Noticias

O programa de residencias do CDG acolle seis compañías durante esta temporada para traballar nas súas novas montaxes

O programa de residencias artísticas que o Centro Dramático Galego (CDG) mantén na súa sede do Salón Teatro, en Santiago de Compostela, acollerá durante esta temporada os equipos de seis compañías galegas para traballar nas súas novas propostas escénicas: Pérez&Fernández, Marta Alonso, La Quintana Teatro, Cámara Negra Teatro, Verdeveras Expresións Artísticas e Incendiaria. Durante as súas estadías artísticas, as devanditas formacións de teatro e danza terán á súa disposición as instalacións da compañía e o apoio do seu equipo técnico para ultimar os espectáculos que, na meirande parte dos casos, compartirán despois co público neste mesmo espazo.

A primeira delas é Pérez&Fernández, que prepara a estrea de Os nenos da variola, montaxe inserida á súa vez no programa de coproducións do Centro Dramático Galego. Xosé Leis e Victoria Pérez codirixen, ademais de interpretar xunto a Isabel Risco e Manu Fernández, esta adaptación da novela de María Solar inspirada na Expedición Balmis, que a primeiros do século XIX partiu da Coruña con 22 nenos a bordo e a misión de levar a vacina da varíola a América.

A súa estrea terá lugar o vindeiro 28 de febreiro no Salón Teatro, onde poderá verse ata o 1 de marzo, e a venda anticipada de entradas está xa habilitada na web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443, cos prezos e descontos habituais.

A continuación, será a quenda da danza con Marta Alonso, quen estará en residencia do 2 ao 4 de marzo coa súa montaxe Bailar agora. O seu obxectivo é continuar traballando arredor dunha peza a través da que a artista propón unha parada no corpo para detectar como se instala nel o paso do tempo e como se ve afectado polas experiencias, as presións sociais e o contexto.

Programa de coproducións

Como no caso de Os nenos da varíola, as catro compañías que completan o programa de residencias desta temporada contan tamén co apoio do Centro Dramático Galego en calidade de entidade coprodutora, ademais de ter prevista aquí a súa exhibición ao público tras a estadía artística. Trátase de La Quintana Teatro con O premio (en residencia do 9 ao 11 de marzo e con funcións do 12 ao 15), Cámara Negra Teatro con Clausura do amor (do 23 de marzo ao 1 de abril, con representacións do 2 ao 5 de abril), Cronica dunha heterosexual insatisfeita de Verdeveras Expresións Artísticas (do 6 ao 10 de abril e exhibición os días 18 e 19 dese mes) e Microperspectivas dun marica millennial, de Incendiaria (do 11 ao 15 de abril e funcións o 16 e 17).

R., 2020-02-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES