Archivo (1 del 2023)

Buscador

Noticias

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 886, deles 195 son da área da Coruña, 118 da de Lugo, 93 da de Ourense, 86 da de Pontevedra, 157 da área de Vigo, 146 da de Santiago e 90 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 9 están en UCI, 147 en unidades de hospitalización e 730 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 688.213 persoas curadas, rexistrándose 4.049 falecementos. O número de PCR realizadas é de 4.037.664. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 7.560.580.
Tendo como alicerces a Lei Paz Andrade, da que toma o nome, así como a Estratexia Galega de Acción Exterior e a Lei reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, este observatorio, terá como finalidade asesorar ao Goberno, formular plans de acción e programar actividades de coñecemento, intercambio e programación ao tempo que funcionará como un foro permanente de diálogo entre as distintas administracións públicas e outras organizacións representativas con interese neste ámbito. Segundo os datos reportados, 3888 alumnos de ESO e Bacharelato estudan portugués como primeira ou segunda lingua estranxeira neste curso 2022-23, o triple que cando entrou en vigor a lei a prol dos vínculos coa lusofonía.
O Servizo Galego de Saúde recibíu o Premio Nacional de Informática e Saúde, como a entidade pública ou privada que máis destaca en proxectos de Transformación Dixital no ámbito sanitario, e que entrega a Sociedade Española de Informática da Saúde. O xurado decidiu, por unanimidade, facer entrega deste premio tras avaliar proxectos como a historia clínica electrónica única (IANUS), o portal de saúde do paciente (E-saúde), a plataforma de Teleasistencia domiciliaria (Telea), a plataforma de xestión e distribución loxística (Logas), ou o portal do profesional (Fides).
A Xunta de Galicia clausurou a edición do 2023 de Fitur en Madrid poñendo en valor as festividades da comunidade como a mellor mostra dos seus recursos culturais e gastronómicos. O stand de Turismo de Galicia en Ifema, que rexistrou moi boa asistencia nos tres días que durou a Feira Internacional de Turismo, pechou esta última xornada coa exposición Un ano de festas. Neste percorrido polas principais celebracións do mapa galego presentado pola influencer Tamara García , a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e os delegados territoriais da Xunta, enxalzaron o seu alto atractivo para o desenvolvemento turístico de Galicia.  
O Servizo Galego de Saúde alcanzou, no ano 2022, a cifra de 128 doantes de órganos, o que propiciou que se realizasen 296 transplantes nos hospitais galegos. Sendo 151 de ril, dos que 21 procedían de doantes vivos; 78 de fígado; 3 de páncreas; 26 de corazón e 38 de pulmón. Ademais, dende a realización do primeiro transplante, no ano 1981, ata o remate do 2022, en Galicia lévanse realizado un total de 9.217 transplantes de órganos. As cifras de doantes de órganos cadáver en Galicia sitúase en 128 (77 na provincia da Coruña, 5 na de Lugo, 11 na de Ourense e 35 na de Pontevedra); datos que supoñen que haxa unha taxa de 47,6 de doantes por cada millón de habitantes, superando nun punto a media nacional.
A Consellería de Sanidade detectou catro casos da sublinaxe XBB.1.5 do coronavirus en Galicia, dous deles na área sanitaria da Coruña e os outros dous na de Pontevedra. Ningún destes casos se atopa hospitalizado. A Dirección Xeral de Saúde Pública sinala que, coa información epidemiolóxica dispoñible, non se prevé que esta nova variante teña consecuencias máis graves que as variantes circulantes ata o momento. O departamento sanitario galego volve facer un chamamento á vacinación e sinala que, para a xente que aínda non teña posta a cuarta dose, hai 29.000 citas dispoñibles semanais para adultos e 1.100 para nenos e nenas no sistema de autocita.
O Encontro Internacional Erasmus+ congrega en Ferrol uns 300 docentes de nove países distintos para debater e explorar distintas vías formativas en ámbitos como a inclusión, a internacionalización, as novas tecnoloxías ou o plurilingüismo a través de charlas, mesas redondas e obradoiros. Preto de 300 centros participaron o pasado curso en distintas actividades de mobilidade no marco do Erasmus+ con proxectos no entorno escolar, no ámbito da educación para persoas adultas e no da Formación Profesional, onde Galicia destaca entre as tres comunidades autónomas con proxectos propios. 
A Cidade da Cultura avanzou o seu programa de actividades para o primeiro semestre deste ano, no que salientan unha vintena de exposicións e intervencións artísticas e paisaxísticas, o reforzo do seu programa de residencias e unha destacada aposta pola itinerancia dos seus contidos culturais, que chegarán a cidades como París, Cáceres, A Coruña, Lugo ou Vigo. Unha das grandes novidades da programación expositiva do Museo Gaiás chegará en marzo coa mostra Detrás do espello. Galicia na obra de autores foráneos do século XX.
O Observatorio da Industria Aeroespacial será clave para a evolución do sector e para identificar novas oportunidades no segmento dos sistemas non tripulados. Trátase dun proxecto conxunto da Xunta de Galicia e do CAG para xerar e divulgar coñecemento experto e estudos científicos sobre aeronáutica e aeroespacial, con especial referencia ao segmento dos vehículos non tripulados. Os primeiros estudos realizados polo Observatorio están a piques de ser publicados e centraranse no financiamento da I+D+i no sector dos vehículos non tripulados, a análise da cadea de valor do sector aeroespacial e a súa integración noutras cadeas de valor nacionais e internacionais, os instrumentos de apoio á internacionalización ou o diagnóstico da creación de empresas aeroespaciais en España e en Galicia.
Dentro da programación do Bicentenario do Concello de Paradela, ven de publicarse o libro “XESÚS MATO, 90 anos… e 50 do seu Fuxan os Ventos”, como homenaxe ao crego e musicólogo fillo predilecto do Concello de Paradela. O libro, publicado por Brandán Comunicación e o Colectivo Egeria, coordinado por Antonio Giz e Xulio Xiz, co apoio da Xunta de Galicia e do Concello de Paradela, a través de 166 páxinas, é un percorrido pola traxectoria vital de Xesús Mato e Mato, co gallo de cumprir 90 anos o pasado 29 de outubro, e medio século da creación do grupo “Fuxan os ventos”, do que foi alma máter, sendo tamén da súa autoría a letra e a música da canción que deu nome ao grupo.
« Anterior | 3  de  5 | Siguiente »

Archivo

2024 (189)

2023 (515)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES