Noticias

Galicia avoga en Bruxelas por incrementar o investimento en redes eléctricas para favorecer a descarbonización no sector siderúrxico

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, representou hoxe a Galicia na quinta sesión da Comisión de Política Económica (ECON) do Comité Europeo das Rexións (CdR). No encontro, celebrado en Bruxelas, os representantes das rexións e cidades aprobaron dous proxectos de ditame: un relacionado coa industria do aceiro e o metal e outra sobre a intelixencia artificial. Tamén se debateu sobre a estratexia para o Mercado único e sobre a contratación pública. Galicia presentou tres emendas ao proxecto de ditame do Plan Europeo de Acción para o Aceiro e os Metais, que busca reducir os gastos enerxéticos e garantir prezos accesibles e competitivos para impulsar o crecemento industrial.

Pretende, ademais, reforzar instrumentos como o CBAM (Mecanismo de Axuste en Fronteira por Carbono) para protexer as industrias europeas da competencia desleal na produción de aceiro e metal en países con normas ambientais máis laxas.

Neste sentido, Jesús Gamallo defendeu no Comité das Rexións a necesidade de incrementar o investimento en redes eléctricas para que os proxectos de electrificación e descarbonización no sector siderúrxico se poidan acometer “con confianza e garantías”. “Na situación actual, as redes eléctricas son un atranco para desenvolver proxectos e obter permisos”, salientou o director xeral, engadindo que é preciso reforzar o investimento para reducir custos enerxéticos e avanzar na descarbonización.

Esta demanda de Galicia está en liña coas prioridades europeas e encaixa co anuncio realizado por Ursula Von der Leyden no debate sobre o estado da Unión de hai unhas semanas. A presidenta da Comisión Europea propuxo un novo paquete de medidas orientado a reforzar e modernizar a infraestrutura europea de rede e acelerar a concesión de permisos que se traduzan nunha enerxía máis accesible. Galicia insta ademais a traballar para conseguir un mercado enerxético estable a través de mecanismos que permitan una maior competitividade, incluíndo a estabilización dos prezos.

Europa cara ao liderado na IA

Os representantes das rexións e cidades tamén abordaron un proxecto de ditame Plan de Acción Continente de Intelixencia Artificial, unha iniciativa de 200.000 millóns de euros que pretende converter a Europa en líder mundial en IA.

Os membros da comisión ECON reclamaron a redución da fenda da intelixencia artificial, fomentando ecosistemas de IA locais, rexionais, transfronteirizos e transnacionais na UE e salientando a importancia da sensibilización, a formación e o despregue de modelos de IA. En consonancia coas conclusións do recente estudo do CDR sobre a adopción da IA e da GenAI por parte das administracións locais e rexionais -no que se recolle o caso pioneiro de Galicia ao ser a primeira rexión europea en lexislar sobre intelixencia artificial-, pídese que a Comisión debuxe un sistema de seguimento normalizado e indicadores clave de rendemento para monitorizar o impacto da IA, axustar as estratexias e adaptarse aos avances tecnolóxicos.

Contexto

No actual mandato 2025-2030 do Comité Europeo das Rexións (CdR), Galicia participa na comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) e na comisión de Política Económica (ECON). Esta última elabora ditames sobre economía, industria ou competencia, canalizando así a voz das rexións e municipios europeos en relación á política económica, industrial e comercial comunitaria.

R., 2025-09-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES