Buscador
Noticias
Do 11 ao 15 de febreiro, o XXIX Festival Internacional de Teatro Universitario da USC abre en Compostela unha fiestra ás creacións teatrais desenvolvidas por compañías das contornas galega, estatal e europea. Ademais da Aula de Teatro da USC, nesta edición participan as escolas de teatro das Universidades de Castela A Mancha, de Xaén, de Vilnius Gediminas de Lituania e de Beira Interior de Portugal. Esta é unha actividade xa incluída na programación da Primavera Cultural da USC. Todas as representacións desta cita anual organizada desde a Aula de Teatro da USC desenvolveranse no Salón Teatro de Santiago de Compostela ás 20.30 horas e a entrada é de balde previo paso pola billeteira, que abrirá cada día ás 19.00 horas.
Galicia rexistrou en 2025 o terceiro mes de xaneiro máis cálido dos últimos sesenta anos, tal e como indica o avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia.Segundo os valores rexistrados nas estacións meteorolóxicas máis representativas, a temperatura media o pasado xaneiro foi de 9,8 graos, o que supón un valor 1,8 graos superior ao normal neste período do ano, polo que se considera un mes extremadamente cálido. De feito, trátase do terceiro xaneiro máis cálido desde 1961. Máis polo miúdo, o valor medio da temperatura máxima foi de 12 graos cun gran contraste entre as comarcas costeiras e as de interior. Así, os valores máis altos rexistráronse na comarca do Salnés -entre 14,3 e 15,2 graos- e os máis baixos -entre 6 e 7,7 graos- nas serra de Queixe e do Eixe.
Con motivo do Ano Internacional da Ciencia e a Tecnoloxía Cuántica, a Administración autonómica, así como as universidades públicas, os centros de coñecemento e todas as entidades relacionadas con este campo en Galicia, van celebrar un amplo calendario de eventos para impulsar esta tecnoloxía e amosar todo o potencial galego. Actualmente xa hai pechados oito eventos, aos que se sumarán diversos coloquios, actividades e xuntanzas. O Cesga, xunto coa Universidade de Santiago e a entidade Quantum Spain, organizan o 28 de febreiro e o 7 e 14 de marzo o evento USC Quantum Computing Workshop en Santiago de Compostela. Ademais, o 14 de abril ofrecerán unha masterclass online orientada a estudantes de Secundaria. Igualmente, Cesga e a USC, xunto con TalentQ, celebrarán webinars todos os martes cada dúas semanas.
No marco da conmemoración do 60 aniversario do nacemento do graffiti contemporáneo, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude trae ao Gaiás a Cornbread, artista estadounidense considerado o primeiro grafiteiro contemporáneo e un dos pioneiros deste movemento que transformou a expresión artística e a cultura urbana a nivel mundial. Darryl A. McCray, coñecido internacionalmente por Cornbread, o nome co que enchía as paredes da súa Filadelfia natal nos anos 60, compartirá a súa historia nunha conferencia este mércores 5 de febreiro ás 17,00 horas no Auditorio 1 do Edificio CINC da Cidade da Cultura. Con este evento, o artista inicia unha xira que o levará por centros culturais de toda Europa.
Galicia comeza 2025 con 121.320 persoas no paro, a cifra máis baixa nun mes de xaneiro desde que hai rexistros (1996), e acumula 16.559 novas afiliacións á Seguridade Social en relación con xaneiro de 2024, acadando, con 1.067.089 cotizantes, o mellor dato neste mes desde hai 16 anos. O dato de persoas desempregadas sitúanos ademais como a cuarta Comunidade con maior porcentaxe de caída no último ano, máis dun punto por riba da media española. En relación coa comparativa interanual, o desemprego cae nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades e en todos os colectivos prioritarios nas políticas activas de emprego da Xunta como os menores de 30 anos, as mulleres e os parados de longa duración.