Noticias

Máis de 25 actividades e a presentación de 42 iniciativas empresariais farán de Pontevedra a capital do emprendemento

Os días 20 e 21 de setembro, 42 novas iniciativas empresariais darán a coñecer os seus produtos e servizos na décimo primeira edición do encontro do emprendemento Pont-Up Store, que terá novamente como sede central a carpa que se instalará na praza de España, onde se desenvolverán tamén boa parte das máis de 25 actividades que integran o seu programa. Impulsado pola Universidade de Vigo e organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, co Concello de Pontevedra como patrocinador principal e o apoio de Deputación e Xunta de Galicia, esta iniciativa converterá a cidade na “capital do emprendemento”, como sinalou a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, na presentación do programa de actividades.

A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías; o vicepresidente primeiro da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez; o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, Pablo Fernández, e o director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa, participaron xunto a Lantarón na presentación dun encontro que busca “concentrar” na cidade “todo o ecosistema emprendedor de Galicia”, como sinalou o seu responsable. Impulsado hai once anos polo grupo de investigación que Figueroa dirixiu na UVigo ata a súa xubilación, nesta edición a Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store “toma o relevo” deste grupo á fronte da organización, mais coa UVigo “como entidade impulsora”, como lembrou Figueroa, tras a sinatura dun convenio de colaboración entre a institución académica e a asociación. “Para nós a formación en emprendemento é algo fundamental”, subliñou a vicerreitora, que destacou tamén a aposta da organización por “seguir innovando”, así como que este encontro é o resultado da colaboración entre diferentes institucións.

Protagonismo para o emprendemento universitario

Como lembrou Lantarón, unha das novidades desta edición é o acto de entrega dos premios a teses de doutoramento e traballos de fin de grao e mestrado centrados en temáticas relacionadas co emprendemento, que a Universidade de Vigo convocaba por primeira vez neste 2024. Financiados con 20.000 euros procedentes da UE-Next Generation UE, trátase duns galardóns dirixidos a recoñecer traballos académicos que propoñan o desenvolvemento de novos produtos e servizos que teñan un potencial nicho de mercado ou que estean orientados a xerar un proxecto que poida contribuír á creación dunha iniciativa empresarial.

Estes galardóns entregaranse o venres 20, xornada na que tamén terá lugar o Demo-Day do programa Incuvi da UVigo. Nesta actividade, o estudantado seleccionado na última edición dos Premios Incuvi Emprende e das Axudas Incuvi Avanza e Incuvi Consolida dará a coñecer os proxectos que foron desenvolvendo nos últimos meses.

Un escaparate para 42 iniciativas empresariais

Seleccionadas de entre máis de 140 candidaturas, 42 novas iniciativas empresariais presentarán os seus produtos e servizos nas tres modalidades de participación do Pont-Up Store. Por unha banda, a carpa contará con 33 espazos para os emprendedores e emprendedoras, aos que se suman aqueles e aquelas que organizarán “actividades demostrativas” neste espazo. Outras seis iniciativas participarán noutra das novidades desta edición, o Pont-Up Venture, un evento centrado en proxectos de base tecnolóxica, no que as e os participantes defenderán as súas ideas de negocio ante un xurado integrado por profesionais “de entidades de financiamento de startups”, como explicou Figueroa.

Cun 74% de iniciativas empresariais lideradas por mulleres e unha importante presenza de iniciativas procedentes no rural galego, entre os seleccionados e seleccionadas destacan nesta edición os proxectos relacionados “co mundo da saúde, o ocio e o deporte”, sinalou o director deste espazo. A estas súmanse outras propostas centradas na alimentación, a moda ou a sostibilidade, así como a presenza nun dos stands da asociación CES UVigo, que dará a coñecer o traballo realizado por unha vintena estudantes para desenvolver o barco solar co que este verán competían na Energy Boat Challenge.

Múltiples actividades

Tanto a carpa do Pont-Up Store como a sede da Vicerreitoría acollerán ao longo destas dúas xornadas un conxunto de actividades complementarias, como sesións formativas sobre ciberseguridade, intelixencia artificial e novas tendencias de márketing. Da man da Xunta de Galicia, promoverase tamén unha mesa redonda sobre axudas a emprendedores e a presentación dun xogo que busca promover o emprendemento entre o alumnado de secundaria. O encontro servirá tamén como escenario para a posta en funcionamento de Feending, unha aplicación que permite ás empresas localizar e contactar con emprendementos afíns. Así mesmo, o programa acolle tamén as presentacións dos proxectos Voces Ocultas, no que persoas con diversidade funcional forman un equipo de creación escénico musical, e Hub Olympe Emprende, que trata de “potenciar o emprendemento colaborativo feminino”, apuntou Figueroa.

R., 2024-09-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES