Archivo (2 del 2020)

Buscador

Noticias

O Instituto Nacional de Estatística (INE) publica os primeiros datos turísticos de 2020, que indican que o turismo en Galicia medrou por riba da media española. En concreto, a demanda incrementouse na nosa Comunidade un 9%, fronte ao 3% a media estatal. Segundo o INE, os hoteis e pensións de Galicia recibiron en xaneiro 179.479 viaxeiros -un 8,2% máis que hai un ano- que fixeron 338.030 noites, o que supón un crecemento do 9%, dando así continuidade á evolución de 2019. En termos de mercado, os datos estatísticos difundidos indican que melloran todos os perfís de viaxeiros.
Un total de 94 concellos do ámbito rural solicitaron a súa adhesión á iniciativa autonómica para mellorar as comunicacións móbiles no rural. Para participar no plan as entidades locais debían incluír na solicitude a cesión dun terreo adecuado para a instalación das infraestruturas de telecomunicación e o compromiso de abordar a acometida eléctrica. No primeiro semestre, a Administración autonómica, en colaboración co Colexio de Enxeñaría de Telecomunicacións de Galicia validará as zonas con deficiencias de cobertura trasladadas polos concellos e, conxuntamente con Retegal, visitarase e comprobarase a idoneidade das parcelas indicadas polas entidades locais, creando así un mapa de zonas de actuación.
O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar e os seus socios no proxecto europeo ClimeFish presentarán a próxima semana os resultados do traballo realizado durante catro anos para facilitar a adaptación ao cambio climático nos ámbitos da pesca e da acuicultura en Europa. Será durante a celebración do Foro Internacional 2020 sobre os Efectos do Cambio Climático na Pesca e na Acuicultura, un encontro que organiza o consorcio ClimeFish os días 25 e 26 de febreiro na sede da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO). O ente participará no evento, que supón o peche deste proxecto europeo, cunha sesión de interacción e o diálogo entre os distintos actores.
Crebas é un termo propio do léxico da Costa da Morte, que designa todos aqueles obxectos que as mareas depositan na ribeira, a consecuencia dun naufraxio ou outras circunstancias. Baixo este título, a mostra exhibe unha selección de pezas datadas entre 1976 e 2019, que sintetizan as diferentes etapas da obra de Torres. Ademais de pezas procedentes de diversas coleccións, tanto públicas como privadas, preséntase tamén unha serie de obras orixinais directamente relacionadas con Galicia e aquí realizadas, como a serie fotográfica Tipo I (en la escala de Kardashov), que aborda a memoria do volframio e a Segunda Guerra Mundial ou pezas relacionadas con accións que enlazan coas súas primeiras pezas conceptuais.
A esperanza de vida ao nacer sitúase en 83,34 anos e acada o seu maior valor de toda a serie histórica, segundo se desprende das últimas táboas sobre mortalidade publicadas hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE) a partir dos datos da Consellería de Sanidade. Tal como mostran estes datos, a esperanza de vida medrou no ano 2018 en Galicia ata situarse nos 83,34 anos, fronte aos 83,12 do ano anterior. Ademais, desde 2008 este indicador medrou dous anos. A esperanza de vida aumentou tanto nas mulleres –pasa de 86,02 a 86,4 anos- coma nos homes, nos que o incremento da esperanza de vida é máis leve: de 80,12 anos en 2017 aos 80,18 anos de 2018.
Para fomentar as vocacións STEM entre a mocidade galega, o CPEIG organizará un mínimo de 40 xornadas Tech Kids, programa que forma parte do Plan Digitalent da Amtega. As sesións terán lugar en diferentes localidades da xeografía galega con diversos talleres temáticos dirixidos á franxa de idade de 10 a 16 anos. Os rapaces e rapazas que participen poderán achegarse dun xeito lúdico ao desenvolvemento de aplicacións para dispositivos móbiles, ao deseño de videoxogos, á creación de contidos dixitais, á programación de drons ou á robótica. A través destas actividades, rapazas e rapaces investigarán e resolverán desafíos científicos da actualidade e aplicarán conceptos de matemáticas, ciencia e tecnoloxía na vida real.
Os espectáculos de danza Médula, pola compañía Exire, e Emigrantas, a cargo de Kirenia Martínez, chegan esta fin de semana aos escenarios galegos. O Teatro Rosalía Castro da Coruña (venres ás 20,30 h.) e a sala Germán Coppini da Fundación SGAE en Santiago de Compostela (sábado ás 19,30 h.) son os espazos que acollerán, respectivamente, as dúas estreas. Ambas propostas sitúanse no ámbito da danza contemporánea e na exploración de novas linguaxes escénicas, ademais de ter como denominador común o protagonismo feminino, tanto na composición dos equipos artísticos como nas temáticas. As responsables das pezas recibiron da Agadic o financiamento dos seus proxectos, e tamén apoio loxístico e técnico durante o proceso de creación e montaxe.
O ciclo de concertos Galicia Importa, renomeado na súa novena edición como Xacobeo Importa presenta a súa nova temporada que arranca con nove concertos ata finais de maio que configuran unha proposta heteroxénea e de gran calidade artística. A primeira destas citas será a que protagonizará mañá venres, ás 22,00 h., na Sala Capitol de Santiago de Compostela a banda norteamericana de stoner rock Monster Magnet, na que é a súa primeira visita a Galicia. O concerto de mañá insírese na súa xira europea Powertrip A Celebration! Plus Much More... na que o grupo orixinario de New Jersey está a celebrar o vixésimo aniversario do seu maior éxito discográfico.
As exportacións galegas rexistraron o ano pasado un novo récord, cun total de 22.196,7 millóns de euros, superando nun millón de euros o dato definitivo de exportacións do 2018. No tocante ao saldo comercial, Galicia rexistra unha balanza positiva en 2.382,5 millóns de euros, mentres que a nivel nacional se acumula un déficit de 31.979,6 millóns de euros. En termos absolutos, a balanza comercial galega é a cuarta mellor das comunidades autónomas. Así, en 2019 Galicia supera por segundo ano consecutivo a barreira dos 22.000 millóns de euros, co que a Comunidade está vivindo o mellor ciclo exportador da súa historia.
Ópera en catro actos inspirada na novela Scènes de la vie de Bohème de Henri Murger, unha novela por entregas que retrata a vida dos mozos bohemios que habitaban o Barrio Latino de París a mediados do século XIX. Estreouse o 1 de febreiro de 1896 na cidade italiana de Turín, e a día de hoxe é a cuarta obra operística máis representada en todo o mundo. La bohème narra a historia de amor entre a modista Mimí e o poeta Rodolfo quen, tras sentir un namoramento repentino, comezan un romance. Mimí cae enferma e falece nos brazos de Rodolfo, non sen antes declararse a súa paixón mutuamente nunha das máis belas escenas de amor da ópera. O tenor coreano Alessandro Kim interpretará a Rodolfo e a soprano venezolana Marina Ortiz a Mimí.
« Anterior | 2  de  6 | Siguiente »

Archivo

2024 (167)

2023 (515)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES