Archivo (11 del 2025)

Buscador

Noticias

O sistema sanitario público galego será o primeiro de España en contar cun centro de protonterapia de titularidade pública. A Xunta está a impulsar a oncoloxía radioterápica no sistema sanitario público galego, coa dotación de novos aceleradores lineais para os Hospitais Públicos de Pontevedra e Ourense e puxo en valor a futura posta en marcha, no último trimestre de 2026, do Centro de Protonterapia de Galicia, que permitirá tratamentos máis precisos e menos invasivos. Esta actuación enmárcase nun acordo coa Fundación Amancio Ortega para a implantación da protonterapia en España.
O Museo das Peregrinacións e de Santiago celebrará esta fin de semana obradoiros, concertos e un espectáculo de danzas do mundo no para conmemorar o décimo aniversario da apertura, na compostelá Praza das Praterías, da súa sede expositiva, un programa diverso e aberto a todos os públicos, para recoller a mesma esencia e cerna do museo. A programación do sábado, día 8, botará a andar ás 10,30 horas coa artesá Cristina Molares, quen desenvolverá un obradoiro de demostración de vidraría artística. Pola tarde, será a quenda de concertos musicais nas propias salas do museo para os que non será necesario inscribirse. A primeira das actuacións será a de Álex Salgueiro, ao clavicordio; á que lle seguirá Eloi Pérez cun repertorio de melodías celtas interpretadas con gaita irlandesa, e que rematará Juan Collado, un dos fundadores do grupo Odaiko Percussión, cun concerto de vibráfono.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro seco e moi cálido. En concreto, o pasado mes caracterizouse por unha primeira parte, ata o día 18, con predominio de altas presións, que deixaron tempo seco e moi cálido. A partir do día 19, as temperaturas descenderon e as precipitacións foron aparecendo con máis frecuencia e intensidade. Con todo, as temperaturas medias do mes quedaron moi por riba do que sería de agardar en outubro e as precipitacións que se foron acumulando nos últimos días non puideron chegar aos valores propios deste mes na maior parte de Galicia.
A Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, en vigor desde xaneiro de 2025, consolidouse como unha das reformas máis importantes en materia industrial e enerxética dos últimos anos, situando a Galicia á vangarda europea en xestión sostible do territorio. A norma, impulsada pola Consellería de Economía e Industria, naceu co obxectivo de converter a riqueza natural de Galicia en riqueza social, garantindo que os beneficios derivados do aproveitamento dos recursos naturais repercutan directamente na cidadanía galega e, de forma especial, nas comunidades situadas no ámbito de influencia dos proxectos.
A selección española de fútbol sub-21 xogará en Lugo o venres 14 de novembro o partido contra o San Marino clasificatorio para o Campionato de Europa 2027. O encontro, que comezará ás 20,45 horas, corresponde á fase de clasificación para o Europeo 2027, que se celebrará en Albania e Serbia coa participación de 16 seleccións. España encadea un pleno de vitorias nas tres xornadas disputadas e lidera o grupo que comparte con Romanía, Finlandia, Kosovo, Chipre e San Marino. As entradas están a venda a través da plataforma oficial da Real Federación Española de Fútbol e os clubs deportivos da cidade contan cunha promoción especial.
O cinema arxentino volve ser protagonista da programación da Filmoteca de Galicia, que este mes recibirá as cineastas María Aparicio e Lucía Seles con motivo das retrospectivas que lles dedica. Tamén visitará a sede da cinemateca da Xunta na Coruña o director do Buenos Aires Festival Internacional de Cine Independiente, Javier Porta Fouz, para presentar unha copia restaurada de Nueve reinas, ademais de coñecidos nomes do noso audiovisual nas novas entregas da sección Off Galicia, do ciclo Espello Video Cine e da sesión inaugural do 20º aniversario do programa educativo Cinema en Curso. A nova carteleira mensual inclúe, así mesmo, varias proxeccións do Cormorán Film Fest, as últimas de Centenario Maurice Pialat e as películas que cada ano selecciona a Asociación Amigos da Ópera coincidindo coa súa Temporada Lírica, entre outras citas.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello da Xunta aprobou hoxe a sinatura do convenio do nivel acordado para 2025 entre a Consellería de Política Social e Igualdade e o Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso) destinado ao sistema de atención á dependencia das comunidades autónomas e que, no caso de Galicia, ascende a 105 millóns de euros sufragados entre o Estado e a Xunta, só tres máis que os asignados o exercicio pasado. Tal e como informou Rueda, Galicia recibirá algo máis de 52 millóns de euros, grazas a que a Xunta cumpre con éxito os obxectivos recollidos neste acordo: diminución da lista de agarda, mellora na calidade dos servizos, etc.
« Anterior | 4  de  4 | Siguiente »

Archivo

2025 (442)

2024 (514)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES