Noticias

Máis do 12% das empresas galegas pecharon por unha insuficiente política de xestión de riscos

O informe 'Mortalidade empresarial en Galicia, 1972-2008. Factores de impacto e xestión do risco', dirixido polo catedrático da USC, Xoán Carmona Badía, coa colaboración do profesor e investigador Adrián Dios Vicente, revela que, das 122 empresas privadas con máis de 100 traballadores que operaban en Galicia no ano 1972, tan só o 28% continuaba operativa no ano 2008. Máis do 70% das grandes empresas galegas dos sectores da pesca, a construción e a industria manufactureira non sobreviviron ao cambio de século. Son sete os motivos: cambio tecnolóxico e cambio de industria, problemas financeiros, cambio institucional ou regulatorio, sucesión e mala xestión, shocks externos, absorción e insuficiente política de xestión do risco.

O estudo fai fincapé na sétima causa de mortalidade empresarial, a insuficiente política de xestión do risco, que provocou o peche do 12,5% das maiores empresas galegas entre 1972 e 2008. Os autores destacan que un de cada catro traballadores deste grupo perdeu o seu emprego por unha insuficiente política de risco na súa empresa.

Estudos de caso

O informe analiza de maneira pormenorizada os casos de FENOSA e do Gran Hotel e Balneario de Mondariz, que pecharon as súas portas pola falta de política de xestión de riscos. En primeiro lugar, relata como FENOSA carecía dos seguros necesarios para asegurar o financiamento recibido do estranxeiro e como isto a levou a unha profunda crise financeira. Pola súa banda, o Gran Hotel e Balneario de Mondariz sufriu un incendio durante unha reforma e, ao non contar co seguro adecuado, non puido superar o golpe.

Os autores tamén abordan a crise que viviu o sector da conserva como consecuencia da falta de pagamentos de Libia, país ao que exportaban gran parte da súa produción. Este conflito demostrou a necesidade de contratar seguros de crédito á exportación, xogando un papel moi importante na súa difusión a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes (ANFACO). Por outra banda, destacan os casos de Vidros A Florida e Rodolfo Lamas Construcións. Vidros A Florida, cun persoal de 135 traballadores, atravesaba unha situación difícil, pero o que motivou o seu peche definitivo foi a caída do teito da súa fábrica da Florida debido a un forte temporal. O mesmo sucedeu con Rodolfo Lamas Construcións, con máis de 1.000 traballadores, que cesou a súa actividade polo derrubamento, por mor dunha nevada, dun polideportivo en construción no concello das Pontes. Ningunha das empresas contaba cunha política de xestión de riscos suficiente, polo que, ao non estar ben aseguradas, non puideron afrontar os sinistros que causaron as situacións meteorolóxicas adversas comentadas anteriormente. Por tanto, este estudo de investigación demostra que a necesidade de aseguramento é transversal a calquera empresa, independentemente do seu sector ou tamaño, pois toda organización pode afrontar problemas por falta de política de xestión do risco.

Acto de presentación

O Salón Nobre do Colexio de Fonseca acolleu este martes a xornada de presentación do informe. Presidida polo reitor Antonio López, no acto tomaron parte o secretario xeral do Consello Económico e Social de Galicia, Juan José Gallego Fouz; o vicepresidente de Fundación AXA, Luis Sáez de Jáuregui; e o presidente de Fundación Inade, José Ramón Santamaría Barreiro.

R., 2020-10-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES