//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle por primeira vez os espectáculos completos de Cinema Sticado coa representación a partir de mañá e ata o domingo día 25 de tres montaxes que mesturan artes visuais, teatrais e performativas, cine ao vivo, teatro de obxectos e audio e vídeo en tempo real música en directo, características do estilo deste colectivo artístico multidisciplinar. As dúas primeiras propostas forman parte da serie de cine ao vivo STRPTS: Episodio 1: Mirlo&Rula, que se representará o venres ás 20,30 h., e Fin de tempada, que poderá verse o sábado á mesma hora. A terceira das propostas, PYKA: o corazón na eclipse, é un espectáculo de teatro visual que chegará aos espectadores o domingo ás 18,00 h.
O sector artesán galego volve estar presente nos Premios Nacionais de Artesanía convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, con tres candidaturas finalistas na edición deste ano. Trátase do obradoiros de tecido artesanal de Inés Rodríguez (Allariz) e do obradoiro especializado no traballo do coiro Santiago Besteiro (Monterroso), que competirán na categoría Emprendemento, así como a Fundación Artesanía de Galicia, que opta de novo ao Premio Promociona para Entidades Públicas polo proxecto Artesanía no Prato, que busca crear sinerxías entre artesanía, deseño e gastronomía.
La Quintana Teatro representa esta fin de semana en Santiago o espectáculo O Premio, realizado en coprodución co Centro Dramático Galego e que chegará a Compostela despois da súa estrea no Teatro Principal de Ourense, como parte da carteleira do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO). Marián Bañobre dirixe O Premio a partir dun texto de Santiago Cortegoso, que se leva a escena coas interpretacións de Victoria Teijeiro, Xurxo Cortázar e Raquel Espada, candidata a mellor actriz secundaria nos Premios de Teatro María Casares por Neorretranca e posmorriña, a última produción propio do CDG.
Do 14 ao 25 de outubro, o Festival Internacional de Teatro en Ourense (FITO) celebrará unha nova edición, a número trece. A cita adaptará a súa programación ás esixencias derivadas da loita contra a pandemia e contará con oito días de programación e once espectáculos que se desenvolverán na cidade de Ourense, como xa é habitual, pero tamén, e como novidade, no concello ourensá de Barbadás. O Teatro Principal de Ourense acolleu este martes a rolda de prensa de presentación do festival, no que colaboran Universidade de Vigo; Teatro Principal; Deputación de Ourense; Agadic e Concello de Barbadás.
A Cidade da Cultura celebrará os sábados 24 e 31 de outubro e 14 de novembro os seus Magostos no Gaiás, amenizados cada un deles coa música de raíz de Luar na Lubre, de jazz contemporáneo de Sumrrá e cos inconfundibles sons de folk de Milladoiro. Deste xeito, o Gaiás volve celebrar unha das tradicións culturais e gastronómicas de outono con máis arraigamento popular en Galicia e tamén na súa programación cultural e para os que se contará con formacións galegas, coas que se reflicte a calidade e a variedade de estilos da nosa escena musical. Como en anos anteriores, non faltarán as castañas da Indicación Xeográfica Protexida de Galicia (IXPG).
O Festival de Cine Inclusivo de Vigo, que celebra a súa quinta edición entre o martes 13 e o sábado 17 de outubro, súmase á homenaxe aos profesionais da saúde e dos servizos sociais. O obxectivo do evento, organizado pola Asociación Galega Audiovisual Inclusiva (AGAIN), é dar a coñecer, apoiar e valorar proxectos cinematográficos realizados por e para a inclusión e a igualdade a través da difusión universal da sétima arte. O festival adoptou novas seccións competitivas dirixidas a incrementar a súa incidencia positiva no sector. Así, ademais da quinta convocatoria da sección de curtametraxes de ficción e da terceira de longametraxes documentais, este ano o festival incorpora un apartado a concurso de longametraxes de ficción, outro de curtametraxes documentais e un máis para webseries de temática inclusiva.
A carteleira do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) volve centrarse en outubro no cinema feito por mulleres. Entre as 28 proxeccións que se poderán ver na cinemateca da Xunta de Galicia atópanse dous ciclos que tiveron que ser adiados dende o pasado mes de abril por mor do estado de alarma, con filmes de Ida Lupino e Angela Schanelec, así como varias proxeccións especiais. Así, a sala de exhibición cinematográfica da Coruña inclúe este mes o ciclo Esenciais: Ida Lupino, centrado na única directora que traballou para os estudios de Hollywood nos anos 50 e a segunda en ser admitida no sindicato americano de directores, DGA. O CGAI dedícalle tamén unha completa retrospectiva á cineasta alemá Angela Schanelec, unha das voces máis destacadas da que se deu en chamar Escola de Berlín.
O xurado da sexta edición do Premio Nortear escolleu a obra Ganapos da escritora portuguesa Célia Fraga, como vencedora do galardón deste ano, dotado con 3.000 euros e coa publicación de 500 exemplares en edición bilingüe, galego e portugués. A Xunta de Galicia, en colaboración coa Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT) colaboran no desenvolvemento deste certame destinado a recoñecer as obras literarias orixinais de ambos lados da fronteira, ao mesmo tempo que se incentiva a produción literaria entre a mocidade galega e portuguesa co lanzamento de novos escritores.
A cidade de Santiago acollerá a segunda edición do festival de música culta Ateneo Barroco, un festival que abre as portas ao outono non só a través de concertos, senón tamén con relatorios e proxeccións. A segunda edición de Ateneo Barroco comezará o vindeiro día 5 de outubro cunha conferencia inaugural e traerá a Santiago de Compostela cinco concertos e relatorios sobre instrumentos e o ciclo cinema que se celebrarán en distintos espazos cedidos polo Concello e a Universidade.
Teatro do Atlántico celebra esta semana na sede do Centro Dramático Galego os seus 35 anos sobre os escenarios coa reposición de catro das súas últimas montaxes máis recentes. Así, a compañía que dirixe Xúlio Lago porá en escena o xoves 1 de outubro Helena: xuízo a unha lurpia, de Miguel del Arco; o venres día 2, A conquista da escola de Madhubai, de Hèléne Cixous, e o sábado 3, Dúas donas que bailan, de Josep María Bernet i Jornet. O domingo día 3 resérvase para o espectáculo-recital de poesía galega contemporánea de varios autores De abrentes e ocasos. Teatro do Atlántico é unha das compañías galegas de máis prolixa e coherente traxectoria, constituída no ano 1985 por María Barcala e Xúlio Lago.
Máis de 1500 persoas aprenden galego durante estas semanas a través do cursos en liña que ofrece a Xunta de Galicia no marco do Plan de Teleformación en Lingua Galega para o ano 2020 para residentes tanto na Comunidade como noutras zonas. Un total de 1080 alumnos seguen, ata o 8 de maio e baixo a titorización de profesorado específico, un total de 34 cursos preparatorios das probas de acreditación do Certificado en Lingua Galega (Celga).
O programa Residencias Paraíso do Colectivo RPM anuncia os seis proxectos de artes do movemento seleccionados para impulsar os seus procesos creativos no marco da cuarta edición. A Agadic contribúe economicamente e facilita as instalacións e o equipo técnico do Salón Teatro de Santiago de Compostela, que será un dos sete espazos receptores das estadías artísticas deste ano, cunha duración de entre dúas e tres semanas segundo os casos.
A Xunta de Galicia está a preparar un amplo paquete de medidas específicas dirixidas a paliar os efectos da crise sanitaria provocada polo coronavirus Covid-19 no sector cultural galego, coa finalidade de preservar a actividade e o emprego das industrias culturais, garantir o cumprimento das programacións previstas e estimular o consumo cultural ao remate do actual estado de alarma.
Minerva, o repositorio institucional da USC, proporciona acceso, dende 2014, a coleccións bibliográficas dixitalizadas e a gran parte da produción investigadora e docente da Universidade de xeito aberto e en liña. Na actualidade, este fondo online está estruturado nos apartados Arquivo Histórico Universitario con 363 documentos; Biblioteca, o cal consta de 3411 recursos; Docencia e Innovación Educativa con 643; I+D+I, dotado de 12753 elementos; e Institucional con 2110.
Está formada por cerca de 130 postais de principios do século XX que amosan as primeiras fotografías coñecidas de peregrinos. Trátase dunha mostra itinerante que arrancou no Cebreiro o pasado mes de outubro e que foi facendo paradas ao longo do Camiño Francés ata chegar a Compostela, onde se poderá visitar ata finais do mes de abril. A través de dez paneis, a exposición propón viaxar no tempo partindo das catro vías históricas do Camiño Francés para entrar en España por Roncesvalles e Somport.
Este mércores da comezo a oitava edición do festival Atlántica de narración oral cun dos espectáculos clásicos deste encontro: a gala inaugural. Baixo o título de Varios ventos, boa parte dos artistas do Atlántica vanse xuntar para brindar un petisco da súa arte. Coa denominación de Varios ventos faise alusión ás voces que desta volta van encher de contos o Festival Atlántica. Haberá tempo para a tradición oral aragonesa que tan ben coñece Sandra Araguas e para as historias do polifacético Fernando Saldaña.
O festival 'Alguén que respira!' reúne entre o 18 e o 20 de marzo en Compostela o máis escintilante cartel poético que existe en Galicia. Serán case cincuenta poetas e cinco estreas, entre elas o novo espectáculo de Rompente, a aposta de Mercedes Peón pola poesía ou unha homenaxe a Francisco Cortegoso. O programa conta coa presenza dalgunhas das voces máis impactantes do panorama galego e internacional.
'O Son do Camiño' presentou hoxe a súa terceira edición, a gran cita musical que, un ano máis, congregará a artistas de primeiro nivel no Monte do Gozo. Este evento, que se celebrará os días 18, 19 e 20 de xuño, volverá situar Galicia como un referente do turismo de festivais da man dunha decena de bandas de renome internacional, que suman 12 premios Grammy, e dunha quincena de artistas e bandas da nosa Comunidade que converterán esta edición na máis galega da súa historia.
A exposición estará na sala de proxectos, no primeiro andar, do 6 marzo ao 14 xuño de 2020. Producida polo Museo de Arte Contemporánea de Vigo e comisariada por Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto Soto, conta ademais coa colaboración da Deputación de Pontevedra. A mostra céntrase nas obras nas que Yolanda Herranz Pascual (Barakaldo, Biscaia, 1957) xoga co sentido e forza dos conceptos, convertindo a palabra en dimensión e enerxía escultórica.
O Concello de Ourense porá en marcha este ano o Premio Nós de Relatos, unha iniciativa que nace con motivo da conmemoración do centenario da Revista Nós, coa que quere render homenaxe ao traballo deste grupo, á revista e en definitiva a un dos proxectos culturais máis singulares e que situaron a cidade de Ourense como a Atenas de Galicia.