Noticias

Galicia asume a coordinación da España Verde co obxectivo de potenciar o Camiño como eixo vertebrador do norte peninsular

Galicia potenciará o Camiño de Santiago como eixo vertebrador das comunidades que conforman a marca España Verde e como exemplo do seu modelo turístico, baseado na calidade e a sustentabilidade. Nun acto celebrado en Fitur, escenificouse o traspaso de poderes do País Vasco a Galicia, que neste 2020 asume a coordinación das actividades desta marca turística que integra a Asturias, Cantabria, Galicia e País Vasco. A aposta por un turismo de calidade permite ás comunidades que conforman este proxecto avanzar en eixos estratéxicos como a descentralización de fluxos ou a desestacionalización da demanda, así como mellorar as súas variables turísticas.

Durante a súa intervención, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, destacou o modelo desenvolvido polas autonomías da España Verde, baseado na posta en valor dos recursos de cada territorio e potenciando elementos como a gastronomía, o patrimonio, a natureza, a paisaxe ou a propia Ruta Xacobea. Explicou que esta aposta por un turismo de calidade permitiu ás comunidades que conforman este proxecto avanzar en eixos estratéxicos como a descentralización de fluxos ou a desestacionalización da demanda, así como mellorar as súas variables turísticas, tanto en termos cuantitativos como en termos cualitativos.

Neste sentido, Román Rodríguez destacou o Camiño de Santiago como “feito diferencial” que distingue ás comunidades da España Verde doutros destinos e avanzou que durante este ano Galicia apostará por promover a Ruta Xacobea “con especial intensidade” aproveitando a proximidade do próximo Xacobeo 21.

O Camiño, un “valor seguro”

O responsable de Cultura e Turismo explicou que o Camiño é un “valor seguro” non só para as autonomías que conforman esta marca turística, “senón para todo o norte peninsular”. Tamén subliñou a súa capacidade para posicionar a Marca Galicia e a Marca España a nivel nacional e internacional, fomentando valores como a diversidade ou a multiculturalidade e favorecendo o desenvolvemento das zonas rurais polas que transitan os distintos itinerarios.

“Este ano, ás portas do vindeiro Xacobeo 2021 o Camiño debe ser a carta de presentación dos valores que definen o noso modelo turístico”, puntualizou Román Rodríguez nun acto no que tamén estivo presente a subdirectora xeral de márketing exterior de Turespaña, Ángela Castelo; a consejera de Cultura, Política Lingüística y Turismo de Asturias, Berta Piñán; a Consejera de Educación, Formación Profesional e Turismo de Cantabria, Marina Lombó, e a Consejera de Turismo, Comercio y Consumo de Euskadi, Sonia Pérez.

Presentación en Corea

O titular de Cultura e Turismo agradeceu o traballo desempeñado en 2019 polo País Vasco e subliñou que neste 2020 a España Verde seguirá consolidando a súa presenza en mercados europeos como Italia, Francia ou Reino Unido, pero tamén traballará estendendo a marca no mercado asiático a través dunha presentación que terá lugar en Corea.

Ademais, Román Rodríguez aproveitou para emprazar aos conselleiros e aos seus equipos a unha xuntanza que terá lugar nas próximas semanas en Santiago de Compostela co obxectivo de fixar liñas comúns de traballo e prioridades neste eido.

R., 2020-01-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (estacions-ano-cdc.jpg) A exposición 'As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI' pecha as súas portas no Museo Centro Gaiás o domingo 6 de setembro con máis de 36.000 visitas desde a súa inauguración. Concibido e comisariado pola artista e investigadora Mónica Alonso, o proxecto destaca polo seu deseño innovador, que constrúe un percorrido sensorial para mergullarse na arte contemporánea. Máis de 80 obras de 63 artistas dan forma a un itinerario que transita polas paisaxes, símbolos e lembranzas asociadas ao paso do tempo e os cambios entre a primavera, o verán, o outono e o inverno en Galicia.
Foto de la tercera plana (infancia_2.jpg) Galicia continúa a manter o liderado na taxa de escolarización 0-3 por cuarto curso consecutivo, cun 64 %. Os datos do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes referentes ao período lectivo 2026-2026 consolidan este primeiro posto, con 14 puntos por riba da media nacional. Ademais, Galicia é a única comunidade autónoma que está por encima da barreira do 60 % en niveis de escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil e supera en case 20 puntos o obxectivo da Unión Europea para o ano 2030, que é do 45 %. Estas cifras colocan a Galicia como referente no apoio ás familias e á infancia e son posibles grazas a medidas como a gratuidade das escolas infantís.

Notas

Ducias de persoas participaron nas actividades do Vendaval, Mostra de Cinema Portugués na Ribeira Sacra, que entre o 25 e o 30 de agosto levou proxeccións, concertos, conversas e encontros con cineastas a diferentes espazos da comarca. Unha proposta cultural diferente, de balde e vinculada ao territorio que volverá durante o outono e a primavera con dous novos pases e novas propostas cinematográficas.
A USC vén de reafirmar a súa aposta en prol da administración dixital e de que parte dos seus servizos poidan ser prestados de xeito eficaz por medios telemáticos, coa renovación (2026-2028) do Certificado de conformidade co Esquema Nacional de Seguridade no seu nivel medio. Isto é froito do traballo conxunto da Secretaría Xeral, a unidade de Seguridade da Información que coordinou o proceso, a Área TIC, e o Comité de Seguridade da Información.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES