Archivo (2 del 2020)

Buscador

Noticias

Afundación, a Obra Social de ABANCA presenta a quinta edición do Festival de Ópera Cidade de Pontevedra, un evento que cada ano ofrece a oportunidade de gozar de grandes clásicos da ópera con artistas de nivel internacional. A edición deste ano contará coa representación a cargo da Ópera Nacional de Moldavia de La bohème, de G. Puccini (ópera en catro actos inspirada na novela Scènes de la vie de Bohème de Henri Murger), o día 27 de febreiro; e de L’elisir d’amore, de G. Donizetti (ópera bufa en dous actos que presenta a historia de Nemorino, quen está namorado de Adina, un amor non correspondido), que chegará o día 13 de marzo.
O enxeñeiro e arquitecto naval, farmacéutico, escritor e divulgador Andrés Comerma y Batalla será o homenaxeado este ano no Día da Ciencia en Galicia, a celebración promovida pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) para reivindicar a importancia da investigación a través das súas figuras máis destacadas e, en moitos casos, descoñecidas para o gran público. O carácter polifacético e visionario deste intelectual, xunto coas importantes achegas en termos de progreso e modernidade que o seu traballo supuxo para Galicia, foron os principais motivos da súa elección unánime por parte do pleno da RAGC. O acto académico de homenaxe terá lugar o 8 de outubro, pero a RAGC iniciará de inmediato os contactos con todas as institucións científicas vinculadas a Comerma.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Rede CeMIT súmanse un ano máis á celebración do o Día de Internet Segura, con preto dun centenar de actividades durante o mes de febreiro cunha duración de máis de 500 horas. Este ano a data celébrase baixo o lema “Unha Internet mellor comeza contigo: xuntos aprenderemos ciberseguridade”. A conmemoración desta xornada, que conta co apoio da Comisión Europea, ten a súa orixe no ano 2004 e, desde ese momento, mobiliza a millóns de persoas en todo o mundo para promover e debater sobre o correcto uso de Internet. Charlas, cursos e ciclos de seminarios online son algunhas das actividades ofertadas durante todo o mes.
Unha masterclass de física de partículas, impulsada polo Instituto de Física de Altas Enerxías (IGFAE), serviu de punto de partida ao programa de actividades que a USC desenvolve co gallo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Con esta clase maxistral, achegouse ás alumnas de bacharelato o traballo das investigadoras do instituto, visibilizando así o labor científica levada a cabo por mulleres e fomentando as vocacións das nenas. Para comezar, o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) acolleu, pola súa banda, a mesa redonda ‘Muller de ciencia’. Con todo, diferentes iniciativas nesta mesma liña iranse desenvolvendo ao longo de todo o mes de febreiro.
O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, organizou unha reunión para avaliar cos representantes das diferentes autonomías a situación dos prezos dos produtos do agro. Nela, o conselleiro do Medio Rural, José González, demandou unha garantía de prezos xustos para o agro que faciliten a rendibilidade na actividade dos agricultores e dos gandeiros. Neste sentido, González lembrou que a normativa comunitaria e española sobre competencia impide fixar uns mínimos para os produtos agrícolas, pero si se pode actuar para que a cadea de valor constrúa o prezo dos produtos do sector primario a partir do custo de produción dos agricultores e gandeiros, evitando así as vendas a perdas.
Tivo lugar hoxe a xornada técnica de presentación das instalacións e equipamentos do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR) ás preto de 50 empresas que amosaron interese na consulta preliminar ao mercado promovida polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI) que ten por obxecto dotar dun simulador de xestión de tráfico aéreo U-Space ao Polo Aeroespacial de Galicia. Este proxecto dá continuidade ao Galician Skyway que desenvolve Boeing no Polo Aeroespacial de Galicia e que permitirá á Comunidade manterse na vangarda das solucións vinculadas aos vehículos aéreos non tripulados.
A Fundación Cidade da Cultura de Galicia presentou hoxe o segundo Obradoiro de Novela Cidade da Cultura, tras o éxito alcanzado pola primeira edición celebrada en 2019, na que se esgotaron as prazas en menos de cinco días. Deste xeito, dáselle continuidade a unha actividade que procura potenciar e desenvolver o talento de novos valores na narrativa galega. Para iso, os e as participantes no curso aprenderán da man de escritores e escritoras galegos de éxito e contarán de novo co apoio dunha axencia literaria profesional, Rolling Words, que lles brindará a súa experiencia no mundo da edición e mesmo lles servirá de ponte cara ao profesionalismo para aqueles cun desempeño sobresaínte.
O proxecto Mar interior: un océano de oportunidades no corazón de Galicia, posto en marcha pola Deputación Provincial de Lugo en colaboración co Centro Oceanográfico de Vigo, arrancará o día 17 cunha conferencia sobre a ameaza dos plásticos para o mar. Por outra banda, o pazo de San Marcos acollerá obradoiros científicos e exposicións ata o 22 febreiro e do 23 ao 29 de marzo celebraranse as actividades na Casa da Cultura de Monforte de Lemos. Polas mañás, participará alumnado de Secundaria no taller 'Pescando a Ciencia' e de Primaria no obradoiro 'Viaxe ao Centro do Oceanográfico', mentres que pola tarde as actividades estarán abertas ao público en xeral.
A Xunta recoñecerá o esforzo dos concellos comprometidos coa paisaxe e o medio ambiente cun novo distintivo: a Bandeira Verde de Galicia. Un recoñecemento que pretende coidar e fortalecer a Galicia verde, recoñecendo o esforzo daqueles concellos que implanten boas prácticas e fomenten o compromiso dos seus veciños neste eido. Estas bandeiras verdes concederanse anualmente a aqueles municipios que cumpran con criterios que xiran en torno a 5 eixos: a protección da paisaxe, o cambio climático e eficiencia enerxética, a mobilidade sustentable, a xestión responsable dos residuos e accións de educación e sensibilización ambiental. Será un xurado técnico o encargado de avaliar as candidaturas que se presenten, puntuando os méritos que acrediten os concellos e outorgando especial valía ás medidas innovadoras.
Celebrouse a reunión do Consello de Cooperación Bibliotecaria coa participación de representantes das bibliotecas de xestión autonómica, das bibliotecas municipais, dos centros privados integrados na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, das bibliotecas escolares de ensino non universitario e das asociacións de bibliotecarios. Durante a sesión déronse a coñecer os datos relativos a GaliciaLe 2019, a plataforma de préstamos de obras en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas e que ten como obxectivo facilitar o acceso de toda a cidadanía á cultura en calquera momento a través dos seus catálogos en galego e castelán. Así, no pasado ano rexistráronse un total de 56.144 préstamos, un 62% máis que en 2018.
« Anterior | 4  de  6 | Siguiente »

Archivo

2024 (209)

2023 (515)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES