
Nela, Cupeiro tocará varios dos instrumentos ancestrais que vén recuperando, como o carnyx celta, o aulos grego e o cornu romano, así como bucinas mariñas, presentes en tantas culturas sonoras. A través delas e co acompañamento do violín, o piano, o violonchelo e a percusión do ensemble, fará resoar no Gaiás un mundo perdido e agora recobrado.
O programa do concerto fai un percorrido pola creación musical recente no que, ademais da peza de Buide, Música Práctica interpretará obras do catalán Leonardo Balada e do vasco Joseba Torre. Os tres compositores estiveron unidos por traxectoria e formación a Pittsburgh, a cidade do aceiro. Intercalados entre elas soarán tamén fragmentos do Zodíaco do alemán Karlheinz Stockhausen.
A actuación será este domingo 15 de setembro ás 19,00 horas e as últimas entradas dispoñibles poden adquirirse a través de Ataquilla e no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás.
Ópticas contemporáneas continuará o venres 18 de outubro con Mudar a pel, unha orixinal proposta escénica que conxuga arte e investigación para achegar ao público as problemáticas actuais que abordan a antropoloxía e as ciencias sociais. Pechará o ciclo a Real Filharmonía de Galicia, o sábado 16 de novembro, cun concerto no que interpretará The Four Seasons Recomposed. Nesta obra, o coñecido compositor contemporáneo Max Ricther atreveuse a reimaxinar en clave minimalista As catro estacións de Vivaldi, unha das composicións máis populares da música barroca.
Ensemble Música Práctica e Abraham Cupeiro
O ensemble Música Práctica naceu como unha iniciativa conxunta de Fernando Buide e membros da Orquestra Sinfónica de Galicia, cun enfoque artístico versátil que adapta os seus membros e estrutura a proxectos concretos ao redor da creación musical actual.
Buide, recoñecido como compositor e intérprete, ten creado desde música para un só instrumento ata obras sinfónicas e ópera. As súas composicións foron programadas por formacións internacionais Orquestra de Filadelfia, as Sinfónicas de Pittsburgh e de Minnesota e polas principais agrupacións do país, entre elas a Orquesta Nacional de España, a JONDE, a Real Filharmonía ou a Sinfónica de Galicia.
Abraham Cupeiro é a día de hoxe unha das caras máis recoñecibles do panorama musical galego. O seu traballo, como intérprete e como luthier, levouno a recuperar multitude de instrumentos de culturas antigas. Ademais, ten colaborado con artistas de renome como a violinista Patricia Kopatchinskaja, o director de cine Steven Spielberg e a Royal Philharmonic Orchestra.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.