Noticias

A Xunta de Galicia pon en marcha a primeira base aérea transfronteiriza, entre Verín e Oímbra

Xa está en funcionamento para a actual campaña de risco de incendios a nova base aérea de Verín-Oímbra, a primeira infraestrutura transfronteiriza deste tipo entre España e Portugal. Trátase da obra de maior dimensión realizada polo Goberno galego nos últimos anos na loita contra o lume, e está enmarcada no programa Interlumes, baixo o proxecto europeo Interreg (POCTEP). A base contou un orzamento de case 5,5 millóns de euros, e ten como obxectivo principal a mellora e intensificación da capacidade operativa de resposta na extinción de incendios forestais, consolidando os mecanismos de cooperación na fronteira hispano-lusa.

Estas novas instalacións está orientadas a traballos de extinción, pero tamén de prevención no sur da provincia de Ourense, de xeito que non só se pretende loitar contra os lumes xa declarados, senón tamén poder anticiparse a eles e limitar as súas consecuencias.

A nova base conta cunha plataforma de estacionamento para catro helicópteros, e cun aeródromo con pista de aterraxe de case 1,2 km. de lonxitude, o que lle dá unha capacidade de seis aeronaves de carga en terra. Ten ademais instalacións de carga de combustible e catro depósitos de auga semisoterrados, o que fai que as cargas non interfiran coas operacións das aeronaves. De feito, conta cun sistema con dúas estacións de carga de avións que permite operar simultaneamente e de xeito independente na carga de avións e helicópteros.

A torre de control destas novas instalacións ofrece unha visión 360º completa e acristalada, e conta ademais con dous almacéns independentes na planta baixa. No primeiro e o segundo andar atópanse a sala de instalacións e a de control, e tamén hai unha área para as tripulacións, con tres zonas que permiten o aloxamento, en espazos diferenciados, das tripulacións de avións, helicópteros e brigadas contra incendios. Todas as zonas contan con sala de estar, habitacións e aseos, configurándose como espazos nos que conciliar traballo e descanso.

NoticiaA aposta da Xunta de Galicia pola prevención e extinción de incendios

A posta en marcha desta base de Verín-Oímbra intégrase na actualización do 2024 do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga), que procura a optimización na loita contra os lumes a través de diversas novidades, como son a adquisición de novas máquinas hidrostáticas polivalentes, a ampliación da rede de videovixilancia ou a instalación de novos equipos informáticos e da aplicación informática Xeocode Lite nas motobombas do Servizo.

No relativo ás infraestruturas, compre destacar a base aérea de San Xoán de Río (Ourense), en cuxa mellora se investiron máis de 1,2 millóns de euros, e o Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén (tamén en Ourense), no que se investiron máis de 3,5 millóns de euros para convertelo nun espazo de referencia para a formación, a cooperación e a investigación en materia de incendios forestais.

R., 2024-09-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES