O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, anunciou hoxe que se vai realizar un investimento de 5 millóns de euros para dotar o Centro de Innovación Aerotransportada (CIAR) de Rozas dun simulador de xestión do tráfico aéreo. A nova iniciativa no Polo Aeroespacial de Galicia, que se desenvolverá a través da colaboración do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), permitirá, tal e como sinalou o conselleiro, que as pemes galegas poidan desenvolver nova tecnoloxía e que Galicia siga á vangarda e siga sendo pioneira no desenvolvemento de tecnoloxías e infraestruturas vinculadas aos vehículos non tripulados.
Conde participou en Madrid na xornada de presentación da Consulta Preliminar do Mercado sobre o reto tecnolóxico Entorno de simulación U-Space de Rozas, para dar a coñecer ás empresas o procedemento polo que se licitará a nova infraestrutura, a través da compra pública precomercial.
Na súa intervención, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria sinalou que o futuro simulador permitirá dar un paso máis pensando no futuro e en abrir novas oportunidades ás pemes e centros tecnolóxicos, para que poidan participar nun novo programa e nova licitación que desenvolverá en Rozas un simulador que vai permitir xestionar o tráfico aéreo tripulado e non tripulado.
A iniciativa enmárcase no Polo Aeroespacial de Galicia, que supón un investimento público-privado de 165 millóns de euros e que, tal e como lembrou Francisco Conde, xa é unha realidade, con 50 empresas desenvolvendo 35 proxectos de I+D+i, que suman 400 empregos.
O concepto U-Space deséñase para dar solución aos novos paradigmas de transporte que xurdirán nas cidades nos próximos anos. As tecnoloxías e os prototipos a desenvolver en torno ao novo simulador deberán contribuír a avanzar no desenvolvemento dun marco regulatorio europeo e global que facilite as operacións rutinarias de vehículos aéreos non tripulados a baixa altura.
O conxunto de infraestruturas de simulación que se realizan permitirán a Rozas operar como infraestrutura de soporte ao desenvolvemento en paralelo da tecnoloxía e a regulación, á fin de ampliar o mercado de usos civís dos UAVs e acelerar a xeración de actividade económica e industrial deste sector.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.