos nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior, respectivamente.
Os sábados 7 e 14 de decembro, ás 17,30 horas, o público de todas as idades poderá gozar da música da Unión de Guláns e da Unión Musical de Meaño, que lle dan unha volta ao seu repertorio máis tradicional unindo o seu talento ao do grupo de teatro Todos Xuntos e o da compañía galega de novo circo Pistacatro. Crean así dúas propostas escénicas distintas e divertidas, que de seguro gustarán tanto aos maiores como aos máis pequenos da casa. Ambos concertos son de balde, pero con prazas limitadas, polo que para poder asistir cómpre recoller con antelación o convite no Museo Centro Gaiás. Os espectáculos foron galardoados na convocatoria dos premios Innova 2019.
Inaugurouse na Biblioteca e Arquivo de Galicia 'Primores do Múltiplo', unha mostra comisariada por Mª Luisa López-Vidriero Abelló co obxectivo de poñer en valor a encadernación e o coleccionismo. Co obxectivo de afondar nos detalles materiais que individualizan un libro encadernado e o diferencian de forma inequívoca, a colección da Biblioteca e Arquivo de Galicia súmase á de organizacións públicas e privadas comprometidas coa cultura de Galicia como a de Abanca, Manuel Chamoso Lamas, Isaac Díaz Pardo e Camilo José Cela. O resultado desta colaboración é un relato de 500 anos no que queda patente a complexidade dunha arte como a da encadernación, a importancia do coleccionismo e o extraordinario valor da creación conxunta entre editor e artista.
Foi presentada na capela de San Fiz de Solovio, a mostra itinerante O FIN DO CAMIÑO, organizada polo Colectivo Egeria, e que conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través do programa O teu Xacobeo. Estiveron presentes no acto Segundo Pérez, deán da Catedral de Santiago, Cecilia Pereira, comisaria do Xacobeo 2021, Isaías Calvo, director da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, e Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria. Os textos da exposición están redactados en galego, castelán e inglés para xeral comprensión, xa que está dirixida especialmente aos peregrinos, e así a súa programación vai incluír numerosos puntos dos Camiños de Santiago, comezando polos fitos do Camiño Francés en Galicia.
A Mesa pola Normalización Lingüística presentará este sábado, no 'Viñetas desde o Atlántico', 'O tempo cronolóxico', o libro ilustrado por Xulia Vicente co que quere axudar a cativada galega a coñecer o nome das principais unidades de medida temporal na nosa lingua. Este título forma parte xunto con O abecedario, As aves e Os peixes e outra fauna mariña do proxecto didáctico que A Mesa adica á educación infantil.
A Asociación de Xornalistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA), formada por profesionais da comunicación, escritores, historiadores e estudosos do Camiño de Santiago, convoca a sétima edición do `Premio Internacional APECSA, de divulgación dos valores do Camiño de Santiago, ao que, nesta edición, poderán presentarse obras de divulgación e promoción xacobea.
A feira de artesanía MOSTRART, que se celebra na Coruña dende 1985, abrirá a súa edición número 35 o xóves 1 de agosto (inauguración prevista as 12 h.), e poderá visitarse ata o día 15 nos Xardíns de Ménez Núñez, frente o Cantón Pequeno. Este ano Mostrart acolle a 56 artesáns profesionais de diferentes lugares de Galicia, prácticamente todos acollidos o sistema da marca oficial da Artesanía de Galicia, e un obradoiro invitado que procede de Madrid.
Qué noite a daquel verán e Port den Perris son a parella de novas cancións con que volta Jei Noguerol. En formato single, pódense atopar en todas as tendas dixitais a partir do vindeiro venres 12 de xullo. Ambas as dúas cancións fan parte do libro Folgos, que o trobeiro, compositor e cantante galego vai publicar co gallo do 50 aniversario da publicación do seu primeiro disco Denantes dos vinte anos.
O Consello da Xunta declarou Ben de Interese Cultural 9 esculturas atribuídas ao Mestre Mateo e ao seu taller procedentes da desaparecida portada exterior occidental da catedral de Santiago de Compostela. Estas pezas e figuras románicas son ben coñecidas, especialmente tras a exposición monográfica dedicada ao Mestre Mateo no Museo do Prado, e que teñen unha cronoloxía comprendida entre o 1188 e o 1211.
O vindeiro mércores 24 de xullo terá lugar a primeira das actuacións artísticas do ciclo Experimenta, en colaboración co grupo Tele-Clube de Lugo. A Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos acollerá, ás 20:30 horas, a perfomance Púlsar, que ofrecerán o coreógrafo e bailarín coruñés Javier Martín e o percusionista lucense Luis Casanova. Trátase dun espectáculo de improvisación a nivel de música e movemento que combina batería e danza.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo, participou hoxe na presentación en Santiago de Compostela da IV Romaxe Viquinga do Vicedo (Lugo), que se celebrará na praia de San Román deste concello mariñao os días 26 e 27 de xullo e que contará no seu cartel coa actuación Terras de Queimada, do Bruxo Queiman.
A sostibilidade agro-territorial centrará a temática do XII Congreso de Economía Agraria que se desenvolverá do 4 ao 6 de setembro na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC, un foro científico de carácter estatal para o que xa confirmaron a súa inscrición uns 130 investigadores de universidade españolas e iberoamericanas nas que se imparten estudos de agronomía e enxeñaría forestal, ademais de profesionais destes sectores, e no marco do que se presentarán 159 comunicacións e máis dunha decena de pósteres.
O Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas chega a súa décima edición cun completo programa cultural a celebrar os días 27 e 28 de xullo, nos municipios de Manzaneda e da Pobra de Trives. A presentación deste evento cultural tivo lugar en Ourense, e participaron o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director da Real Banda de Gaitas, Xosé Lois Foxo; os alcaldes de Manzaneda e Pobra de Trives, Amable Fernández e Patricia Domínguez; e o director de Oca Manzaneda, Gustavo Sanmartín.
O Galician Freaky Film Fest volverá cunha terceira edición (se contamos a primeira edición denominada 0) a cidade de Vigo coa intención de ateigala de zombies, vampiros, lobishomes e montar unha auténtica festa da cultura freak tan incorporada no ADN de toda a xeración Xabarín. As obras deberán pertencer ó mundo freak, entendendo isto como a serie B, o terror, a ciencia ficción, o cine fantástico ou a parodia dos mesmos, pero tamén a calquera outro xénero.