Noticias

Luis Tosar, a produtora Zaza Ceballos e a Academia Galega do Audiovisual recibirán as Medallas de Ouro de Galicia 2024

Luis Tosar conta cunha traxectoria na que figuran tres Premios Goya, dous Premios José María Forqué e cinco Premios Mestre Mateo. Desde os seus comezos no teatro profesional galego nos anos 90, a súa carreira non deixou de medrar. Zaza Ceballos é unha produtora, escritora e directora cinematográfica galega. Foi ademais unha das pioneiras do audiovisual de Galicia desde os seus inicios na Televisión de Galicia, e cos seus proxectos a través da produtora Zenit Televisión SA. A Academia Galega do Audiovisual creouse en 2002 coa participación das principais asociacións profesionais e empresariais do sector que aglutinaban guionistas, intérpretes, directores, realizadores e produtoras co obxectivo de darlles cabida a todos os oficios e profesións dese ámbito.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe da aprobación no Consello do decreto que concede as Medallas de Ouro de Galicia ao actor Luis Tosar, á produtora Zaza Ceballos e á Academia Galega do Audiovisual. O xefe do Executivo galego sinalou que os recoñecementos deste ano, que constitúen “a maior distinción” que outorga a Comunidade autónoma galega, recaen en dous nomes propios e nun colectivo asociativo que dignifican o audiovisual galego como sector artístico e estratéxico.

Rueda referiuse á distinción de Luis Tosar como intérprete de teatro, cine e televisión que chegou ao máis alto a nivel nacional e internacional converténdose nun “dos artistas galegos máis recoñecidos e coñecidos”; de Zaza Ceballos como unha das “grandes mulleres pioneiras no sector”, coa divulgación das figuras históricas femininas galegas desde a pequena pantalla a través da súa produtora Zenit; e do incesante traballo da Academia Galega do Audiovisual a prol do desenvolvemento e visibilidade do sector, dando cabida “a un sector cada vez máis numeroso,cada vez máis potente e cada vez máis referente”.

Luis Tosar conta cunha traxectoria na que figuran tres Premios Goya, dous Premios José María Forqué e cinco Premios Mestre Mateo. Desde os seus comezos no teatro profesional galego nos anos 90, formando parte de elencos, entre outras compañías, do Centro Dramático Galego, a súa carreira como intérprete non deixou de medrar a través de papeis protagonistas en películas e series desde a súa participación na aclamada Mareas Vivas, de Televisión de Galicia. Algúns dos seus filmes máis celebrados de entre os máis de 60 títulos que ten ás súas costas están Los lunes al sol, Te doy mis ojos, Celda 211, ou os máis recentes El desconocido, Cien años de perdón e 1898: Los últimos de Filipinas. Máis alá do cinema, Tosar liderou o trío cómico The Magical Brothers e o grupo musical Di Elas.

Zaza Ceballos é unha produtora, escritora e directora cinematográfica galega. Estudou Lingua e Literatura nos Estados Unidos e Filoloxía na Universidade de Santiago de Compostela. Zaza Ceballos foi unha das pioneiras do audiovisual de Galicia desde os seus inicios na Televisión de Galicia, e cos seus proxectos a través da produtora Zenit Televisión SA, coa que desenvolveu entre outros un proxecto que incluía a realización de varias películas biográficas de mulleres históricas e relevantes de Galicia como Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal ou Rosalía de Castro. Esta serie de audiovisuais puxo en valor a figura das mulleres sobranceiras da historia de Galicia achegando á sociedade o seu traballo a prol da igualdade entre homes e mulleres. En 1985 comezou a traballar na Televisión de Galicia, optando a diversos postos de responsabilidade, atendendo a cuestións dos mercados e foros internacionais de MIP, MIPCOM, BBC Showcase, NATPE, LA Screenings, MonteCarlo TV Festival, London Screenings, e proxeccións nos festivais de cine de San Sebastian, Sitges e Munich, entre outros. En 1998 fundou Zenit Televisión, onde é a directora e produtora executiva. Actualmente é profesora de creación no Mestrado de desenvolvemento e distribución de contido audiovisual na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo (Campus de Pontevedra). Recibiu a Medalla Emilia Pardo Bazán 2021.

A Academia Galega do Audiovisual creouse en 2002 coa participación das principais asociacións profesionais e empresariais do sector que aglutinaban guionistas, intérpretes, directores, realizadores e produtoras co obxectivo de darlles cabida a todos os oficios e profesións dese ámbito. Desde a súa asemblea fundacional, cunha primeira xunta directiva integrada por Ernesto Chao, Ángel de la Cruz, Antón Reixa, Carlos Carballo, Julio Fernández, Manuel Abad, Manuel Manquiña, María Bouzas, Miguel Anxo Fernández e Xosé Cermeño, ata a actualidade, na que é presidida por Álvaro Pérez Becerra e conta con preto de 500 asociados, a Academia ten levado a cabo un incesante labor a prol da difusión e a visibilidade do traballo dos profesionais do sector e da produción cinematográfica galega en xeral. A súa iniciativa de maior repercusión é a celebración dos Premios Mestre Mateo, instituídos en 2003, pero tamén destacan outras como os Premios María Luz Morales o Premio José Sellier, o Premio de Honra Fernando Rey, distintos ciclos de cinema galego dentro e fóra de Galicia ou o impulso de foros e plataformas para o debate de asuntos de interese no avance do audiovisual como parte importante do desenvolvemento cultural e económico de Galicia.

As Medallas de Ouro de Galicia constitúen a máxima distinción de honor outorgada poia Xunta a persoas ou institucións polos seus méritos ao servizo de Galicia en calquera aspecto da realidade social, cultural ou económica. En 2023 recaeron en Juan Pardo, Luz Casal e Carlos Núñez como representantes do patrimonio musical galego. En 2022 foron para persoas destacadas na difusión do Camiño de Santiago e en 2021 para os sanitarios que traballaron para combater a pandemia da covid-19.

Tal e como sinalou o máximo responsable do Goberno galego, “este ano quixemos recoñecer a traxectoria do audiovisual galego”, lembrando que a Xunta de Galicia “intentou sempre apoiar este sector que ademais desde o punto de vista económico é cada vez máis potente”.

O acto de entrega terá lugar o vindeiro 24 de xullo en Santiago de Compostela.

R., 2024-07-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (pesca-azul.jpg) O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, defendeu unha reforma da Política Pesqueira Común (PPC) para que esta se adapte ás necesidades da cadea mar-industria galega. Esta reforma debe incluír unha rexionalización da normativa europea e, por tanto, ter en conta as propostas e participación proactiva das autoridades rexionais na futura toma de decisións que se leven a cabo en Bruxelas neste senso. Así o expuxo este martes na reunión mantida ao máis alto nivel polo Comisario de Pesca e Océanos, Costas Kadis, co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, os responsables das comunidades autónomas do ramo, e as entidades representantes do sector pesqueiro, acuícola e das mulleres.
Foto de la tercera plana (xunta-sancaetano.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Executivo autonómico aprobou hoxe 'solicitar formalmente un informe ao Consello Consultivo de Galicia' sobre 'as posibilidades legais' do traspaso das competencias para xestionar os permisos de traballo das persoas doutros países. O obxectivo é avaliar a posibilidade de asumir esta función en tres áreas concretas: as autorizacións iniciais para que unha persoa estranxeira poida traballar na comunidade, os permisos para traballos de tempada e os de larga estancia por motivos de estudos ou formación.

Notas

O Teatro Principal acollerá entre o 5 e 16 de maio as cinco representacións que integran o programa da XVI Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra (Miteu), que permitirá coñecer tanto as montaxes das aulas e grupos dos tres campus da UVigo, como dous espectáculos chegados de Portugal e México. Promovida pola Vicerreitoría do campus, coa colaboración do Concello, trátase dunha mostra con entrada gratuíta.
'Vida, biografías, bioficcións' é o título do primeiro simposio que organiza a Cátedra Rosalía de Castro da USC, que botou a andar este mes de abril con varias iniciativas culturais. O encontro desenvólvese ata o 30 de abril no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da USC. O simposio estrutúrase en tres paneis e catro mesas redondas, ademais de dúas conferencias.
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES