
Cinema e activismo
A Sala José Sellier é xa desde hoxe unha das principais pantallas de Intersección e, en colaboración con esta mostra, organiza do 3 ao 23 de outubro a retrospectiva do realizador Travis Wilkerson, quen presentará persoalmente as proxeccións dos días 3 e 4 de outubro. O ciclo é unha oportunidade única para achegarse á obra dun autor cuxo traballo transcende os límites do documental, a ficción, a interpretación e o activismo, cun estilo austero nos medios e firme nos principios, cualificado pola prensa como a conciencia política do cinema estadounidense.
A súa filmografía, recoñecida internacionalmente en festivais como Berlín, Sundance, Toronto ou Locarno, aborda temas tan diversos como a memoria histórica, as desigualdades, o poder das narrativas oficiais e as fronteiras da identidade. Varios dos traballos que se presentan na Coruña están codirixidos xunto á súa parella, Erin Wilkerson, como Did You Wonder Who Fired the Gun? ou a serie de curtas programadas o sábado 4.
Percorrido polas obras máis destacadas de Maurice Pialat
A cinemateca da Xunta continúa co ciclo Centenario Maurice Pialat, unha retrospectiva que conmemora os cen anos do seu nacemento. Esta segunda entrega aborda a etapa máis recoñecida da súa traxectoria, coa proxección de filmes esenciais como A nuestros amores, retrato descarnado da adolescencia que lle valeu o aplauso da crítica; Bajo el sol de Satán, controvertida Palma de Ouro en Cannes en 1987, ou Van Gogh, unha aproximación radical e humanísima aos últimos días do pintor, considerada unha das mellores representacións do artista na pantalla.
O ciclo culminará en novembro coa proxección de La maison des bois, a súa única incursión televisiva. Ambientada na Primeira Guerra Mundial, esta serie de sete episodios amosa un Pialat máis intimista e, malia a súa escasa difusión, é hoxe unha obra de culto imprescindible para comprender o seu universo creativo.
Fondos depositados na Filmoteca
Ademais, a Filmoteca de Galicia inaugura en outubro o ciclo Espello, Vídeo, Cine: unha crónica da Galicia dos oitenta, que do 9 de outubro ao 20 de decembro revisitará unha época clave da nosa historia recente a través das imaxes filmadas nesa década polas cámaras pioneiras da produtora coruñesa liderada por Xosé Xoán Cabanas Cao. A cinemateca dedicaralle catro sesións a este fondo, depositado no seu arquivo e recentemente dixitalizado a partir dos orixinais en U-Matic, que constitúe un dos testemuños audiovisuais máis valiosos da vida política, social e cultural da Galicia previa á TVG. As dúas primeiras sesións, os días 9 e 11 de outubro, contarán con especialistas e protagonistas daquel tempo.
Pola súa banda, o 20 de outubro comezarán as proxeccións do festival Animacción, entre as que destacan The Tower, que conta as vivencias dunha nena palestina nun campo de refuxiados; The Wanted 18, un documental animado palestino-canadense; Memorias dun caracol e Flow, gañadora do Oscar a mellor filme de animación.
Ademais, no apartado Fóra de Serie volve exhibirse La viajera, de HongSang-soo, o día 7, mentres que o 24 será a quenda de Danza no foco, de Marghe Morello, un repaso polo panorama da danza contemporánea galega a través de 10 cápsulas visuais. Por último, a Filmoteca acollerá o 21 de outubro a conferencia perfomativa Cine cego, a cargo da creadora e teórica Marta Azparren, acompañada pola artista sonora Haize Lizarazu.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.