Noticias

A Lei de recursos naturais de Galicia consolídase como ferramenta clave para un desenvolvemento sostible e competitivo do territorio

A Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, en vigor desde xaneiro de 2025, consolidouse como unha das reformas máis importantes en materia industrial e enerxética dos últimos anos, situando a Galicia á vangarda europea en xestión sostible do territorio. A norma, impulsada pola Consellería de Economía e Industria, naceu co obxectivo de converter a riqueza natural de Galicia en riqueza social, garantindo que os beneficios derivados do aproveitamento dos recursos naturais repercutan directamente na cidadanía galega e, de forma especial, nas comunidades situadas no ámbito de influencia dos proxectos.

Segundo destacou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, durante a tramitación da norma, trátase dunha lei “que nos sitúa ao carón das primeiras economías europeas e que permite avanzar na descarbonización, no autoabastecemento e na xeración de emprego e riqueza a longo prazo”.

Un modelo que combina industria e protección ambiental

A Lei de recursos naturais establece un marco legal sólido para a protección, conservación, ordenación e aproveitamento sostible dos recursos galegos -como o vento, a auga, o solo ou os minerais-, promovendo un modelo no que o desenvolvemento industrial e a protección ambiental non son obxectivos opostos, senón complementarios.

O texto legal facilita ferramentas para que administracións e empresas poidan colaborar nun uso racional dos recursos, fomentando a innovación e a corresponsabilidade. Entre as medidas destacadas figuran:

- a integración da avaliación social e económica dos proxectos dentro da súa avaliación ambiental;
- a creación dun sistema de indicadores de impacto socioeconómico;
- a exixencia dun estudo de impacto social e económico previo á autorización dos proxectos;
- e a participación da Administración autonómica en iniciativas estratéxicas a través da Sociedade Recursos de Galicia (RDG).
NoticiaA norma tamén introduce instrumentos pioneiros como un canon á eólica mariña, un fondo para a recuperación de zonas afectadas por incendios e a regulación dun mercado voluntario de créditos de carbono que permitirá “monetizar” a captación de carbono de determinadas actividades.

Beneficios sociais e industriais xa visibles

A Lei permitirá abaratar a factura eléctrica a familias e empresas galegas e impulsar o autoconsumo nas áreas empresariais, reducindo a dependencia enerxética exterior, así como favorecerá a creación de emprego no sector renovable.

Cabe destacar tamén o papel desta norma no impulso de proxectos de repotenciación eólica, que contribúen a incrementar a xeración eléctrica reducindo o impacto na paisaxe e fomentando a industria asociada á reciclaxe e reutilización de equipos.

Galicia, referente europeo en sustentabilidade e innovación

Esta lei é unha oportunidade para transformar Galicia nun modelo europeo de equilibrio entre desenvolvemento e sustentabilidade, reforzando a imaxe da comunidade como territorio innovador, responsable e comprometido coa protección da súa riqueza natural.

“Galicia non ten que elixir entre industria e natureza: elixe futuro”, resume Lorenzana, quen destaca que o obxectivo final é xerar emprego, riqueza e benestar, sempre desde o máximo respecto ambiental e coa participación activa das comunidades locais.

R., 2025-11-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES