
O festival de danza e artes do movemento 6coreógrafas celebrará a súa quinta edición os días 3 e 4 de outubro na Estrada co apoio da Xunta para conformar cunha ampla programación de espectáculos e actividades formativas que consolidan o encontro como un referente desta disciplina escénica en Galicia.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou esta mañá xunto ao alcalde da localidade, Gonzalo Louzao, na presentación desta cita, onde prestou testemuño das accións levadas a cabo polo Goberno galego co obxectivo de impulsar as artes do movemento, tanto a través de axudas para a programación, creación de espectáculos en réxime de subvención ou coprodución co Centro Coreográfico Galego, ou mesmo á contribución para desenvolvemento de proxectos de dinamización como 6coreógrafas.
Na presentación, que tivo lugar na Alameda da Estrada e contou cunha intervención ao vivo a cargo da artista Raquel Ferradás, Sutil destacou o papel do festival como un espazo de encontro arredor da danza contemporánea cunha proposta que fomenta a descuberta, a formación, o diálogo e a creación de novos públicos. O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor un programa integrado na súa totalidade por propostas de compañías galegas con espectáculos de gran calidade, profesionais de recoñecido talento e estreas como a da peza Diz-me meu amor, que o dúo formado por Raquel Ferradás e María de Vicente estreará o sábado no marco do certame.
O responsable de Industrias Culturais tamén aproveitou a oportunidade para lembrar que A Estrada será destinataria o domingo día 5 de outubro doutro ciclo de danza impulsado pola Xunta coa colaboración municipal. Trátase dunha actuación de música e baile tradicionais a cargo da agrupación coruñesa Xacarandaina, que terá lugar na praza do Concello ás 12,30 horas.
Ciclo itinerante de conversas
Baixo a dirección da coreógrafa e bailarina Paula Quintas, o festival comezará o 3 de outubro cunha nova sesión do ciclo de conversas Entre formas e palabras, na Casa das Letras ás 18,00 horas. A cita enmárcase no programa itinerante deseñado e organizado conxuntamente pola Xunta de Galicia e a Fundación Paideia Galiza co obxectivo de impulsar o talento e a profesionalización do sector.
Nesta ocasión, o faladoiro Da idea ao escenario: creación contará coa participación das recoñecidas creadoras Rut Balbís, coreógrafa e docente en danza contemporánea, e Paloma Muñoz, directora da compañía SIberia. A conversa incluirá ademais a presentación do showcase Ollos cara adentro da compañía iXa Danza, unha proposta que interpretan Elena Castellanos e Xián Martínez e que traslada a concepción surrealista do soño a un espazo físico efémero onde a linguaxe predominante é o movemento.
Programación na rúa
A xornada do sábado 4 de outubro abrirase co obradoiro Corpos en acción, impartido por Raquel Ferradás no Museo MOME, orientado a público infantil e xuvenil así como ao alumnado da Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada. Xa ao mediodía, o Novo Mercado acollerá unha sesión vermú coa intervención de Alfonso Medina, e o seu espectáculo de soundpainting, no que música e danza dialogan en tempo real.
Pola tarde, a Alameda Municipal converterase no gran escenario das pezas de rúa. Ás 18,30 horas terá lugar a estrea de Diz-me meu amor, na que Raquel Ferradás e María de Vicente celebran a complicidade, o coidado e a forza construíndo un espazo íntimo e poderoso a través de xestos sostidos, miradas cruzadas e pasos entrelazados nun acto de celebración dos lazos que curan, do amor que non esixe, que acompaña e eleva. As artistas concibiron esta peza como unha homenaxe a todas as formas de amor entre mulleres que se escollen, apoian e celebran mutuamente en liberdade.
De seguido, Alba Cotelo presentará o seu solo Monte, que tende pontes entre Galicia e Cuba desde a visión dunha muller que puido vivir a emigración de ida e volta. O seguinte espectáculo será WTF!, unha mestura de xogo e movemento coa historia de dúas criaturas chegadas á Terra desde outro planeta da man de Cris Vilariño e Diego Buceta. A xornada pecharase coa proposta galego-portuguesa Alleo, da compañía Colectivo Glovo, que desenvolve desde a danza a idea das antigas atalaias.
Finalmente, como extensión do programa, o 11 de outubro ás 11,00 horas celebrarase o obradoiro Xogos en movemento, dirixido por Arturo Cobas e un artista convidado. Esta actividade, destinada a público adulto e ao alumnado da Escola Municipal de Artes Escénicas, pecha unha edición que volve poñer á Estrada no mapa da creación contemporánea galega.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.