Archivo (10 del 2020)

Buscador

Noticias

O vicepresidente primeiro Alfonso Rueda, trasladou hoxe ao Goberno central a solicitude de redución do IVE turístico ao 4% para axudar ao sector durante a pandemia. Alfonso Rueda, acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou por videoconferencia na reunión de responsables da marca turística España Verde, no que están integrados os gobernos de Asturias, Cantabria e País Vasco, que xunto con Galicia, integran a marca España Verde, e onde está tamén Turespaña. A premisa da reunión é seguir traballando en proxectos conxuntos aproveitando o modelo turístico común entre estas rexións coa meta de reactivar o turismo do norte peninsular.
A Consellería de Sanidade vén de anunciar o establecemento de novas medidas de restrición da mobilidade nas sete cidades galegas e na súa contorna, ás que ademais hai que engadir a limitación de xuntanzas entre persoas conviventes en 14 concellos. Tras a xuntanza do subcomité clínico que fai seguimento á evolución da covid-19 en Galicia, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou do conxunto de medidas adoptadas para conter a expansión do virus na nosa comunidade, destacando que desde as 15,00 h deste mediodía se establecerá unha restrición perimetral de desprazamentos entre algúns concellos.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aprobación do teito de gasto para 2021: 11.664 millóns de euros, centrados na loita contra a pandemia e na reactivación económica. “Este teito de gasto é excepcional, por ser o máis alto da serie histórica, polos recursos extraordinarios que imos recibir de fondos europeos e tamén pola cobertura do 1,1% do déficit público que decidiu o Goberno central para as comunidades autónomas”, abundou, engadindo que “ten como obxectivos afrontar a pandemia sanitaria, a reactivación da economía e, na medida das nosas posibilidades, axudar ás familias, autónomos e pemes que están sufrindo a crise económica e social nos seus propios fogares”.
Un total de 24 obras de arte contemporánea de 20 artistas galegos vanse incorporar á colección do CGAC-Xacobeo, polo que se enriquecen e complementan os fondos do centro. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou as creacións que resultaron seleccionadas ao abeiro deste programa de adquisición pública de obra de arte. Trátase dun total de 24 obras (algunhas delas compostas por varias pezas) pertencentes a 20 artistas seleccionadas pola comisión de expertos creada a tal fin entre unhas 350 propostas artísticas presentadas pertencentes a uns 190 artistas. Cómpre lembrar que este programa de adquisición pública de obra de arte púxose en marcha o pasado mes de xullo para que os artistas e as galerías de arte presentaran as súas solicitudes.
O Museo Centro Gaiás leva as súas exposicións ás aulas grazas a un programa de visitas didácticas realizadas a través de videoconferencia. A iniciativa ofrece así aos centros de ensino unha alternativa ás saídas escolares programadas, nun momento no que estas se viron limitadas polas actuais medidas de contención da covid-19. O proxecto tira proveito das posibilidades da tecnoloxía para permitir a docentes e estudantes afondar en contidos culturais de primeira orde e gran potencial didáctico, como a exposición Galicia, de Nós a nós, da man do equipo de guías do Museo Gaiás. Este novo programa oferta así unha alternativa ás visitas que o complexo da Cidade da Cultura viña acollendo ao longo do curso escolar, e que as medidas para frear a pandemia impiden que se desenvolva do xeito habitual.
A Xunta celebra que o Proxecto de Orzamentos Xerais do Estado atendan, por fin, as demandas que a Administración autonómica vén facendo en relación coa AP-9, a supresión da peaxe de Redondela e rebaixas nas peaxes da autoestrada; e agarda, que nesta ocasión, non quede en promesas incumpridas. O Goberno galego acadou, no ano 2018, o compromiso do Goberno de España, presidido por Mariano Rajoy, de liberación da peaxe de Redondela que, ao fin, aparece recollido nas contas presentadas no día de hoxe ante o Congreso.
O circuíto da Xunta de Galicia Cultura no Camiño+ acaba de pechar a súa edición de 2020 tras ter ofrecido a cifra de actuacións máis alta da súa historia pese á covid-19. Así, desde mediados de xullo ofrecéronse 410 actuacións de música, teatro, danza, novo circo e maxia en 133 concellos, que posibilitaron a contratación de máis de 160 formacións artísticas profesionais galegas. A posta en marcha do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos da covid-19 permitiu incrementar en máis do triplo a dotación asignada a esa iniciativa, de xeito que a pesar dos adiamentos e cancelacións provocadas pola evolución da pandemia, a actividade deste ano superou en máis dun 45% á de 2019, cando se levaron a cabo 284 funcións.
O informe 'Mortalidade empresarial en Galicia, 1972-2008. Factores de impacto e xestión do risco', dirixido polo catedrático da USC, Xoán Carmona Badía, coa colaboración do profesor e investigador Adrián Dios Vicente, revela que, das 122 empresas privadas con máis de 100 traballadores que operaban en Galicia no ano 1972, tan só o 28% continuaba operativa no ano 2008. Máis do 70% das grandes empresas galegas dos sectores da pesca, a construción e a industria manufactureira non sobreviviron ao cambio de século. Son sete os motivos: cambio tecnolóxico e cambio de industria, problemas financeiros, cambio institucional ou regulatorio, sucesión e mala xestión, shocks externos, absorción e insuficiente política de xestión do risco.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 7.535, deles 1.285 son da área da Coruña, 743 da de Lugo, 1.414 da de Ourense, 785 da de Pontevedra, 1.502 da área de Vigo, 1.186 da de Santiago, e 620 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 62 están en UCI, 392 en unidades de hospitalización e 7.081 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 26.034 persoas curadas, rexistrándose 882 falecementos. O número de PCR realizadas é de 654.482.
Unha trintena de actividades celebrarán este novembro o Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas da rede pública da Xunta, así como nas bibliotecas escolares. O obxectivo desta iniciativa, que se desenvolverá entre os días 7 e o 28 do vindeiro mes, é sensibilizar aos máis novos sobre a necesidade de empregar o galego na literatura científica. Os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística presentaron en rolda de prensa a programación de actividades. No acto, celebrado na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, participou tamén o autor do Manifesto do Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas deste ano, o profesor, investigador e divulgador científico Xurxo Mariño.
« Anterior | 1  de  7 | Siguiente »

Archivo

2024 (172)

2023 (515)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES