
Galicia terá este ano 54 sendeiros azuis, unha cifra récord e coa que volve liderar, unha vez máis, a clasificación nacional deste programa, promovido pola Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) para poñer en valor as rutas e camiños como recurso para gozar da natureza, realizar actividades deportivas e de ocio ao aire libre e axudar a interpretar ambientalmente a contorna.
Estes datos foron dados a coñecer esta mañá en Ourense, durante unha rolda de prensa ofrecida pola directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, e o presidente de Adeac, José Palacios, que estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta na provincia, Manuel Pardo.
Tras resaltar que Galicia concentra o 35,1% das 154 rutas galardoadas en todo o país, a responsable autonómica amosou a súa satisfacción polo feito de que volva ser, con diferencia, a comunidade española cun maior número de sendeiros azuis, moi por diante das segundas, a Rexión de Murcia e a Comunidade Valenciana, ambas con 26 distintivo).
Dos 54 sendeiros azuis galegos que suman un total de 388,66 quilómetros, 7 reciben este ano o galardón por primeira vez. Son, concretamente, os seguintes: senda do Mar de Santo Hadrián, en Malpica de Bergantiños; senda de las Marismas del Baxoi, en Miño; senda dos Petróglifos (Muros); sendeiro Río de San Pedro (Oleiros); sendeiro litoral de Baiona; sendeiro fluvial do río Louro (Meaño); e ruta Camiñando polo Porto de Vigo.
En canto á distribución por municipios, explicou que as rutas galardoadas pertencen a 28 concellos galegos e destacou o caso de Sanxenxo, que suma 8 bandeiras para outras tantas sendas; Vigo, con seis; Oleiros, Poio e Marín, con catro sendeiros azuis cada un.
Ademais, no caso concreto da provincia de Ourense, a directora xeral destacou que a ruta da Aceveda, no Parque Natural do Invernadeiro espazo natural que pertence integramente á Xunta lucirá por segundo ano consecutivo a bandeira azul.
Así mesmo, Marisol Díaz salientou a relevancia deste galardón para atraer visitantes á Comunidade e promover un turismo de natureza e, á vez, o uso público e sostible dos espazos naturais, promovendo o seu coñecemento a través das múltiples rutas que axudan a percorrelos e coñecer a beleza e rica biodiversidade que albergan.
En canto aos datos a nivel nacional, en 2025 se galardoou o maior número de Sendeiros Azuis (154) desde a posta en marcha do programa. Deles, un 80,5% (un total de 124) foron renovacións mentres que o 19,5% restante (30) son rutas que reciben este recoñecemento por primeira vez. Ademais, por primeira vez superáronse xa os 1.000 quilómetros de sendas no conxunto do país.
En todo caso e aínda que hoxe se fixo pública a relación completa de galardoados en 2025, o acto de entrega oficial das bandeiras aos concellos con Sendeiros Azuis realizarase en Murcia o vindeiro 26 de marzo.
Obxectivos principais
Cómpre lembrar que o programa Sendeiro Azul premia e recoñece cada ano a recuperación e posta en valor de rutas, sendas e itinerarios peonís mediante a súa transformación en contornas respectuosas, resilientes e sostibles.
Nesta liña, entre os principais obxectivos da iniciativa inclúense o fomento da conectividade ecolóxica e a restauración ambiental; a contribución coa análise de fontes cartográficas e de datos á planificación e xestión de zonas naturais; o fortalecemento da coordinación entre as administracións con competencias nestes espazos; a integración transversal de aspectos económicos, ambientais e sociais, e a mellora do coñecemento e sensibilización ambiental.
Ademais, realízase unha revisión periódica dos seguintes aspectos: características das sendas e trazados; estado da información, sinalización e infraestruturas; conservación e xestión do patrimonio natural e cultural, e uso público e desfrute..
Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).
Foio presentada a quinta edición de Galicia Ilusiona, o Festival Mundial de Ilusionismo de Galicia, que volverá converter a comunidade nun referente internacional da maxia durante os meses de novembro e decembro de 2026. Dirixido por Pedro Bugarín e Dani Polo, o festival, reunirá a seis artistas internacionais multipremiados: Mago Murphy, Toni Frebourg, An Ha Lim, Didak , Bonjin Koo e Diego @ Elena, que ofrecerán o mellor do ilusionismo en diferentes teatros e auditorios galegos, achegando espectáculos a milleiros de espectadores. A programación das galas Internacionais desenvolverase en oito cidades galegas: A Coruña, Cangas, Vigo, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Ourense e Santiago de Compostela, entre o 20 de novembro e o 13 de decembro.