Buscador
Noticias
O sector turístico de Galicia está a rexistrar un crecemento continuo e estable este ano que se traduce nas cifras de visitantes e estadías acadadas desde xaneiro a setembro. Segundo os datos feitos públicos hoxe polo INE, nesta evolución positiva adquire un peso importante o turismo internacional con 2,2 millóns de viaxeiros aloxados, o que supón un incremento do 3,5% con respecto ao ano pasado, rexistrando ademais 3,4 millóns de noites. Ambas cifras supoñen máximos da serie histórica neste período. No que atinxe ao comportamento acumulado, 6 millóns de viaxeiros aloxáronse en Galicia desde xaneiro a setembro, facendo algo máis de 11,3 millóns de noites en establecementos de aloxamento, rexistrando tamén incrementos do 1,9% e 0,7%, respectivamente.
A exposición pon o foco no rico acervo de lendas e tradicións de influencia celta e precristiá, así como características climáticas e orográficas, que contribuíron á xestación dunha atmosfera favorable para que agrome a literatura fantástica en Galicia, que se transmitiu orixinalmente de modo oral, ao redor da lareira. Deste xeito afóndase en catro bloques: a tradición popular galega, a fantasía, a ciencia ficción e o terror. Comisariada pola escritora Alba Rozas e o técnico da Biblioteca de Galicia Lorenzo Romero, a mostra permanecerá aberta ata o mes de maio no horario de apertura das instalacións. Esta proposta forma parte da programación impulsada pola Administración autonómica co gallo do Día das Bibliotecas, celebrado o pasado 24 de outubro.
Galicia e País Vasco comparten o reto da atracción e retención de talento científico como unha das claves de futuro dos sistemas de investigación de ambas comunidades autónomas, así como a posibilidade de abrir liñas de cooperación entre ambos modelos. Así se puxo de manifesto nos distintos encontros mantidos ao longo de tres días no marco dun intercambio de experiencias e aproveitamento de sinerxías entre os centros de investigación punteiros galegos e vascos que concluíu hoxe en San Sebastián e nos que participou unha delegación galega integrada polo secretario xeral de Universidades, vicerreitores de investigación das tres universidades públicas galegas e representantes dos dez centros que integran a Rede CIGUS da Xunta.
O mercado operará mediante créditos certificables que poden ser vendidos a través dunha plataforma de comercialización que servirá de nexo entre os axentes promotores dos proxectos e os compensadores. Estes últimos -organizacións públicas e privadas, ou incluso cidadáns- son os que adquiran ou utilicen créditos de carbono, ben sexa como persoas intermediarias ou ben como axentes finais co fin de compensar as súas emisións. O obxectivo é que tanto o tecido empresarial como os cidadáns poidan contribuír á loita contra o cambio climático mediante o financiamento de proxectos sostibles impulsados por gandeiros ou silvicultores.
Déronse a coñecer os grupos gañadores da especialidade de teatro do certame Xuventude Crea 2024, despois das representacións que tiveron lugar durante a fin de semana no Salón Teatro de Santiago. Na fase final o xurado outorgou o primeiro premio na modalidade Amador a Luscofusco, de Rianxo (A Coruña), coa obra Fraktal, e no apartado Pro a Coidadobastón!, de Redondela (Pontevedra), coa función Recordari. Na sección Amador levou o segundo premio LaBarata producións, de Santiago de Compostela, que representou Ingobernábeis (Apto/non apto), e o terceiro O Cadro, de Taboadela (Ourense), coa peza A puta namorada.
A Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (CRUSOE), a Xunta de Galicia e a multinacional tecnolóxica NTT DATA presentaron unha proposta de colaboración para a posta en marcha dun Laboratorio TIC en Galicia, que se constituiría como unha plataforma de servizos avanzados para desenvolver, entre outros, proxectos de dixitalización emblemáticos. O Laboratorio TIC desenvolveríase como Unidade Mixta posta en marcha pola Xunta de Galicia e planéase como un modelo de negocio para o sector turístico de colaboración público-privada e unha plataforma tecnolóxica de servizos avanzados, con acceso a tecnoloxías e capacidades dixitais de vangarda.
Tivo lugar a reunión do xurado dos Premios Artesanía de Galicia 2024 na sede da Fundación Artesanía de Galicia en Santiago de Compostela. Tras a súa reunión, o xurado decidiu dar a coñecer os tres finalistas que competirán pola categoría Premio Artesanía de Galicia 2024, dotado con 9.000 euros. Os seleccionados foron o torneiro Aitor Martínez (Tomiño), a cesteira Julia de la Cal, do obradoiro La Parabólica (O Porriño), e Santiago Besteiro (Monterroso), especializado no traballo do coiro. Os Premios Artesanía de Galicia están impulsados pola Xunta co obxectivo de recoñecer o talento e a traxectoria dos profesionais do sector artesán galego.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na 11ª Conferencia sobre a Subsidiariedade do Comité Europeo das Rexións (CdR), organizada conxuntamente co Grupo Director sobre a Mellora da Lexislación e a Subsidiariedade Activa (BRASS-G), co título Lexislar mellor e subsidiariedade activa: claves para unha UE eficaz. Gamallo defendeu a prospectiva estratéxica como ferramenta diferenciada para lexislar mellor nas rexións. A súa principal diferenza é que profunda nas tendencias a longo prazo, nas incertezas e nos escenarios alternativos. Estes métodos, explicou o director xeral, permiten aos responsables da toma de decisión ir máis alá do horizonte político inmediato e tomar mellores decisións políticas a longo prazo.
Os días 6 e 7 de novembro chega a undécima edición do CO(M)XÉNERO Seminario Permanente de Comunicación e Xénero da USC, que nesta ocasión leva o título Na letra pequena. As mulleres nos oficios do cinema. Este evento, xa consolidado como un espazo de reflexión e debate, centrará esta vez o seu foco nas mulleres que traballan nos oficios do cinema menos visibles pero imprescindibles para a creación audiovisual, desde o son ata a produción e a montaxe. Organizado polo Grupo de Investigación en Estudos Audiovisuais da USC, o seminario pretende reivindicar o papel destas profesionais no sector audiovisual, un ámbito no que a presenza feminina segue sendo escasa, especialmente en áreas técnicas e creativas.
O Servizo Galego de Saúde realizou no primeiro semestre deste ano 2024 un total de 3.500 cirurxías prioritarias máis que no mesmo período do ano 2019, o anterior á pandemia da covid 19. Así o destacou a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, na súa intervención na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia. Explicou que o Servizo Galego de Saúde realiza as súas intervencións sanitarias atendendo a criterios clínicos e priorizando aos pacientes en función da enfermidade ou gravidade da súa patoloxía, levando a cabo unha xestión das listas de espera por prioridades e orientada aos resultados en saúde.