
Estamos ante un Goberno que actúa de xeito unilateral ás costas das empresas e dos traballadores. Estamos nunha situación de máxima emerxencia porque se ten posto de manifesto que as medidas propostas son insuficientes para atender as necesidades de Alcoa San Cibrao e así non é posible darlle continuidade, subliñou Conde quen, ademais da rectificación das medidas pediu a incorporación doutro tipo de iniciativas de carácter fiscal e bonificacións nas peaxes de transporte que a Xunta propuxo, ademais dun compromiso real.
O conselleiro recordou que esta situación comezou hai practicamente dous anos e que das medidas que se poñan en marcha dependerá que a industria electrointensiva de Galicia e España poida contar cun prezo competitivo: A única medida que o permite é lograr un prezo de 35-40 euros/MWh, asegurou.
Conde incidiu en que a prioridade da Xunta segue sendo o mantemento dunha actividade industrial da que dependen 5000 familias en Galicia, que agardan unha solución que pasa por permitir que estas empresas poidan competir en igualdade de condicións que o resto de industria europea.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.