Noticias

O programa galego de detección precoz permitiu diagnosticar 2.618 cancros colorrectais, máis do 65 % en fase inicial

O Programa galego de detección precoz de cancro colorrectal, posto en marcha en 2013, diagnosticou, ata decembro de 2023, un total de 2.618 cancros, dos que o 65 % estaban en fase inicial, mellorando as posibilidades de tratamento e supervivencia dos pacientes. O Consello da Xunta abordou un informe da Consellería de Sanidade sobre os resultados do Programa galego de detección precoz do cancro colorrectal no período 2013-2023. O programa iniciouse na área de Ferrol no ano 2013 e na actualidade está implantado en toda Galicia. En xullo do ano 2019 completouse unha rolda de cribado en todas as áreas sanitarias, co que a Xunta foi pioneira e adiantouse cinco anos ao obxectivo fixado polo Ministerio de Sanidade.

Desde o inicio deste programa, que desenvolve a Dirección Xeral de Saúde Pública, o Goberno galego enviou 2.331.114 invitacións a participar, o que supón preto dun 99 % de homes e mulleres de 50 a 69 anos.

O informe constata que nos últimos anos existe unha tendencia ascendente na participación, de xeito que no 2023 superou o 54 % derivada, en parte, polo cambio de estratexia do programa, que pasou no 2022 a enviar directamente os tests aos domicilios. Cómpre incidir, tamén, que a participación no programa galego é superior á media nacional.

As mulleres lideran a participación, cunha taxa do 56 %, fronte ao 44 % dos homes. Existen diferenzas na taxa de positividade global, máis alta nos homes, 7,14 %, fronte ao 4,54 % en mulleres.

Respecto da participación por rolda de cribado, obsérvase que aquelas persoas que xa participaron algunha vez volven facelo en preto do 90 % dos casos.

Desde o inicio do programa e ata decembro de 2023, realizáronselles colonoscopias a 56.641 persoas e detectándose 23.100 persoas con lesións que requiren vixilancia con colonoscopia, o que supón unha taxa de detección de lesións a seguimento do 21,6 % por cada mil persoas.

Os cancros de intervalo, que son aqueles que se dan entre dúas citas de cribado, foron mínimos, graza á alta sensibilidade do programa.

Todos estes datos reflicten que o programa galego está cumprindo cos obxectivos marcados, tanto a nivel nacional como europeo. Como valor engadido, o programa incorpora as actividades de seguimento mediante colonoscopia de todas as persoas ás que se lles detecta un risco alto ou intermedio de padecer un cancro colorrectal.

Incidencia

O cancro colorrectal é o tumor máis frecuente en Galicia e o segundo en mortalidade. Cunha taxa de incidencia de 90,4 casos por 100.000 homes e 74,2 por 100.000 mulleres en 2022, este tipo de cancro supón un dos maiores desafíos de saúde pública. En concreto, máis de 1.100 falecementos anuais por cancro colorrectal en Galicia.

A maioría dos casos diagnostícanse en estadios avanzados, o que limita as opcións de tratamento. Esta realidade subliña a necesidade de programas de detección precoz como o implantado pola Consellería de Sanidade a través da Dirección Xeral de Saúde Pública.

Sinalar, así mesmo, que a incidencia do cancro colorrectal aumenta significativamente a partir dos 55 anos. Segundo os datos do Rexistro Galego de Tumores, este grupo de idade concentra a maior parte dos novos diagnósticos.

Operativo

A invitación a participar á poboación diana (homes e mulleres de 50 a 69 anos residentes en Galicia), realízase a través dun sms. Ademais, envíase o material necesario para a toma de mostras das feces, acompañado dun folleto explicativo. A mostra pode depositarse en calquera centro de saúde da área de residencia das persoas, desde onde se envía ao laboratorio de referencia.

Se non se atopan restos de sangue nas feces, a proba considérase normal e en dous anos envíase de novo un kit para a nova recollida da mostra. A persoa participante entraría na súa segunda rolda de participación.

Na actualidade, esta información envíase a través dunha mensaxe de texto ao teléfono móbil das persoas subscritas a este tipo de comunicación co Servizo Galego de Saúde e, ademais, atópase dispoñible na plataforma É-saúde.

Por outra parte, as persoas nas que se detectan indicios de sangue oculto nas feces son citadas na consulta de atención primaria para explicarlles o significado deste resultado e a necesidade de realizar unha colonoscopia. Posteriormente, no hospital de referencia realízaselles unha colonoscopia de cribado, a cal ten carácter de diagnóstico e tamén terapéutico, xa que se trata de visualizar e extirpar todas as lesións detectadas.

Unha vez realizada a colonoscopia e extirpadas, se é o caso, as lesións suxestivas de malignidade, o programa realiza unha avaliación individual do risco en función do resultado da anatomía patolóxica e establécese o seguimento adecuado. Este resultado da avaliación comunícaselle por carta á persoa interesada.

No caso de que se detecte cancro nalgún pólipo ou biopsia, o programa xestiona directamente unha cita no servizo de dixestivo ou en cirurxía. As persoas que precisan un seguimento mediante colonoscopia continúan no programa ata os 75 anos, de xeito que pasan a formar parte da actividade rutineira do programa de cribado.

Este programa implica a actuación coordinada dos servizos de atención primaria, de atención hospitalaria e da Dirección Xeral de Saúde Pública.

R., 2025-01-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (economia-porcentaxe.jpg) O Banco de España acaba de publicar os datos oficiais de débeda pública correspondentes ao peche do exercicio 2025. Nese período, Galicia reduciu a súa ratio de débeda ata o 13,9 % do seu PIB, o que representa a ratio máis baixa dende 2012. Deste xeito, Galicia situase como a cuarta comunidade autónoma de réxime común con nivel de débeda máis baixa e cun diferencial con respecto á media das CCAA de 6,3 puntos porcentuais. A ratio de débeda das CC.AA. situouse no 20,2 %. Logo do esforzo extraordinario por mor da pandemia, Galicia leva unha senda descendente dos seus ratios de endebedamento. Así, desde a pandemia, ano 2020, reduciu a ratio case seis puntos, pasando de 19,6 % ata o 13,9 %.
Foto de la tercera plana (20260331-01.jpg) A implantación da recollida separada de materia orgánica consolídase como o piar fundamental para que Galicia cumpra cos obxectivos ambientais europeos. Dado que os restos orgánicos representan case o 40 % do lixo doméstico, a súa correcta xestión é a chave para baleirar os vertedoiros e xerar compost de alta calidade que retorne á terra como fertilizante. A día de hoxe, o compromiso galego con este sistema é evidente: 295 concellos xa contan con métodos específicos para os biorresiduos.

Notas

A Primavera Cultural da USC regresará á volta de Semana Santa con diversas citas nas que a tradición e a vangarda camiñan collidas da man. Así, o talento musical emerxente darase cita o 8 de abril na final da terceira edición do Certame de grupos musicais da USC. O 9 de abril será a quenda do Curso de Primavera, na Facultade de Humanidades de Lugo; do concerto de Kid Mount + ünder & Diego Flâneur na lucense Praza de Santa María; e do V Tradi-Fest, no Xardín das pedras que falan en Compostela.
Lori Meyers é unha das bandas máis recoñecidas do indie pop estatal, que regresa a Vigo tras oito anos sen actuar en grandes formatos na cidade. Coti achegará ao Galicia Fest algúns dos seus temas máis coñecidos, convertidos xa en auténticos himnos xeracionais. O artista suramericano chegará a Vigo tras completar unha xira por arxentina
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES