Archivo (1 del 2020)

Buscador

Noticias

Galicia pechou o ano 2019 coa taxa de abandono educativo temperá máis baixa desde que existen rexistros, un 12,6%. Este dato supón que o sistema educativo galego foi quen de reducir a súa taxa de abandono en máis dun 50% en só unha década, do 25,8% rexistrado no 2009 ao 12,6 de media do ano que vén de rematar. Cúmprese así o obxectivo marcado para España pola Unión Europea (UE) para 2020, fixado nun 15%. O abandono educativo temperá defínese como a poboación entre 18 e 24 anos (ambos inclusive) que non completou o nivel de educación secundaria segunda etapa (Bacharelato ou FP de grao medio) e non segue ningún tipo de formación (regrada ou non regrada).
Esta nova programación estrutúrase inicialmente arredor de 13 ciclos e de oito semanas de cine. Promovidos pola Federación de Cineclubes a partir dunha temática ou estilo determinados, a carteleira de cada un dos ciclos será seleccionada polos centros participantes a partir do catálogo proposto. No caso das semanas de cine, a organización corre a cargo dos propios cineclubs que, xunto coas proxeccións, desenvolven diferentes actividades paralelas como debates, obradoiros e exposicións. Participarán os cineclubs de Bueu, Cangas de Morrazo, Poleiro de Goián, Valle Inclán de Lugo, Liceo de Noia, Groucho Marx do Barco de Valdeorras, O Carballiño, Padre Feijoo de Ourense, Val Miñor Alice Guy de Nigrán, Pontevedra, A Lanterna de Viana do Bolo, Lumière de Vigo e Adega de Vilagarcía de Arousa.
Escenas do cambio -o Festival de inverno, de teatro, danza e arte en acción- arranca este venres cunha programación que permitirá gozar durante esta fin de semana no Gaiás de cinco pezas que xiran ao redor da danza contemporánea e das linguaxes do corpo. O certame reunirá nestes tres días en Compostela a figuras internacionais tan relevantes como Ezster Salamon, Ula Sickle ou Leonor Leal e a creadores emerxentes galegos como Los Bravú ou Pálido Domingo. A polaca-canadensa Ula Sickle, unha das figuras de danza extrema contemporánea actual, abrirá o festival o venres 31 con Relay, unha peza que pon o foco na resistencia das mulleres na loita para defender e conservar os seus dereitos.
Galicia defende que a Política Agrícola Común teña en conta as peculiaridades do medio rural galego. Así o reiterou hoxe en Bruxelas o conselleiro do Medio Rural, José González, que asistiu ao Consello de ministros de Agricultura da Unión Europea en representación das comunidades autónomas españolas, acompañando ao ministro Luis Planas. Nesta liña, o titular de Medio Rural manifestou que a postura de Galicia é de plena lealdade co Goberno de España á hora de apoiar unha PAC común para toda a UE, pero tamén de absoluta firmeza na defensa dos intereses dos agricultores, gandeiros e silvicultores galegos diante das instancias europeas.
A Deputación da Coruña entregou hoxe trece premios que recoñecen obras e proxectos en distintos ámbitos da cultura, desde a literatura até as artes plásticas e visuais pasando pola música ou a promoción da lingua e a igualdade. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado de Cultura, Xurxo Couto, presidiron o acto de entrega ás persoas gañadoras dos certames culturais. Co mar da Coruña de fondo, o acto congregou a máis de cen persoas nun auditorio composto por premiados e premiadas ademais de membros dos distintos xurados que participaron no acto de entrega das trece categorías que congregaron representantes dos principais ámbitos culturais, homenaxes tamén ás figuras da nosa cultura das que levan nome.
As exportacións galegas acadaron nos primeiros once meses do pasado ano un volume total de vendas de 20.369 millóns de euros. As vendas ao exterior en novembro de 2019 subiron 6,6% con respecto ao mesmo mes de 2018, acadando un volume total de 2.110 millóns de euros. Galicia situouse así como a terceira comunidade na que máis medraron as vendas, despois das Illas Baleares e do País Vasco. De continuar esta tendencia, en 2019 o total das vendas no exterior superará por terceiro ano consecutivo os 21.000 millóns de euros, cifra que se acadou por vez primeira en 2017.
A nova iniciativa no Polo Aeroespacial de Galicia, que se desenvolverá a través da colaboración do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), permitirá que as pemes galegas poidan desenvolver nova tecnoloxía e que Galicia siga á vangarda e siga sendo pioneira no desenvolvemento de tecnoloxías e infraestruturas vinculadas aos vehículos non tripulados. O futuro simulador permitirá dar un paso máis pensando no futuro e en abrir novas oportunidades ás pemes e centros tecnolóxicos, para que poidan participar nun novo programa e nova licitación que desenvolverá en Rozas un simulador que vai permitir xestionar o tráfico aéreo tripulado e non tripulado.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu esta mañá en Lugo á mesa de traballo de Alcoa, na que ademais da Xunta estivo presente o Goberno do Estado, a empresa e representantes dos traballadores. Conde amosou a súa decepción xa que as medidas que o Goberno ten previsto poñer en marcha son, segundo a propia empresa comunicou, insuficientes para manter a produción de aluminio primario en Galicia e España -San Cibrao é a única planta que produce aluminio primario no país-. Por este motivo, Conde instou ao Goberno a que revise as actuacións previstas co obxectivo de poñer en marcha iniciativas que garantan un prezo competitivo.
Galicia potenciará o Camiño de Santiago como eixo vertebrador das comunidades que conforman a marca España Verde e como exemplo do seu modelo turístico, baseado na calidade e a sustentabilidade. Nun acto celebrado en Fitur, escenificouse o traspaso de poderes do País Vasco a Galicia, que neste 2020 asume a coordinación das actividades desta marca turística que integra a Asturias, Cantabria, Galicia e País Vasco. A aposta por un turismo de calidade permite ás comunidades que conforman este proxecto avanzar en eixos estratéxicos como a descentralización de fluxos ou a desestacionalización da demanda, así como mellorar as súas variables turísticas.
Galicia acadou o ano pasado por primeira vez as 9.000 persoas voluntarias activas, o que supón un incremento do 11% con respecto ao 2018. Deste xeito, a nosa Comunidade convértese na máis solidaria de España. Xa no 2019 se acadaron os compromisos establecidos para 2020, de acadar as 1.000 entidades e as 40.000 persoas inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria. O Plan de formación da acción voluntaria pon a disposición de persoas voluntarias e entidades 1.500 prazas en cursos de formación online e presenciais nos que se abordaron diferentes temáticas co fin de dar respostas a todas as demandas.
« Anterior | 2  de  7 | Siguiente »

Archivo

2024 (170)

2023 (515)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES