Archivo (1 del 2025)

Buscador

Noticias

A Filmoteca de Galicia inicia a súa programación en febreiro cunha completa retrospectiva sobre o produtor, guionista e director Pere Portabella, protagonista da nova carteleira mensual na que tamén destacan as visitas de cineastas como Mar Coll, Oskar Alegria e Raúl Alaejos. Durante as vindeiras semanas, a cinemateca exhibirá todas as películas dirixidas polo cineasta catalán, do que no mes de marzo se ofrecerá tamén un amplo percorrido polos seus traballos como produtor. Recentemente distinguido coa Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes, este ciclo preséntase como un anticipo da celebración oficial do Centenario Portabella, que veñen de anunciar o Ministerio de Cultura e a Generalitat de Cataluña para o seu desenvolvemento conxunto nos anos 2026 e 2027.
Galicia acada máximos históricos no eido turístico o pasado ano 2024 cun volume de viaxeiros que supera os 8,2 millóns de turistas aloxados en establecementos da Comunidade, segundo os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Por primeira vez na serie histórica a Comunidade galega achégase aos 7,3 millóns de viaxeiros en 2024 aloxados en establecementos hoteleiros e extrahoteleiros galegos aos que hai que sumar os viaxeiros aloxados en vivendas de uso turístico. En canto ao nivel de demanda, segundo o INE, este superou os 13,6 millóns de noites con 115 mil novas noites respecto do indicador de 2023.
A Consellería de Sanidade publica, na súa páxina web, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á cuarta semana do ano que determina que a intensidade da gripe continúa sendo baixa, mantendo unha tendencia estable. Segundo os datos, a taxa de consultas por gripe nos servizos de atención primaria rexistrou un leve incremento do 4,4 % respecto da semana previa e fica en 66,5 consultas por 100.000 habitantes. Por grupos de idade, a taxa aumenta unicamente na poboación con idades comprendidas entre os 0 e os 19 anos.
Nas vitrinas da mostra inclúense desde postais de Nadal que Xosé Vizoso enviaba ás súas amizades ata un busto de Vidal Bolaño que realizou para a carballeira de Santa Minia en Brión, pasando polo mosaico do Bosque do Banquete de Conxo, pezas de cerámica, libros ilustrados, un tarot que realizou xunto con Manuel Aneiros ou carteis de decenas de celebracións populares. Ao longo da exposición, e a través dos distintos carteis de festas populares que realizou, pódese observar a evolución do seu estilo. Cores alegres e trazos aparentemente sinxelos caracterizan a obra deste autor, que acubilla a esencia da cultura galega. A mostra tamén acolle un vídeo realizado pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración.
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, asinaron hoxe un convenio de colaboración para avanzar na elaboración do Plan director da industria das TIC. Tras a firma do acordo, a conselleira recordou que os plans directores son instrumentos da planificación da política industrial enmarcados nunha estratexia que ten como obxectivo “facilitar o proceso de adaptación e transformación enerxética e dixital da industria galega”, dixo. Neste marco, subliñou que o convenio asinado por importe de 60.000 euros “permitirá levar a cabo diversas actuacións para colaborar na elaboración, aprobación e publicación do plan director das TIC”.
A Cidade da Cultura acaba de ser elixida como insignia da cultura galega en 2024 polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, un prestixioso informe elaborado coas valoracións de máis de 400 expertos e profesionais de toda España que mantén a Galicia, repetindo o posto do 2023, como a sexta comunidade pola calidade e innovación da súa oferta. Trátase dun recoñecemento que foi entregado hoxe en Málaga á directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez. Así, a programación que a Xunta de Galicia desenvolve no Gaiás volve encabezar a listaxe do mellor da cultura galega, ao igual que o fixera en 2023 e 2020, encadeando este equipamento seis anos consecutivos ocupando as tres primeiras posicións do ranking galego.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, presentou hoxe o II Plan rexional integrado de enerxía e clima (PRIEC) 2030 para garantir que Galicia lidere a acción climática a nivel rexional e nacional e seguir avanzando ata conseguir un balance neutro entre as emisións e as absorcións de gases de efecto invernadoiro (GEI). Esta nova planificación será a ferramenta que guíe as políticas climáticas da Xunta nos vindeiros anos, de forma transversal e implicando no proceso a todos os departamentos autonómicos para acadar os obxectivos climáticos desde as súas áreas competenciais. Máis polo miúdo, a conselleira explicou que o reto é reducir as emisións nun 75% e lograr que o 85% da xeración eléctrica na Comunidade proceda de fontes renovables.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou en tres reunións mantidas entre unha delegación de 20 representantes rexionais e membros da nova Comisión Europea encabezada por Ursula Von der Leyen: a vicepresidenta executiva de Persoas, Capacidades e Preparación, Roxana Mînzatu, o vicepresidente executivo de Cohesión e Reformas, Rafaelle Fitto, e o comisario de Orzamento, Loita contra a Fraude e Administración Pública, Piotr Serafin. As tres reunións celebráronse no edificio Berlaymont, sede do executivo comunitario. A delegación rexional, liderada polo presidente da rexión francesa de Nova Aquitania, Alain Rousset, representou ás 144 rexións europeas que conforman a alianza #EURegions4Cohesion, da que forman parte as 17 comunidades coordinadas por Galicia.
Galicia continúa entre as comunidades autónomas de España con menor abandono educativo temperán, isto é, a porcentaxe de persoas entre 18 e 24 anos sen titulación superior á ESO. É dicir, que non cursaron FP Básica ou de grao medio nin Bacharelato, e que non seguen ningún tipo de formación (regrada ou non regrada) na actualidade. No ano 2024 o abandono educativo temperán en Galicia rexistrou unha taxa do 10,8%, 2,2 puntos por debaixo da media estatal, do 13%, situándose no sexto posto de España de comunidades con menor abandono.
A Consellería de Sanidade acolleu unha nova reunión do Consello técnico asesor en intelixencia artificial e espazo de datos do sistema público de saúde galego na que diferentes especialistas analizaron o novo regulamento europeo de datos sanitarios. Os expertos que compoñen o Consello técnico asesor avaliaron tamén as implicacións que terá a nova regulamentación europea especialmente no desenvolvemento de produtos e tecnoloxía do ámbito sanitario. O Espazo europeo de datos sanitarios establecerá un marco de gobernanza para o uso de datos sanitarios electrónicos.
« Anterior | 1  de  5 | Siguiente »

Archivo

2025 (168)

2024 (514)

ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES