
Afundación, a Obra Social de ABANCA, en colaboración con LG Artist Management, presenta a quinta edición do Festival de Ópera Cidade de Pontevedra, un evento que cada ano ofrece a oportunidade de gozar de grandes clásicos da ópera con artistas de nivel internacional. A edición deste ano contará coa representación a cargo da Ópera Nacional de Moldavia de La bohème, de G. Puccini, o día 27 de febreiro, e de Lelisir damore, de G. Donizetti, o 13 de marzo.
LA BOHÉME, DE G. PUCCINI
Ópera en catro actos inspirada na novela Scènes de la vie de Bohème de Henri Murger, unha novela por entregas que retrata a vida dos mozos bohemios que habitaban o Barrio Latino de París a mediados do século XIX. Estreouse o 1 de febreiro de 1896 na cidade italiana de Turín, e a día de hoxe é a cuarta obra operística máis representada en todo o mundo.
La bohème narra a historia de amor entre a modista Mimí e o poeta Rodolfo quen, tras sentir un namoramento repentino, comezan un romance. Mimí cae enferma e falece nos brazos de Rodolfo, non sen antes declararse a súa paixón mutuamente nunha das máis belas escenas de amor da ópera.
O tenor coreano Alessandro Kim interpretará a Rodolfo e a soprano venezolana Marina Ortiz a Mimí. Estarán acompañados polo barítono ucraíno Vladislav Lysak, a soprano española Marian Guerra, e os moldavos Yurii Dubidar, Viktor Navitsky e Iurie Maimescu.
L ELISIR D AMORE, DE G. DONIZETTI
Ópera bufa en dous actos estreada en 1832 no Teatro della Canobbiana de Milán, agora coñecido como o Teatro Lírico de Milán. Presenta a historia de Nemorino, quen está namorado de Adina, un amor non correspondido. Todo cambiará cando Dulcamara chega ao seu pobo, un gaioleiro que vende un elixir de amor, que en realidade non é máis que un viño corrente. Nemorino emborráchase e, en efecto, Adina vólvese tola por el.
Adina estará interpretada pola soprano peruana Ximena Agurto, e Nemorino polo tenor moldavo Viktor Navitsky. O baixo moldavo Iurie Maimescu encarnará a Dulcamara, a soprano moldava Tatiana Jechiu a Gianetta e o barítono ucraíno Yurii Dudar a Belcore.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.