Buscador
Noticias
O Instituto IES Maximino Romero de Lema, na localidade coruñesa de Zas, presentou a súa aposta pola innovación educativa por parte dos dous docentes deste centro que son autores do primeiro manual escolar de intelixencia Artificial en Galicia. Editado por Medulia, o manual Intelixencia artificial para a sociedade propón un achegamento a estas novas tecnoloxías desde unha visión clara e pedagóxica. Inclúe tanto a perspectiva teórica, cun repaso sobre a evolución da disciplina, como múltiple supostos prácticos con información arredor das principais ferramentas neste eido e as súas posibilidades de aplicación. O libro reflexiona, así mesmo, sobre os desafíos éticos, sociais e legais da intelixencia artificial.
O Programa galego de detección precoz de cancro colorrectal, posto en marcha en 2013, diagnosticou, ata decembro de 2023, un total de 2.618 cancros, dos que o 65 % estaban en fase inicial, mellorando as posibilidades de tratamento e supervivencia dos pacientes. O Consello da Xunta abordou un informe da Consellería de Sanidade sobre os resultados do Programa galego de detección precoz do cancro colorrectal no período 2013-2023. O programa iniciouse na área de Ferrol no ano 2013 e na actualidade está implantado en toda Galicia. En xullo do ano 2019 completouse unha rolda de cribado en todas as áreas sanitarias, co que a Xunta foi pioneira e adiantouse cinco anos ao obxectivo fixado polo Ministerio de Sanidade.
Os centros educativos galegos ofrecerán por primeira vez campamentos gratuítos de balde para as familias. Trátase do novo programa Dixicamp, que contará con máis de 9.000 prazas gratuítas e cuxa temática se centrará na mellora das competencias dixitais do alumnado. Este programa, dirixido ao alumnado de entre 9 e 17 anos, ofrecerá estadías en quendas dunha semana de duración que terán lugar desde o 23 de xuño ata o 5 de setembro, é dicir, coincidindo co período de vacacións escolares, cando os centros abrirán para acoller esta iniciativa. Estes campamentos estarán atendidos por profesionais especializados en competencias dixitais contratados especificamente.
Galicia é, por segundo ano consecutivo, a comunidade con maior taxa de matriculación entre 0 e 3 anos, cun 60,5%, segundo os datos de escolaridade do curso 2023/24 do Ministerio de Educación. A taxa do 60,5 % sitúa Galicia trece puntos por riba da media nacional e tamén supón trece puntos máis que antes da implantación da gratuidade, que se comezou a desenvolver no curso 2019/20. Así mesmo, Galicia cumpre co obxectivo da Unión Europea de acadar o 45 % de escolarización no 2030. Polo tanto, seis anos antes de chegar a esa data, a comunidade galega xa supera en máis de 15 puntos este obxectivo.
Galicia terá este ano 54 sendeiros azuis, unha cifra récord e coa que volve liderar, unha vez máis, a clasificación nacional deste programa, promovido pola Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) para poñer en valor as rutas e camiños como recurso para gozar da natureza, realizar actividades deportivas e de ocio ao aire libre e axudar a interpretar ambientalmente a contorna. Así, Galicia concentra o 35,1% das 154 rutas galardoadas en todo o país, e volve ser, con diferencia, a comunidade española cun maior número de sendeiros azuis, moi por diante das segundas, a Rexión de Murcia e a Comunidade Valenciana, ambas con 26 distintivo). Dos 54 sendeiros azuis galegos -que suman un total de 388,66 quilómetros-, 7 reciben este ano o galardón por primeira vez.
Un total de 458 centros escolares galegos desenvolven clubs de lectura, o que supón un aumento do 11% tras a incorporación de 47 novos centros. Por provincias, 171 dos centros integrados no programa son da Coruña (19 de nova incorporación este curso), 65 de Lugo (sete novos), 54 de Ourense (catro novos) e 168 de Pontevedra (17 novos). Cada un deles ten asignada unha contía de entre 500 e 1.230, en función do tipo de centro e do proposta presentada, para destinar fundamentalmente á adquisición de libros para as actividades do club, que pasarán posteriormente aos fondos da biblioteca escolar, así como para gastos derivados do funcionamento do club.
O espectáculo traslada o público a un edificio teatral totalmente destruído por un bombardeo durante unha guerra desatada no mesmo corazón de Europa, no que comezan a aparecer personaxes de grandes obras do teatro universal que foran representadas no seu escenario ao longo dos anos. Con esta premisa e a través de innumerables referencias teatrais aos conflitos bélicos, desde Shakespeare ata Lorca, esta traxedia bota man da comedia e a ironía para reflexionar e concienciar arredor dos efectos das guerras ao longo da historia e na actualidade. Sobre esta e outras cuestións xirará, ademais, o coloquio que o equipo do espectáculo manterá cos espectadores ao finalizar a función deste sábado no Teatro Principal.
O Servizo Galego de Saúde realizou 424 transplantes durante o pasado ano, o que supón a maior cifra desde que en 1981 se comezaron a practicar este tipo de intervencións na comunidade e un 28% máis que no 2023, cando se rexistraron 331. Produciuse un incremento en todos os programas de transplante salvo no de páncreas onde se mantiveron os datos (catro). En concreto, realizáronse 208 transplantes renais (un 24% máis que no 2023 e cifra récord), 118 de fígado (+34%), 64 de pulmón (+31%, tamén máximo histórico) e 30 de corazón (+36%). Galicia rexistrou no 2024 a maior taxa de doantes de órganos por millón de habitantes (50,7) desde a creación da Organización Nacional de Transplantes no 1989.
O espectáculo de teatro inclusivo Nada se sabe, coproducido polo Centro Dramático Galego e Culturactiva, terá este xoves a súa estrea compostelá no Salón Teatro, onde permanecerá ata o 9 de febreiro para ofrecer unha vintena de funcións. As representacións, que terán lugar de mércores a domingo ás 18,00 h., contarán con diferentes sistemas de accesibilidade e con servizo gratuíto de autobuses desde máis de 40 concellos galegos, ademais de se complementar cunha serie de actividades paralelas como posfuncións ou visitas táctiles. Nada se sabe constitúe unha proposta integradora e única no contexto teatral galego tanto polo elenco, integrado por dúas actrices e dous actores con diversidade funcional, como polo tema.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o de Aragón, Jorge Azcón, avogaron hoxe por un modelo de financiamento autonómico xusto e solidario, seguindo os principios da Declaración de Santiago que asinaron estas comunidades e outras seis en 2021. Ademais, tamén reclamaron que a reforma sexa negociada de forma multilateral. Rueda e Azcón mantiveron hoxe un encontro institucional, tras o que asinaron un documento no que ratificaron que ambas comunidades seguirán defendendo un sistema de financiamento baseado nos principios da Declaración asinada hai algo máis de 3 anos. 'Os problemas que se detectaron nese momento non só se manteñen, senón que se agudizaron', reflexionou Rueda.