Noticias

O novo proxecto do Colectivo Egeria, 'O Fin do Camiño', foi presentado na igrexa de San Fiz de Solovio (Santiago de Compostela)

Foi presentada na capela de San Fiz de Solovio, a mostra itinerante “O FIN DO CAMIÑO”, organizada polo Colectivo Egeria, e que conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través do programa “O teu Xacobeo”. Estiveron presentes no acto Segundo Pérez, deán da Catedral de Santiago, Cecilia Pereira, comisaria do Xacobeo 2021, Isaías Calvo, director da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, e Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria. Os textos da exposición están redactados en galego, castelán e inglés para xeral comprensión, xa que está dirixida especialmente aos peregrinos, e así a súa programación vai incluír numerosos puntos dos Camiños de Santiago, comezando polos fitos do Camiño Francés en Galicia.

As fotografías son de dous importantes fotógrafos galegos –Eduardo Ochoa e Carlos Puga- que reflicten especiais visións dos Camiños a Compostela, arredándose das visións turísticas e centrándose nos aspectos humanos e monumentais, dos que se destacan os detalles máis sobranceiros.

Os textos abordan o tema de O FIN DO CAMIÑO como expresión dos sentimentos que moven ao peregrino para emprender este Camiño milenario, tendo capítulos especiais para o motor da fe, os máis de mil anos dos camiños, o percorrido cara a unha terra de brumas e de luz. Exprésase a procedencia dos peregrinos de lonxanas terras, polos camiños todos que levan a Compostela… destacando aspectos como que Europa se mira en Compostela, a peregrinación en multitude ou en soidade, os peregrinos singulares ou anónimos, o millón de pasos que constitúe o Camiño Francés, a cadea de fervores que o Camiño supón, para chegar á Capital de Occidente, visitar a tumba do apóstolo, completar un camiño interior reflexo do exterior percorrido, e emprender o Camiño de volta.

Cada panel conta con brevísimas glosas do Camiño de Urbano Lugrís, Dante ou Frei Luis de León; Filgueira ou Pensado; Tirso, Machado, Fraguas, Pondal, Cunqueiro, Torrente, Cervantes, Celso Emilio ou Manuel Rodríguez López.

A mostra está composta por dez paneis dobres, de 2X1 metros, e ademais do patrocinio da Xunta de Galicia a través de “O teu Xacobeo”, conta coa colaboración da Asociación de Municipios del Camino de Santiago e Acogida Cristiana del Camino, da Catedral de Santiago, e da plataforma en internet GaliciaDigital, que desenvolveu a web do proxecto, cos contidos da exposición.

R., 2019-11-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES