
Así mesmo, mostra que a débeda da Comunidade autónoma galega se situaba, en 31 de decembro, no 14,5% do seu PIB autonómico, cumpríndose o obxectivo máximo de débeda que o Goberno galego tiña fixado inicialmente e que era do 14,9%. A minoración da débeda foi de 234 millóns de euros, pasando de 12.170 millóns a finais de 2023 a 11.936 millóns a finais de 2024.
Rueda lembrou que proba da solvencia da Facenda económica é que no 2024 se rescataron catro autovías galegas, o que permitiu aforrar nos orzamentos futuros máis de 300 millóns de euros, xa que a partir deste ano non se aboa peaxe en sombra ás concesionarias.
O titular do Goberno galego tamén destacou que, segundo reflicte o documento, a Comunidade galega cumpre executando o orzamento con mellores indicadores que os territorios da súa contorna, cun crecemento do PIB do 2,8%, medio punto máis do previsto, acadando un nivel do PIB 9 puntos superior ao ano 2019, dous puntos máis que a media española, e coa menor taxa de paro desde 2008, dous puntos inferior á media de España.
Ademais, Galicia lidera un ano máis o esforzo investidor, cun 16,4% do gasto de capital sobre o gasto non financeiro, case o dobre da media.
Na Conta Xeral pódese apreciar que a nosa comunidade segue a ser referente entre as comunidades que máis rápido pagan aos seus provedores. En concreto, rematou o 2024 cun período medio de pagamento de 17,32 días fronte aos 31,15 días de media das comunidades autónomas.
Outra das magnitudes que permiten analizar a xestión orzamentaria e a sustentabilidade das finanzas públicas é o aforro bruto, medido como a capacidade de financiar gastos de capital con ingresos correntes. En 2024, Galicia experimentou un grande aumento do aforro bruto, acadando un total de preto de 1.577 millóns de euros, o que permite destinar máis recursos a investimentos.
Melloras na elaboración das contas
O documento destaca tamén a introdución de diferentes melloras na elaboración das contas, en resposta a varias recomendacións realizadas neste sentido polo Consello de Contas, entre as cales destacan a mellora na información dos beneficios fiscais que se inclúen na Conta, a remisión anual dun informe de seguimento dos expedientes de reintegro derivados das actuacións de control financeiro, a incorporación das certificacións bancarias das contas correntes dos habilitados, a ampliación da información da memoria da Conta Xeral do Sergas e a posta en funcionamento en xaneiro de 2025 do Rexistro de entidades.
A cuarta edición de Electrofauna vaise desenvolver ata o sábado 1 de agosto na contorna do parque de Vista Alegre de Santiago de Compostela, con música ao vivo, rutas de descuberta natural, visitas guiadas, proxeccións, artesanía, danza, obradoiros e demais actividades inspiradas no respecto ambiental e deseñadas para todos os públicos. Na programación musical destacan as actuacións das galegas Zeltia Irevire, Catuxa Salom, Peitoescuro, High Paw, XianPais e Terra DJs, ademais de DJ Daasanach, DJ Eva Chloé e Bstudio Danza. Esta carteleira únese aos concertos internacionais de Asmaa Hamzaoui & Bnat Timbouktou, chegadas desde Marrocos, Nidia Góngora coa súa última formación Nuevos Ríos con artistas de Colombia e Francia (Canalón de Timbiquí e Reco Reco) e Tiraya, orixinario de Venezuela.
Galicia consolídase como unha das comunidades máis eficientes na xestión de residuos municipais cunha mellora que rolda os dez puntos na taxa de reciclaxe. Os datos remitidos pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para a súa inclusión na Memoria anual de xeración e xestión de residuos indican unha importante evolución de Galicia na consecución dos obxectivos establecidos pola Unión Europa. Estes datos, correspondentes ao exercicio de 2024, estiman unha mellora de ata 10 puntos na taxa de reciclado (do 20 ao 30%), e situando a Galicia nunha posición destacada a nivel nacional.