Archivo (9 del 2024)

Buscador

Noticias

Presentouse hoxe a quinta edición do 'Maré. Festival de Músicas e Artes Atlánticas', un evento de carácter multicultural que converterá a cidade de Santiago de Compostela nun punto de encontro cultural e lingüístico. Esta cita contará cunha trintena de artistas chegados doutros países como Alemaña, Angola, Brasil, Estonia, México, Mozambique, Palestina ou Portugal. A iniciativa, que se celebra dende o día 25, pon de manifesto esta diversidade lingüística cunha programación específica polo Día Internacional das Linguas o día 26. O Maré acollerá unha ampla oferta de iniciativas que van desde a música ata as artes escénicas.
Os días 20 e 21 de setembro, 42 novas iniciativas empresariais darán a coñecer os seus produtos e servizos na décimo primeira edición do encontro do emprendemento Pont-Up Store, que terá novamente como sede central a carpa que se instalará na praza de España, onde se desenvolverán tamén boa parte das máis de 25 actividades que integran o seu programa. Impulsado pola Universidade de Vigo e organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, co Concello de Pontevedra como patrocinador principal e o apoio de Deputación e Xunta de Galicia, esta iniciativa converterá a cidade na “capital do emprendemento”, como sinalou a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, na presentación do programa de actividades.
O primeiro concerto do ciclo Ópticas contemporáneas, organizado pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura, liga este domingo os sons dos devanceiros coa composición contemporánea. A actuación reúne o Ensemble Música Práctica co multiinstrumentista e luthier Abraham Cupeiro, convidado de honra para interpretar por primeira vez en Galicia a obra A constelación de Saxitario, composta especificamente para el polo compostelán Fernando Buide. A peza é un encargo conxunto da Quincena Musical de San Sebastián e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, dentro das accións de apoio á creación artística.
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, mantivo un encontro de traballo coa presidenta da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Carmen Crespo, no que reclamou un maior protagonismo de Galicia, como principal rexión pesqueira de Europa, no deseño e desenvolvemento da política pesqueira comunitaria. Nesta liña, puxo en valor a experiencia acumulada da administración autonómica e o modelo de xestión galego baseado na cogobernanza co propio sector como fórmula de éxito.
A 46ª Semana de Cine de Lugo celebrarase do 23 ao 29 de setembro. A carteleira inclúe 147 películas que poderán verse en cinco espazos da cidade, como a Delegación Territorial da Xunta, a Biblioteca Provincial, o auditorio Gustavo Freire, o Vello Cárcere e o salón de actos da Deputación. Representantes das entidades patrocinadoras e colaboradoras participaron hoxe na presentación do programa xunto a Xulio Xiz, presidente do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá e Manuel Curiel, coordinador da iniciativa, que organizan o certame desde o ano 1979.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na Cidade da Cultura no acto de activación do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, no que ante máis dun cento de representantes deste eido económico chamou á participación de todo o sector retallista no “proceso participativo, estruturado e sistematizado” que estará aberto deica finais de ano co propósito de ter lista a estratexia no primeiro trimestre de 2025.
Xa está en funcionamento para a actual campaña de risco de incendios a nova base aérea de Verín-Oímbra, a primeira infraestrutura transfronteiriza deste tipo entre España e Portugal. Trátase da obra de maior dimensión realizada polo Goberno galego nos últimos anos na loita contra o lume, e está enmarcada no programa Interlumes, baixo o proxecto europeo Interreg (POCTEP). A base contou un orzamento de case 5,5 millóns de euros, e ten como obxectivo principal a mellora e intensificación da capacidade operativa de resposta na extinción de incendios forestais, consolidando os mecanismos de cooperación na fronteira hispano-lusa.
A Xunta de Galicia e o Musée du Quai Branly-Jacques Chirac (Francia) veñen de asinar un acordo para exhibir este outono en Galicia unha das maiores exposicións internacionais sobre tatuaxe. Co título Tattoo. Arte baixo a pel, a mostra explora a historia e simboloxía cultural, social, estética e relixiosa desta práctica e intenta explicar as razóns de que as tatuaxes estean presentes en todas as épocas históricas e zonas xeográficas do mundo. A proposta, producida polo que é un dos museos franceses máis relevantes, inaugurarase no Museo Gaiás o 24 de outubro e permanecerá aberta ata o 20 de abril.
Galicia e o norte de Portugal impulsan a súa colaboración para facilitar a mobilidade dos traballadores entre ambas zonas e responder ás necesidades de información nesta materia, tanto a persoas traballadoras como a empresarias. Fano a través do convenio que asinarán proximamente a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-norte de Portugal para o desenvolvemento da actividade de coordinación do servizo de emprego Eures Transfronteirizo Galicia-norte de Portugal.
« Anterior | 4  de  4 | Siguiente »

Archivo

2026 (183)

2025 (461)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES