Buscador
Noticias
A cuarta edición do encontro Artesanía de Galicia no Courel, que ten o obxectivo de promover a formación e a divulgación dos oficios artesanais galegos e da marca Artesanía de Galicia, vaise celebrar entre os días 7 e 11 de agosto en diferentes localizacións de Folgoso do Courel e conta coa colaboración do concello e da Fundación Uxío Novoneyra. No programa de actividades inclúense sete cursos de iniciación en diferentes oficios como a ourivería, a cestería, o téxtil ou a carpintería -para os que é necesaria realizar unha inscrición previa na web da Fundación Artesanía de Galicia- así como nove obradoiros gratuítos e abertos a toda a cidadanía.
O Morriña Festival terá lugar o 26 e 27 de xullo e contará coas actuacións xa o mesmo venres de Louis Tomlinson, Editors, Nicki Nicole, Iván Ferreiro, Dani Fernández, Juan Magán, Sen Senra, Dorian, Marlena e Enol. O sábado 27 de xullo será a quenda de Aitana, Lola Índigo, La La Love You, Yandel, Iñigo Quintero, Dei V, Pedro Capó, Malmö 040, Dollar Selmouni, Yeico x Troni, Garabatto, Tashi e Toni Seijas. Trátase dun festival promovido por seus Bring the Noise, xa consolidado no noso panorama musical, e considerado o festival urbano máis grande de España, e que chega á súa terceira edición avalado polas boas cifras do ano pasado con máis de 15.000 espectadores cada un dos días.
As firmas do complexo mar-industria galego orientan cada vez máis a ampliación da súa rede de clientes cara a mercados nacionais e internacionais, baseando a súa procura de novas vías de negocio na calidade dos seus produtos, e co obxectivo adicional de impulsar os seus prezos. Deste xeito, as empresas do sector participan anualmente en feiras nacionais e internacionais, presentando os seus produtos en mercados emerxentes, achegando máis valor engadido.
A ferramenta EMi ten como fin cubrir a demanda de man de obra, así como atender as persoas que están buscando activamente traballo -ou busquen mellorar o seu emprego actual. Nesta liña sinalou que permitirá realizar nun ano o perfilado competencial de 70.000 persoas. Entre as vantaxes que ofrece, está o feito de que relaciona todas as características e competencias da persoa demandante con datos avanzados do mercado laboral e detecta sectores emerxentes de emprego e empresas que están contratando en cada unha das ocupacións. Tamén detecta carencias competenciais en cada localidade, o que facilita a programación de accións formativas adaptadas ás necesidades de cada unha.
O Consello da Cultura Galega acolleu a presentación dos libros 'As xeracións do Montserrat', 'Estebo' de Xosé Lesta Meis e 'Verdades como puños', tres obras fundamentais para comprender a historia e a memoria da emigración galega. 'As xeracións do Montserrat' destaca pola súa capacidade para capturar a memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido, relatando as vivencias persoais e as historias de vida daqueles que emigraron na segunda metade do século XX. 'Estebo' de Xosé Lesta Meis, publicada en 1927, aborda por primeira vez na narrativa galega a temática da emigración a Cuba. 'Verdades como puños' ofrece unha recompilación exhaustiva de artigos, documentos e testemuños sobre as condicións e experiencias da emigración galega.
Foi inaugurada a exposición 'Verba Volant, picta mantent. 25 anos das exposicións temporais' no Museo das Peregrinacións. Esta mostra fai un percorrido ao longo da programación expositiva sobre o Camiño e a cidade de Santiago, en concreto, e a revalorización do patrimonio galego, en xeral, que o museo leva a cabo dende o ano 1999, coincidindo coa celebración do Xacobeo 99. A mostra, que se poderá visitar ata o 27 de outubro, compendia un total de 117 pezas de máis de medio cento de artistas que integraron no seu día as 80 mostras expositivas que acolleu o museo durante estes 25 anos como, Peregrinacións no mundo, As outras Peregrinacións ou Patrimonio e Camiño.
Un total de 54.151 persoas veñen de presentar solicitude para cursar algunha modalidade de Formación Profesional en Galicia o vindeiro curso, o que representa un incremento do 5,24% (2.697 solicitudes máis) con respecto ao curso 2023-24. Estas cifras supoñen acadar de novo un máximo histórico que confirma o interese que espertan estas ensinanzas entre os cidadáns en Galicia , con 2.697 solicitudes máis. Os datos recabados pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, logo da primeira adxudicación de prazas que dá dereito a matrícula, constatan unha suba xeneralizada en todas as modalidades, tanto ciclos ordinarios como FP Dual Intensiva, FP Básica, FP a distancia ou másteres e especializacións.
A nosa comunidade ten avanzado de forma notable na loita contra o quecemento global, con 139 medidas desenvolvidas e un investimento executado de 1.140 millóns de euros. Así, Galicia é a comunidade española con maior redución das emisións contaminantes (-60%) respecto a 1990, ano que se toma como referencia a nivel mundial para as políticas climáticas. Ademais é a rexión con maior capacidade de absorción de dióxido de carbono do país, unha de cada cinco toneladas capturadas en España. A maiores, as emisións netas de gases de efecto invernadoiro baixaron en Galicia un 19,5% nos últimos catro anos, o triplo que a media española e que a europea.
Luis Tosar conta cunha traxectoria na que figuran tres Premios Goya, dous Premios José María Forqué e cinco Premios Mestre Mateo. Desde os seus comezos no teatro profesional galego nos anos 90, a súa carreira non deixou de medrar. Zaza Ceballos é unha produtora, escritora e directora cinematográfica galega. Foi ademais unha das pioneiras do audiovisual de Galicia desde os seus inicios na Televisión de Galicia, e cos seus proxectos a través da produtora Zenit Televisión SA. A Academia Galega do Audiovisual creouse en 2002 coa participación das principais asociacións profesionais e empresariais do sector que aglutinaban guionistas, intérpretes, directores, realizadores e produtoras co obxectivo de darlles cabida a todos os oficios e profesións dese ámbito.
Un ano máis, e xa van 5, a Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel ten o pracer de organizar o Courel Son, Jazz e Blues na Montaña. Serán catro grandes concertos en catro localidades distintas da serra, mantendo o obxectivo de dar vida a todos e cada un dos pobos do noso territorio, ao tempo que demostramos que, sexa a paraxe que sexa, dispoñemos dos mellores escenarios naturais. Este ano contamos, unha vez máis, coa imprescindible axuda económica da área de Cultura da Deputación de Lugo, pero tamén cunha aportación da Sociedad de Artistas Intérpretes o Ejecutantes (AIE), que quere premiar con esta achega a orixinalidade da nosa proposta, na que non buscamos a masificación, senón a excelencia.