
A Xunta de Galicia clausurou hoxe a edición do 2023 de Fitur en Madrid poñendo en valor as festividades da comunidade como a mellor mostra dos seus recursos culturais e gastronómicos.
O stand de Turismo de Galicia en Ifema, que rexistrou moi boa asistencia nos tres días que durou a Feira Internacional de Turismo, pechou esta última xornada coa exposición Un ano de festas.
Neste percorrido polas principais celebracións do mapa galego presentado pola influencer Tamara García que colaborou con Turismo de Galicia na promoción do dobre ano Xacobeo a través da iniciativa Instagrammers no Camiño, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e os delegados territoriais da Xunta, enxalzaron o seu alto atractivo para o desenvolvemento turístico de Galicia.
A dimensión das nosas festas, afirmou Castro, traspasou calquera fronteira e hoxe en día e moitas delas xa se consolidaron como motor económico e ferramenta de promoción turística de Galicia para o mundo. Neste sentido, destacou a importancia das máis de 300 festas declaradas de interese turístico na comunidade, entre as que se inclúen os entroidos, eventos históricos, gastronómicos, festivais con artistas de proxección internacional ou celebracións relixiosas.
Así, mostróuselle ao público asistente o potencial de festexos como a Romaría Vikinga de Catoira, o Apóstol de Santiago, os Entroidos de Xinzo de Limia e Verín, a Rapa das Bestas de Sabucedo, o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira ou as festas do San Froilán e o Arde Lucus de Lugo, entre outras.
Como peche do acto, a directora de Turismo de Galicia amosou a vontade da Xunta de seguir traballando conxuntamente cos municipios, colectivos e asociacións co obxectivo de potenciar as celebracións máis auténticas e xenuínas de Galicia para que formen o noso mellor escaparate turístico.
Foron presentados os novos equipamentos do Centro de Supercomputación de Galicia) instalación que vai incorporar un segundo computador cuántico, denominado IQM Spark. O novo supercomputador e os dous novos computadores cuánticos que se van adquirir situarán a nosa Comunidade na vangarda europea en canto a capacidade de almacenamento de datos e participación en grandes proxectos internacionais. En canto aos computadores cuánticos, o de menor capacidade (5 cúbits), dedicarase exclusivamente a tarefas de formación, probas de concepto e de algoritmia, complementando así ao de maior capacidade (54 cúbits), que será o buque insignia.
A Xunta exixe o rescate da AP-9 e asina cos Gobernos de Asturias e Castela e León e o tecido empresarial das tres comunidades a Declaración Compostela, que insta á Comisión Europea a culminar o ditame sobre as prórrogas da AP-9 e AP-66. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, interveu no encontro 'As infraestruturas viarias do Noroeste', organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia.