Archivo (10 del 2025)

Buscador

Noticias

A Cidade da Cultura de Galicia inaugura este outono unha nova liña de programación que abrangue diferentes actividades divulgativas, lúdicas e didácticas ao redor das exposicións do Museo Centro Gaiás. Baixo o título Gaiás_Inspira, engloba así propostas innovadoras dirixidas tanto a público adulto como infantil e xuvenil, que converten as salas do Museo nun espazo vivo, aberto á participación do público, ao xogo e á aprendizaxe compartida, e que inclúen desde teatro inmersivo a visitas especiais ou unha xincana en formato escape room. A primeira das actividades coa que arrinca esta nova proposta da Cidade da Cultura será Castelao e Savelev: olladas converxentes, unha creación escénica de Oístes? Teatro en coprodución con Teatro En Punto, que presenta unha obra inmersiva deseñada para o segundo andar do Museo Centro Gaiás, onde neste momento se están a exhibir as exposicións 'Castelao. Mirar por Galicia' e 'Boris Savelev. Viewfinder, unha forma de mirar'.
Tivo lugar hoxe a reunión na que quedou constituído o Consello Galego de Artesanía Alimentaria, un órgano consultivo que ten como obxectivo mellorar a calidade e a promoción das producións da nosa comunidade autónoma. O encontro, serviu para poñer en marcha este órgano no que están representados, ademais de distintos departamentos da Xunta, as organizacións profesionais agrarias, o sector cooperativo, consellos reguladores e asociacións de artesáns alimentarios. Cómpre salientar que actualmente están inscritos en Artesanía Alimentaria un total de 136 operadores das catro provincias galegas, dos cales 47 son da Coruña, 43 de Lugo, 21 de Ourense e 25 de Pontevedra. Todos eles pertencen aos diferentes grupos de produción regulados mediante norma técnica, como panadaría e confeitaría, derivados lácteos, conservas vexetais, mel, cervexa, aceites, licores ou marmeladas, entre outros.
A Xunta insistiu hoxe en Bruxelas no rexeitamento unánime de Galicia ao regulamento da nova Política Agraria Común presentado pola Comisión Europea, xa que supón unha redución de fondos para a nosa comunidade e define unha arquitectura baseada nun fondo único para os estados membros que non blinda todas as medidas da PAC. O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Juan José Cerviño, asistiu na capital comunitaria á 18 Conferencia de Directores de Organismos Pagadores e Organismos de Coordinación, que agrupa a todas as rexións dos países membros. Neste contexto, Cerviño remarcou que a Xunta instou xa en varias ocasións ao Goberno central a defender con intensidade, no proceso negociador aberto agora nas instancias comunitarias, a corrección da orientación inicial desa proposta, antes de concretar o Marco Financeiro Plurianual 2028-2032.
A Filmoteca de Galicia está a documentar centos de horas de vídeos de acontecementos históricos dos anos oitenta, procedentes do fondo depositado na cinemateca da Xunta polo produtor coruñés Xosé Xoán Cabanas Cao. O volume deste arquivo é moi amplo, cunha cifra próxima ás 400 horas de material entre as algo máis de 180 horas de vídeo dos seus 300 traballos finalizados e un cómputo superior ás 200 horas en brutos adscritos a estas producións. Os contidos pertencen a diversas produtoras e abranguen pezas de toda índole, tanto de ficción como documental, pero é neste último apartado no que o fondo destaca pola súa singularidade histórica dentro do panorama audiovisual galego dos anos oitenta.
Baixo a marca Galicia: o mellor camiño en biotecnoloxía, a delegación galega está amosando na feira o potencial científico e empresarial da Comunidade. Ademais da Axencia Galega de Innovación, a delegación conta coa participación da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), XesGalicia e as fundacións públicas dos Institutos de Investigación sanitaria IDIS, IISGS e INIBIC, as agrupacións industriais Bioga, Clúster Saúde de Galicia e VIRATEC, e as tres universidades públicas galegas: Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo e Universidade da Coruña. En total, a comitiva aglutina a máis de 160 empresas a través destas agrupacións industriais, tres universidades e tres fundacións sanitarias, unha mostra da diversidade e da solidez do ecosistema galego biotech.
A Consellería do Medio Rural lidera un ambicioso proxecto europeo baixo o nome USE4FOREST, co obxectivo de reforzar a prevención e loita contra os incendios forestais no espazo Sudoe (Suroeste Europeo). Esta iniciativa, financiada con case tres millóns de euros polo programa Interreg-Sudoe, integrará tecnoloxías innovadoras e estratexias preventivas para protexer as zonas forestais máis vulnerables, comezando polas provincias de Pontevedra e Ourense. O proxecto nace dunha colaboración estratéxica entre administracións e entidades especializadas da nosa comunidade (entre as que se atopa a Xunta de Galicia), do resto de España, de Portugal e de Francia.
O Consello Galego de Pesca, presidido pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, aprobou este venres o Ditame que rexeita a proposta do Marco Financeiro Plurianual 2028-2034 anunciado a finais de xullo pola Comisión Europea, ao considerarse lesiva e prexudicial para Galicia. O documento, ratificado por todos os integrantes deste órgano consultivo, é o resultado da unidade de acción emprendida a comezos de agosto polo grupo de traballo creado para deseñar unha folla de ruta a este respecto. E é que, lembrou a responsable autonómica, o plantexamento do órgano europeo implica a desaparición do carácter específico do Fempa, supoñendo unha insuficiencia orzamentaria, e a invisibilidade do sector para Europa.
Tivo lugar hoxe a presentación de 'Ser humanos', de Pilar Casal, coa que acadou o XXIII Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, convocado pola Xunta de Galicia e a Editorial Galaxia co apoio de Caixa Rural Galega. Pilar Casal, é funcionaria de profesión, licenciada en dereito e ten colaborado con diversas iniciativas de creación en materia de artes vivas. Ademais, é filla de Benxamín Casal, galeguista histórico, director da Editorial Galaxia e unha figura central do galeguismo. A nova edición do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio xa está convocada. Poderán presentarse traballos ata o 15 de novembro, aínda que a decisión do xurado darase a coñecer en decembro.
« Anterior | 2  de  2 | Siguiente »

Archivo

2025 (372)

2024 (514)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES