
Na mesma liña, insistiu en que a entrada en vigor dunha norma específica en Francia e as posibilidades que ofrece a transposición da normativa europea permiten agora acometer a modificación da lexislación estatal, en concreto as leis de Competencia Desleal, de Defensa da Competencia e de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria. Por iso pediu ao Goberno central que apure tanto esa transposición da Directiva europea como a modificación da normativa nacional.
Trátase, -segundo destacou o conselleiro- de afondar na defensa dunhas rendas dignas para o sector, en calidade de produtor de alimentos sans e de maneira respectuosa co medio ambiente. Porque en boa medida, engadiu González, esas rendas dignas están condicionadas pola existencia duns prezos xustos e que cubran os seus custos de produción, cunha marxe de beneficio que se considere razoable.
En relación coa predisposición do ministro a atender as demandas de Galicia, o conselleiro recoñeceu que este é un tema complexo, pero que as modificacións legais introducidas en Francia e no ámbito comunitario permiten agora lexislar con celeridade, buscando que os prezos dos nosos produtos cubran sempre os custos de produción máis un marxe de beneficio.
Por último, nesta reunión o conselleiro solicitou tamén ao Goberno central a constitución de grupos de traballo con participación das comunidades autónomas para o desenvolvemento do proceso desa transposición das normas comunitarias e da necesaria revisión lexislativa no ámbito estatal.
Incentivos fiscais
Ademais, o conselleiro propuxo neste encontro a elaboración -por parte do Goberno central- dunha lei estatal de incentivos fiscais para a actividade agrogandeira e forestal. Neste aspecto, a Xunta considera necesario introducir na normativa nacional -ao igual que xa fixo a Administración autonómica en Galicia- medidas encamiñadas a mellorar a fiscalidade dos gandeiros, agricultores e silvicultores, co fin de que esas melloras repercutan tamén nas súas rendas.
Así, o conselleiro recordou que o Goberno galego xa ten lexislado nesta materia, poñendo en marcha o programa de Impostos Cero no Rural, así como con diferentes vantaxes na tributación, tales como bonificacións para o fomento da compra de vivenda en zonas pouco poboadas, do alugueiro de inmobles de carácter rústico ou do asociacionismo no sector agrogandeiro e forestal. Por iso, advertiu que agora lle toca ao Goberno central actuar, dentro das súas competencias.
Política Agrícola Comunitaria
Sobre o compromiso ambiental dos agricultores e gandeiros -especialmente en relación coa PAC-, González remarcou que eles son os máis preocupados por esta cuestión e polo tanto deben ser eles os principais protagonistas dese proceso. Nesta liña, o conselleiro valorou como positivo o traballo do Ministerio de Agricultura na materia e amosou a preocupación da Xunta porque parte das competencias sobre o particular pasen á Vicepresidencia de Transición Ecolóxica. Demandamos que sexa o Ministerio de Agricultura o que tutele esa sustentabilidade ambiental, sempre tendo presente ese papel protagonista que deben ter os agricultores, gandeiros e silvicultores, remarcou.
Gonzalez reiterou ademais a demanda ao ministro de Agricultura no sentido de que faga forza para que se manteñan os fondos da Política Agrícola Comunitaria e que outras achegas europeas se orienten cara o agro, tendo en conta o compromiso ambiental dos seus axentes.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.