Buscador
Noticias
Foi inaugurado no Centro Galego de Arte Contemporánea o segundo encontro do ecosistema de I+D+i en cuántica. Baixo o título 'Construíndo ecosistemas de impacto en cuántica', o foro reuniu un cento de expertos e entidades relacionadas con este eido a nivel nacional e internacional, co obxectivo de fortalecer as colaboracións e posicionar Galicia como unha comunidade de referencia nestas tecnoloxías. Esta xornada enmárcase no proxecto Quorum (Ecosistemas de innovación en cuántica), financiado por CDTI con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR). Liderado por Gradiant e coa participación de Fujitsu, a Axencia Galega de Innovación, Cesga, Fidesol Itecam, QCentroid e Qilimanjaro, aspira a crear unha contorna colaborativa para fomentar a innovación no campo cuántico en España e posicionar ao país á vangarda.
A programación de outubro da Filmoteca de Galicia prestaralle unha especial atención á figura do cineasta Travis Wilkerson no marco da súa habitual colaboración co Festival Internacional de Cine da Coruña Intersección. O artista estadounidense visitará a cidade os días 3 e 4 de outubro para presentar dúas destas sesións dedicadas á súa obra. A cinemateca galega avanzará, ademais, no ciclo dedicado ao realizador francés Maurice Pialat, será unha das sedes do festival Animacción e mostrará a restauración dos arquivos da produtora coruñesa Espello Vídeo Cine correspondentes á década dos 80. Estas actividades centran a próxima carteleira mensual, que tamén celebrará o Día do Cine Español coa proxección o día 7 de El inquilino, de José Antonio Nieves Conde (versión restaurada).
O modelo de ensino híbrido galego vén de ser recoñecido a nivel estatal coa primeira edición do premio que outorga o Observatorio Nacional de Educación Dixital (ONED), un consorcio integrado por entidades tanto públicas como privadas vinculadas á investigación como a Fundación Cotec e a Fundación Princesa de Girona, entre outras. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, recolleu esta mañá en Málaga este galardón, nun acto que tivo lugar con motivo das Xornadas de colaboración público-privada en educación organizadas por esta organización, cuxo labor se centra precisamente en xerar coñecemento colectivo e ofrecer información actualizada sobre a educación dixital en España.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que a Conta Xeral da Comunidade Autónoma correspondente ao exercicio 2024 amosa que Galicia pechou o ano co 100% do orzamento executado -case 900 millóns de euros máis que en 2023- e logrou reducir a súa débeda en 234 millóns. Un documento que, segundo resaltou, confirma 'a solvencia' das contas autonómicas. Tal e como explicou o presidente, a Conta Xeral destaca tamén que Galicia acadou 'un superávit do 0,23% do PIB', obtendo unha capacidade de financiamento de 191 millóns de euros. Esta capacidade de financiamento compatibilizouse cunha execución do gasto non financeiro de preto do 100% dos créditos iniciais, aumentando preto de 853 millóns con respecto ao exercicio anterior.
Os conselleiros de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañados polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e pola directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participaron esta mañá no foro empresarial Oportunidades de cooperación e investimento entre empresas galegas e chinesas, organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia e pola Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.
O festival de danza e artes do movemento 6coreógrafas celebrará a súa quinta edición os días 3 e 4 de outubro na Estrada para conformar cunha ampla programación de espectáculos e actividades formativas que consolidan o encontro como un referente desta disciplina escénica en Galicia. Baixo a dirección da coreógrafa e bailarina Paula Quintas, o festival comezará o 3 de outubro cunha nova sesión do ciclo de conversas Entre formas e palabras, na Casa das Letras. A cita enmárcase no programa itinerante deseñado e organizado conxuntamente pola Xunta e a Fundación Paideia Galiza co obxectivo de impulsar o talento e a profesionalización do sector.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destacou que o Plan Estatal de Vivenda replica os mesmos erros do anterior, polo que 'non solucionará o problema de acceso á vivenda, ao non impulsar a construción nin o desenvolvemento de solo'. Allegue, acompañada pola secretaria xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), María Ángeles Domínguez Franjo, abordou hoxe nunha rolda de prensa este novo plan, que non está consensuado, polo que adiantou que a Xunta solicitou hoxe unha reunión bilateral co Ministerio.
A satisfacción dos galegos coa súa vida e a percepción sobre a súa saúde mellora respecto aos datos do ano 2019 segundo a última enquisa do Instituto Galego de Estatística. O IGE vén de publicar o módulo específico da Enquisa estrutural a fogares dedicado ao estudo do capital social para o ano 2024, unha operación dedicada a coñecer o grao de benestar dos galegos maiores de 16 anos. Esta enquisa xa se realizou previamente nos anos 2014 e 2019, cuxos datos completos e actualizados poden consultarse na web do IGE. No 2024, o grao de satisfacción dos galegos e galegas coa súa vida foi de 7,31 nunha escala de 0 a 10, sendo 0 nada satisfeito/a e 10 plenamente satisfeito/a, puntuando por riba de 7 o 73,71 % dos enquisados.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, representou hoxe a Galicia na quinta sesión da Comisión de Política Económica (ECON) do Comité Europeo das Rexións (CdR). No encontro, celebrado en Bruxelas, os representantes das rexións e cidades aprobaron dous proxectos de ditame: un relacionado coa industria do aceiro e o metal e outra sobre a intelixencia artificial. Tamén se debateu sobre a estratexia para o Mercado único e sobre a contratación pública. Galicia presentou tres emendas ao proxecto de ditame do Plan Europeo de Acción para o Aceiro e os Metais, que busca reducir os gastos enerxéticos e garantir prezos accesibles e competitivos para impulsar o crecemento industrial.
O centro Gaiastech da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia acollerá o próximo xoves, 2 de outubro, a partir das 9:30h., unha xornada de debate sobre as oportunidades que representan tecnoloxías como a intelixencia artificial para o emprego, o desenvolvemento social con criterios éticos e a garantía de que as persoas reciban información veraz. A xornada ten como obxectivo acoller un diálogo que conecte visións técnicas, sociais, éticas e institucionais para comprender mellor como as tecnoloxías innovadoras transforman ámbitos tan sensibles como o emprego, a formación, os dereitos fundamentais ou a información.