Archivo (2 del 2020)

Buscador

Noticias

O vindeiro 12 de marzo, a Cidade da Cultura acollerá o Foro Empresarial AJE Galicia 2020, un encontro para debater e coñecer novas tendencias en innovación e investimento, enfocado a mellorar a produtividade das empresas galegas. O evento reunirá a empresarios e institucións de toda España, de todos os sectores, e está dirixido a mozos e mozas emprendedoras e universitarias con vocación de crear a súa propia empresa; así como empresarios e empresarias, e organismos relacionados co mundo corporativo. O evento contará con relatores como o coñecido empresario, asesor e coach, Emilio Duró ou a empresaria coruñesa Yaiza Canosa, CEO da startup logística GOI e elixida en 2017 como unha das 30 persoas menores de 30 anos con maior proxección profesional pola revista Forbes (30under30).
O Festival Atlántica vén de anunciar a programación da súa oitava edición, que se vai celebrar entre os días 11 e 20 de marzo. A presentación tivo lugar este martes, nunha rolda de prensa na que participaron Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña; Mercedes Rosón Ferreiro, primeira tenente de alcalde e concelleira Responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela; Mayte Argibay Silva, concelleira de Cultura e Educación do Concello de Teo; e Soledad Felloza, directora do Festival Atlántica. “Atlántica non é só Santiago” e o Festival tamén vai estar en Ferrol, A Coruña, Ourense, Vigo, Lalín, Teo, Pazos de Borbén e Bertamiráns. Ademais, o 20 de marzo vaise celebrar o Día Internacional da Narración Oral.
O programa de residencias artísticas que o Centro Dramático Galego (CDG) mantén na súa sede do Salón Teatro, en Santiago de Compostela, acollerá durante esta temporada os equipos de seis compañías galegas para traballar nas súas novas propostas escénicas: Pérez&Fernández, Marta Alonso, La Quintana Teatro, Cámara Negra Teatro, Verdeveras Expresións Artísticas e Incendiaria. Durante as súas estadías artísticas, as devanditas formacións de teatro e danza terán á súa disposición as instalacións da compañía e o apoio do seu equipo técnico para ultimar os espectáculos que, na meirande parte dos casos, compartirán despois co público neste mesmo espazo.
Co gallo do Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado ao escritor e profesor ferrolán Ricardo Carvalho Calero, a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega (RAG), o Consello da Cultura Galega, a Associaçom Galega da Língua (AGAL), a CRTVG, a Fundación Penzol, a Academia Galega da Lingua Portuguesa e os concellos de Santiago e Ferrol, entre outras entidades e institucións, veñen de presentar no Museo Centro Gaiás o avance dun programa de actividades conxunto que abrangue máis de 200 iniciativas no eido literario, expositivo, deportivo, educativo, empresarial, musical, escénico, plástico e académico, entre outros, dirixidas a pór en valor o legado de Carvalho Calero e que terán como acto central o propio Día das Letras, o vindeiro 17 de maio.
Un total de 141 centros de toda Galicia desenvolverán este curso o programa de accións de Apoio, Reforzo de Competencias e Orientación dirixidas a centros públicos de primaria e secundaria (ARCO). A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar a resolución definitiva desta iniciativa, que leva consigo unha dotación a estes centros de 162 profesionais, entre profesorado de primaria e secundaria e especialistas en pedagoxía terapéutica. O ARCO, que pode ser complementario cos contratos-programa, ten como obxectivo implicar o grupo de clase nas actividades de reforzo, co fin de conseguir o máximo desenvolvemento emocional, intelectual e social do alumnado.
A actividade Fly the future amosa o lado práctico das carreiras vinculadas coa ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas (STEM) aos mozos e mozas a través da explicación, interacción e visión das solucións tecnolóxicas desenvoltas pola compañía Babcock no Polo Aeroespacial de Galicia. Fly the future inclúese no programa de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas do Polo Aeroespacial de Galicia, que inclúe diferentes actividades para o fomento das vocacións científico-tecnolóxicas e que ten como obxectivo espertar o interese polas carreiras STEM entre a mocidade. Está dirixido a estudantes de educación primaria, secundaria, bacharelato, ciclos formativos e educación especial, así como á comunidade universitaria.
O 112 Galicia finalizou o 2019 con 230.000 incidencias xestionadas, o que supón unha media diaria de 630 intervencións dos servizos de emerxencias, un total de incidencias lixeiramente superior ao ano anterior, cando se contabilizaron máis de 228.000 incidencias. Con respecto á cantidade de chamadas atendidas, continúa a tendencia á baixa dos últimos anos, o que ratifica o comportamento cada vez máis responsable da cidadanía en relación ao uso do número único de atención ás chamadas de emerxencia. Así, en 2019, atendéronse 950.000 chamadas, o que supón un 1 por cento menos que en 2018 e un 13 por cento menos que en 2016, cando se superou o millón de comunicacións no 112 Galicia.
A presentación da edición facsimilar das obras 'La mujer del porvenir' e 'La mujer de su casa' de Concepción Arenal reuniu a Carmen Blanco, prologuista da obra, e á produtora Zara Ceballos, quen presentou o seu documental inédito sobre a autora ferrolá nun acto celebrado na sede de Afundación en Compostela. La mujer del porvenir e La mujer de su casa son dous textos de Concepción Arenal referentes do feminismo da época. O primeiro é un ensaio sobre a independencia da muller e o seu futuro na sociedade moderna, tratando a súa marxinación e achegando solucións e medidas para rematar coa situación. Por outra banda, La mujer de su casa analiza os problemas aos que se enfronta a muller en España para ser tratada con dignidade.
As universidades de Santiago de Compostela e de Vigo veñen de asinar un convenio coa Xunta de Galicia para o desenvolvemento do Inventario Forestal Continuo de Galicia, que se actualizará ano a ano. O obxectivo desta inventario forestal é dobre: Por unha banda, permitirá facer un seguimento da cantidade e do estado das masas arboradas e, por outra, permitirá crear unha estratexia de apoio ás decisións en materia de política forestal mediante un sistema de monitoraxe continuado. Entre as cuestións que xustifican a sinatura deste acordo, están a existencia dunha grande cantidade de superficies forestais de pequeno tamaño complexas de inventariar, como as masas mixtas ou a necesidade de contar con datos máis actualizados.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que a Xunta solicitará ao Executivo central que modifique a normativa nacional sobre prezos para evitar a venda a perdas no agro, así como á elaboración dunha lei de incentivos fiscais para os sectores agroalimentario e forestal. O titular da Xunta explicou que Galicia demandou novamente unha garantía de prezos xustos para o agro que faciliten que as actividades dos agricultores e dos gandeiros sexan rendibles.
« Anterior | 3  de  6 | Siguiente »

Archivo

2024 (180)

2023 (515)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES