
O Servizo Galego de Saúde recibíu o Premio Nacional de Informática e Saúde, como a entidade pública ou privada que máis destaca en proxectos de Transformación Dixital no ámbito sanitario, e que anualmente entrega a Sociedade Española de Informática da Saúde.
O Subdirector de Tecnoloxías da Consellería de Sanidade, Benigno Rosón; recolleu un galardón que reafirma a posición de Galicia como referente en España no eido tecnolóxico-sanitario.
O xurado decidiu, por unanimidade, facer entrega deste premio ao departamento sanitario da Xunta tras avaliar proxectos como a historia clínica electrónica única (IANUS), o portal de saúde do paciente (E-saúde), a plataforma de Teleasistencia domiciliaria (Telea), a plataforma de xestión e distribución loxística (Logas), ou o portal do profesional (Fides). Todos eles, claros expoñentes dunha forma distinta e máis eficiente de traballar.
Durante a pandemia sanitaria provocada pola covid-19, a tecnoloxía despregada polo Sergas permitiu liderar a velocidade de vacinación da cidadanía, así como monitorizar dun xeito máis seguro aos pacientes afectados polo coronavirus.
Galicia tamén é pioneira no xeito de comprar tecnoloxía. Así, neste ámbito de actuación, o Sergas introduciu importantes melloras baseándose no modelo de compra pública de Tecnoloxía Innovadora, cun importante impulso da I+D+i nas empresas. Esta aposta mobilizou xa máis de 100 millóns de euros desde o seu inicio, e mantense constante no tempo con novos proxectos.
Actualmente o Sergas atópase en fase desenvolvemento do INNOVATRIAL, un sistema innovador para a xestión de todo o proceso de investigación, dotado con máis de 10 millóns de euros, e que suporá un salto cualitativo neste ámbito de investigación e na xestión dos datos sanitarios.
Explotación de datos e emprego da Intelixencia Artificial
Un dos máximos expoñentes da estratexia de Sergas é sen dúbida a explotación masiva de datos e o impulso no desenvolvemento da Intelixencia Artificial. Actualmente o Sergas traballa en varias liñas de aplicación como son: a detección de enfermidades raras, o emprego de algoritmos de recomendación de contidos formativos aos profesionais e pacientes, a estratificación das características da poboación ou a aplicación da intelixencia artificial ao diagnóstico en imaxe de anatomía patolóxica e radioloxía.
Galicia participa ademais activamente nos 7 grupos de traballo creados polo Ministerio de Sanidade para impulsar a transformación dixital en atención primaria, liderando dous deles: o G3-Canle do cidadán, e o G6Telemonitorización de pacientes.
IANUS, Telea e Sergas Móbil
O pasado mes de decembro Galicia renovou a súa aposta polo proxecto de historia clínica, e atópase despregando unha importante evolución de IANUS, denominada IANUS5. Esta actualización posibilitará que a nosa historia clínica electrónica sexa máis transversal, máis intelixente e máis colaborativa; ao tempo que potencia a posibilidade de contactar cos pacientes e achegar o traballo dos profesionais á sociedade.
A historia clínica do Sergas é utilizada por máis de 26.000 profesionais sanitarios ao ano (que acceden desde a rede sanitaria pública e hospitais concertados); e tamén por profesionais sanitarios das residencias de terceira idade, que rexistran a información de máis de 16.000 persoas maiores.
A través da Plataforma de teleasistencia integrada en IANUS (Telea), o Sergas telemonitoriza xa a máis de 8.000 pacientes crónicos e, durante a pandemia, foi empregada para realizar o seguimento de máis de 600.000 pacientes con esta enfermidade.
Ademais, o número de biomedidas rexistradas na plataforma de Telea desde a súa posta en marcha supera xa os 2,5 millóns.
Actualmente IANUS5 dispón da posibilidade de integrar os dispositivos IoT que xeran información na nube de 11 provedores distintos nos ámbitos de dispositivos cardioimplantables, hemodiálisis, bombas de infusión e medición continua da glucemia. No caso dos cardioimplantables xa están sincronizados máis de 1.000 dispositivos de pacientes galegos. IANUS 5 tamén permite a prescrición de contidos formativos asociados ás patoloxías dos pacientes e o seu acceso desde o portal de saúde do paciente.
O número total de cidadáns que accederon aos datos da súa historia clínica a través do noso portal de saúde (E-saúde) superou no ano 2022 o millón.
Os cidadáns que ademais activaron o seu acceso ao cartafol persoal de saúde (PHR), que permite incorporar datos de saúde proactivamente, supera xa os 150.000 en menos dun ano, e xa compartiron cos profesionais sanitarios máis de 400.000 rexistros médicos e máis de 1.000 documentos clínicos.
Recentemente, o Sergas tamén integrou a videochamada e a mensaxería asíncrona en IANUS, como un elemento máis de comunicación cos profesionais. Ademais está a despregar máis de 12.500 pantallas con cámara para que os profesionais poidan utilizar estes sistemas como vía de comunicación
A través da aplicación de saúde SergasMóbil, máis de 1.700.000 cidadáns galegos descargáronse e usan a súa tarxeta sanitaria virtual
Estas grandes apostas en proxectos de transformación están referendados polos resultados obtidos no ano 2022, no que se acadou un alto grao de adhesión no seu uso e bos resultados de satisfacción na cidadanía e os profesionais.
Galicia pecha o 2025 sendo, por terceiro ano consecutivo, a comunidade coa ratio de escolarización no primeiro ciclo de educación infantil máis alta do conxunto do país, segundo os datos oficiais do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes. Isto tradúcese en que o 64,3% dos nenos e nenas de entre 0 e 3 anos galegos acoden a unha escola infantil, unha cifra que se sitúa 15 puntos por enriba da media nacional (que é do 49,2%). Neste sentido, a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, lembra que estes datos tan positivos son un exemplo do bo funcionamento das políticas de conciliación impulsadas pola Xunta.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello acordou hoxe iniciar os trámites para a posta en marcha da primeira Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia 2026-2028 coa que se prevén mobilizar máis de 400 millóns de euros. O obxectivo é dotar de maior competitividade ao tecido produtivo e situar a innovación no centro do desenvolvemento económico da comunidade. Esta medida enmárcase na aposta da Xunta por fomentar a innovación entre as empresas galegas. 'Se queremos un tecido produtivo moderno e competitivo, a innovación ten que formar parte indisoluble do seu día a día', resaltou.