Noticias

O Gaiás anuncia 20 exposicións no primeiro semestre, o reforzo do programa de residencias e unha aposta forte pola itinerancia dos seus contidos culturais

A Cidade da Cultura avanzou o seu programa de actividades para o primeiro semestre deste ano, no que salientan unha vintena de exposicións e intervencións artísticas e paisaxísticas, o reforzo do seu programa de residencias e unha destacada aposta pola itinerancia dos seus contidos culturais, que chegarán a cidades como París, Cáceres, A Coruña, Lugo ou Vigo. Unha das grandes novidades da programación expositiva do Museo Gaiás chegará en marzo coa mostra Detrás do espello. Galicia na obra de autores foráneos do século XX.

As principais liñas de acción para os vindeiros meses foron debulladas nun acto coa participación do director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, e a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, que tamén sinalaron o proxecto do primeiro Centro de Artes Dixitais de Galicia entre as prioridades de traballo para este ano.

Unha das grandes novidades da programación expositiva do Museo Gaiás chegará en marzo coa mostra Detrás do espello. Galicia na obra de autores foráneos do século XX, un proxecto comisariado polo comunicador e xestor cultural Xosé Luis García Canido, e polo músico, autor, produtor, e director audiovisual Antón Reixa, moi coñecido pola súa faceta de cantante e letrista de Os Resentidos, que foi recoñecido en 2021 coa Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes. A mostra, segundo avanzou o director xeral, “proponse explorar o vencello singular con Galicia, e a pegada da nosa terra na súa obra, de 50 nomes imprescindibles da ciencia e da cultura universal, desde Einstein a Hemingway, Cortázar, Isabel Coixet, García Márquez ou Luis Buñuel”.

Xa en xuño, o Museo Gaiás sumarase á conmemoración do centenario do Seminario de Estudos Galegos, coa exposición Luz na terra. A obra do Seminario de Estudos Galegos (1923-1936), comisariada por Ramón Villares, catedrático emérito de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, institución da que foi decano da Facultade de Xeografía e Historia e reitor, ademais de membro numerario da Real Academia Galega e presidente do Consello da Cultura Galega entre 2006 e 2018. Posteriormente chegará unha terceira exposición, neste caso no marco das actividades de conmemoración do 30 aniversario do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

Ampla programación expositiva

A Biblioteca e Arquivo de Galicia desenvolverán tamén unha completa programación expositiva destinada a poñer en valor os fondos que atesouran ambas institucións e que inclúen desde incunables, mapas antigos, unha das mellores coleccións de facsímiles, prensa histórica, fotografías ou postais. Así, a Biblioteca de Galicia inaugurará este mesmo mes unha mostra con motivo do Día da Ilustración, dedicada a María Antonia Dans, e en maio unha segunda mostra bibliográfica, sobre Francisco Fernández del Riego, con motivo do Día das Letras Galegas. Por parte do Arquivo de Galicia, inaugurarase en marzo a mostra Voces esquecidas. As mulleres do Hospital de Conxo, e en xuño unha segunda exposición con motivo do Día Internacional do Arquivos.

As mostras Camiños creativos e De lugares e cousas —que aínda poden visitarse ata abril no Museo Centro Gaiás— e novas intervencións artísticas e paisaxísticas nos espazos exteriores do Gaiás —cunha cuarta edición do ciclo Reb/veladas na paisaxe como proxecto destacado— completan as previsións para este comezo de ano.

Descentralización e dixitalización

O director xeral de Cultura lembrou, ademais, que o Gaiás continuará a expandir a súa actividade sumando novas itinerancias expositivas. “Precisamente pasado mañá, 20 de xaneiro, inauguramos no Palacio Toledo Moctezuma de Cáceres a mostra A Vía da Prata. Aires do sur, onde se poderá visitar ata abril, e a próxima semana Foi un home. Laxeiro en América. Buenos Aires (1950-1970) acada un nivel internacional coa súa chegada á capital francesa na última das súas estadías, que a levaron a Lalín, terra natal do artista, Madrid, e ao Museo Centro Gaiás”, remarcou.

Pola súa banda, o proxecto Cidades no tempo, comisariado por Manuel Gago e desenvolvido en colaboración con Afundación, sumará tamén novas itinerancias en Lugo e A Coruña (nos vindeiros meses) e en Vigo a finais de ano.

Anxo M. Lorenzo lembrou tamén que os contidos dixitais serán outra das apostas deste ano, avanzando que “a Cidade da Cultura está xa a traballar na definición do proxecto do primeiro Centro de Artes Dixitais de Galicia“. Ademais, seguirase a ampliar a instalación inmersiva Galiverso, coa incorporación de novas experiencias.

Apoio á creación

O impulso ao traballo dos creadores, a través do programa de residencias artísticas REGA e do Encontro de Artistas Novos, será outra das apostas para este ano.“En 2023 -salientou o representante da Xunta de Galicia- aspiramos a apoiar a preto doutro centenar de creadores, consolidar colaboracións e continuar a incorporar novos aliados neste camiño de converter o Gaiás nunha factoría para desenvolver contidos culturais, na que xa se ten colaborado con institucións como o Centro Dramático Galego, a Universidade de Vigo, o colectivo RPM ou o festival RESIS”.

Expansión e consolidación da programación cultural

Pola súa banda, a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, subliñou que o Gaiás se propón continuar a traballar en “consolidar o incremento da actividade do complexo, que en 2022 volveu superar o millón de visitas e marcou un récord na actividade expositiva con máis de 25 mostras e intervencións artísticas”. A directora xerente lembrou tamén o arranque da actividade do Edificio Fontán como un fito importante do complexo “ao incorporar máis dun centenar de novos traballadores e unha sostida programación de actividades na que participaron o ano pasado 11.000 persoas”.

“Nos últimos dez anos, a Cidade da Cultura ten practicamente dobrado o número de persoas que participan nas súas actividades culturais”, remarcou Váquez Reboredo. “Confírmase así a fase de expansión de actividade que vive actualmente o Gaiás que deixou xa atrás un período marcado polos proxectos construtivos para dar paso a unha consolidación do seu programa de usos”, finalizou.

Neste sentido, a Cidade da Cultura continúa a apostar tamén por unha ampla e diversa programación escénica, musical e familiar que neste ano volverá contar con citas tan consolidadas como o festival Escenas do Cambio, que chegará en maio novamente baixo a dirección de Lola Correa e con compañías e artistas procedentes de Canarias, Cataluña e Andalucía ademais de representación de Portugal e de Galicia.

Pola súa banda, a oferta para público infantil e familiar arranca este mesmo mes co festival de curtas Pequefilmes, continuando en febreiro coa celebración do Baile de Entroido, que volve ao Gaiás tras un parón de varios anos marcados pola pandemia.

R., 2023-01-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (20251223-xunta.jpeg) A conselleira do Medio Rural, acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, presidiu este mediodía a constitución do Observatorio do sector lácteo de Galicia, órgano colexiado de seguimento, asesoramento, consulta e análise deste eido produtivo. Esta reunión ten lugar trala entrada en vigor do decreto que actualizou a regulación deste órgano e que, entre outros obxectivos, persegue facer un seguimento continuado do sector e mellorar o seu funcionamento. O Observatorio vén funcionando dende a súa creación no ano 2007
Foto de la tercera plana (otero-pedrayo.jpg) En concreto, o programa do Calendario do Libro e da Lectura inaugurará as súas 35 efemérides para o longo de todo o ano o 11 de xaneiro, co Día do usuario/a da Biblioteca e terá como unha das súas datas significativas desde mes, o Día da Ilustración, que se celebra o 30 e está dedicado ao humorista gráfico Siro López. Complétanse as datas significativas coa celebración, o 1 de abril, do Día das artes galegas, que se centra neste 2026 nun dos nosos fotógrafos máis vangardistas e internacionais, o ourensán José Suárez. En todo caso, este festexo estenderase todo o ano cunha ampla oferta de accións, do mesmo xeito que sucederá co Día das letras galegas (17 de maio) que nas bibliotecas xirará ao redor da escritora Begoña Caamaño.

Notas

O LHCb, un dos detectores do gran colisor de hadróns (LHC) do CERN en Suíza, produce colisións de protóns a altísimas enerxías. Estas colisións xeran partículas inestables que conteñen quarks pesados, cuxa desintegración permite estudar fenómenos de física fundamental que axudan a explicar por que o universo está formado principalmente por materia e case non contén antimateria.
Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Abel Caballero, alcalde de Vigo, mantiveron este martes unha xuntanza na que se abordou a posta en marcha do Observatorio de Vivenda de Vigo tras a sinatura dun convenio de colaboración entre as dúas institucións con esta finalidade. O obxectivo desta nova ferramenta será realizar e ofrecer unha diagnose constante do mercado da vivenda, monitorizar a súa evolución e propoñer medidas de corrección coa previa avaliación de súa idoneidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES