Noticias

Presentado en Lugo o libro 'XESÚS MATO, 90 anos… e 50 do seu Fuxan os Ventos'

Dentro da programación do Bicentenario do Concello de Paradela, ven de publicarse o libro “XESÚS MATO, 90 anos… e 50 do seu Fuxan os Ventos”, como homenaxe ao crego e musicólogo fillo predilecto do Concello de Paradela. O libro, publicado por Brandán Comunicación e o Colectivo Egeria, coordinado por Antonio Giz e Xulio Xiz, co apoio da Xunta de Galicia e do Concello de Paradela, a través de 166 páxinas, é un percorrido pola traxectoria vital de Xesús Mato e Mato, co gallo de cumprir 90 anos o pasado 29 de outubro, e medio século da creación do grupo “Fuxan os ventos”, do que foi alma máter, sendo tamén da súa autoría a letra e a música da canción que deu nome ao grupo.

No libro, ademais do resume que fai Xesús Mato do seu camiñar pola vida, e os textos de presentación de Román Rodríguez (Conselleiro de Cultura, Educación, F.P. e Universidades), José Manuel Mato (Alcalde de Paradela) e dos coordinadores da publicación, participan Alfonso Blanco, Marisol Bravos, José Crespo, Ángel Fernández, Marcos Fernández, Valentín García, Mero, Manuel Lombao, Arximiro López, Mini, Eloy Rodríguez, Santiago Rodríguez, Carlos Rodríguez, Isidoro Rodríguez, e Lola Tourón.

Cada un dos coautores incide nunha fase da vida e actividade do Padre Mato (así é xeralmente coñecido): a nenez, o Seminario, a guerra… a lingua, a cultura, a primeira parroquia… Radio Popular de Lugo, Fuxan os Ventos, Galicia canta ao Neno… Delegado de Medios, a música, crego de familia… Auxilia, Fillo predilecto de Paradela e Medalla Castelao… Unha vida entregada aos demais que o libro quere poñer de manifesto en homenaxe a este grande da Igrexa, da música e da cultura.

O martes, 17 de xaneiro, houbo unha dobre presentación: en Paradela e en Lugo.

En Paradela, ás 12:00 horas, no salón de sesións do Concello, con asistentes de Paradela e outros chegados de diversos puntos de Galicia, interviñeron, ademais de Xesús Mato (fillo predilecto daquel concello), o Alcalde, José Manuel Mato; Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Ángel Fernández (fillo predilecto de Paradela), participante no libro cun traballo sobre a mocidade do seu veciño homenaxeado; Lola Tourón (cesteira), autora dun traballo sobre Mato na Montaña, e Xulio Xiz (compañeiro na radio), coautor.

Pechou o acto o gaiteiro Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, que foi cantor na Escolanía de Lugo cando era dirixida por Mato, interpretando o “Alalá do Courel”.

Ese mesmo día, ás oito do serán, no salón de actos da Biblioteca Provincial de Lugo (Biblioteca Nodal), cun público numeroso e entusiasta de “matólogos” e “matófilos”, interviñeron Xesús Mato, Valentín García, Ángel Fernández e Xulio Xiz, ademais da directora da Biblioteca Provincial, María Isabel Pérez Forneas, e dos participantes no libro Marisol Bravos (compañeira de Mato na impulsión de Auxilia), Marcos Fernández Mosquera (sucesor de Mato na dirección do Orfeón Lucense) e Isidoro Rodríguez, do colectivo María Castaña, participante con Mato en “Galicia canta ao neno”. Foi espléndido colofón a intervención de Xosé Luís Rivas Cruz (Mini), do primeiro Fuxan, actualmente deputado no Parlamento de Galicia que rematou a súa intervención cun emocionante canto “a capella” do “solo” de “Fuxan os ventos”, letra e música de Xesús Mato.

Nas dúas presentacións, todos os asistentes recibiron cadanseu exemplar do libro “XESÚS MATO, 90 ANOS… e 50 do seu Fuxan os Ventos”.

R., 2023-01-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES