
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, salientou hoxe que a chegada do peregrino número 500.000, acontecida esta fin de semana, marca un fito histórico para Galicia e para o Camiño de Santiago, que confirma o seu crecemento e consolidación como gran motor turístico, cultural e espiritual da Comunidade. O fito recae nun pai e nun fillo procedentes de Colombia, que realizaban o Camiño en memoria do falecemento da esposa e nai.
Galicia supera no mes de outubro esta cifra por primeira vez na súa historia e, segundo destacou o titular do Goberno galego, esta marca supón un incremento de preto do 6% respecto ao mesmo período do ano pasado. Neste senso, o titular do Executivo galego recalcou que o importante non é o número, senón a calidade de cada peregrinación.
Máis da metade dos peregrinos (un 56%) son de procedencia internacional, o que reforza o carácter global e universal do Camiño, que cada ano atrae visitantes de máis de 180 países diferentes. Entre eles, o mercado estadounidense continúa a ser o máis numeroso por terceiro ano consecutivo, con máis de 40.000 peregrinos, seguido de Italia, Portugal, Reino Unido, México, Francia ou Canadá. Rueda puxo en valor que esta internacionalización é froito do traballo conxunto realizado en Galicia para consolidar o Camiño como un símbolo de encontro, diversidade e hospitalidade e que continúase traballando para seguir acolléndoos.
O xefe do Executivo autonómico tamén subliñou que o Camiño é unha experiencia única e unha maneira fantástica de coñecer Galicia e aos galegos, ademais dun exemplo de desestacionalización, con cada vez máis peregrinos nos meses de invernos e primavera, o que demostra que Galicia é quen de ofrecer experiencias de calidade durante todo o ano. Indicou ademais que cada peregrino xera un gasto equivalente ao de tres turistas nacionais e representa preto do 17% das noites totais da Comunidade, contribuíndo así ao desenvolvemento local, á cohesión social e á preservación do patrimonio natural e cultural.
O presidente concluíu sinalando que a Xunta traballa xa nos preparativos do Xacobeo 2027, no que a colaboración público-privada será esencial. Incidiu en que a celebración dos 500.000 peregrinos é unha mostra do éxito colectivo de Galicia e asegurou que o Goberno galego seguirá traballando para que as futuras xeracións sigan descubrindo Galicia.
O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.