
José González subliñou a relevancia deste encontro no que tamén estivo presente o embaixador da República Popular China en España, Yao Jing como un espazo de colaboración público-privada para fomentar novas oportunidades no ámbito da internacionalización e da cooperación en mercados estratéxicos. Un foro, dixo, que funciona en dobre sentido: apoiando ás compañías galegas no seu proceso de implantación en China e, á vez, favorecendo a chegada de investimento do país asiático a Galicia.
O titular de Emprego, Comercio e Emigración destacou que Galicia actúa como unha administración facilitadora para o seu tecido empresarial, comprometida coa simplificación de trámites, acompañando ás empresas nos retos que afrontan tanto no mercado laboral como a cobertura de vacantes, a flexibilización da formación para o emprego ou a captación de talento como no impulso da súa competitividade e no acceso a mercados internacionais, como o caso do chinés. Valorou tamén o papel das Cámaras de Comercio, ás que cualificou de pezas fundamentais no apoio e dinamización das empresas, tanto pola súa labor de asesoramento como pola súa contribución á internacionalización do tecido produtivo.
Galicia, unha rexión de equilibrio e solidez financeira
Pola súa parte, a conselleira de Economía e Industria destacou a Galicia como socio estratéxico para China en Europa pola ubicación atlántica que conecta directamente cos grandes portos europeos e con América Latina; por contar cunha economía que combina unha industria forte, tradición innovadora e un capital humano altamente cualificado e pola nosa previsibilidade, algo moi valorado polos investidores internacionais, asegurou.
Neste senso, María Jesús Lorenzana puxo en valor o equilibrio e estabilidade financeira que ofrece a Comunidade galega grazas a un tecido empresarial resiliente do que forman parte máis de 190 empresas que teñen unha presencia constante no mercado chinés; a institucións comprometidas como o Igape, e á posta en marcha de ferramentas como a Oficina Económica de Galicia para a simplificación de trámites e a centralización de servizos tanto para o empresariado galego como para os investidores estranxeiros ao ofrecerlles unha contorna áxil e eficaz. E, ao fío, apuntou que a porcentaxe de empresas exportadoras regulares creceu ata o 43 % do total o que da boa mostra da relación de confianza entre Galicia e China.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.