Archivo (8 del 2019)

Buscador

Noticias

Galicia gañou un total de 12.391 habitantes grazas aos movementos migratorios do ano 2018, o que supón un incremento do 85% respecto ao ano anterior, segundo reflicte a explotación de movementos migratorios publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). No ano 2018, a chegada de inmigrantes a Galicia ascendeu a 42.757 persoas. Esta cifra superou amplamente o número de emigracións, que se situou en 30.366 persoas. Os datos do IGE publicados hoxe indican que Galicia rexistrou en 2018 saldo migratorio positivo por terceiro ano consecutivo, cun incremento do 85% en comparación co saldo migratorio do ano 2017, que foi de 6.683 persoas. Ademais, é o maior saldo migratorio positivo que rexistra Galicia desde o ano 2008.
O Gaiás abre coa inauguración da instalación Stay here, nas Torres Hejduk da Cidade da Cultura de Galicia, a convocatoria de creacións artísticas neste espazo expositivo vinculadas co Xacobeo 21. A peza escultórica de Alejandro Ginés resultou gañadora da VI Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, convocado entre os participantes do Encontro de Artistas Novos (EAN) 2018. A partir de hoxe, os artistas emerxentes que participaron no #EAN9 teñen de prazo ata o 14 de outubro para presentar un proxecto que teña como eixe as Rutas Xacobeas e afonde na relación do complexo do Gaiás -que ten un vencello visual coa Vía da Prata e a catedral compostelᖠco Camiño de Santiago. A inauguración da peza supuxo o peche da edición deste ano do IX Encontro de Artistas Novos.
Mantén a súa aposta por citas como a MOTI, o Enclave de Cámara, ou Ciclo Lírico, e deixará de apoiar economicamente iniciativas con custes de produción inflados e escaso retorno. Seguirá a programar actividades das diferentes modalidades escénicas, mais de forma directa. Entre as novidades está a creación dunha Orquestra Xove, que lle dea saída ao talento ourensán, un bono cultural, que favoreza o acceso ás actividades culturais para as rendas máis reducidas (parados, estudantes e pensionistas con rendas baixas) ou un convenio con artistas locais que garantirá que cada semana un artista da cidade das diferentes modalidades escénicas actúe ante o público de Ourense.
O Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia medrou un 2% en taxa interanual no segundo trimestre do ano, ao tempo que se crearon neste período 12.400 novos empregos asalariados a tempo completo, segundo as Contas económicas trimestrais publicadas hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Os datos da primeira estimación publicados polo organismo estatístico autonómico hoxe mostran que o PIB galego rexistrou no segundo trimestre un crecemento do 2% sobre o mesmo período de 2018, de xeito que acumula 23 trimestres consecutivos con taxas positivas. O crecemento trimestral –sobre o trimestre anterior- foi do 0,3%, polo que a economía galega acumula 26 trimestres consecutivos con taxas positivas.
A Comunidade Autónoma de Galicia solicita que o Ministerio de Facenda convoque “de xeito urxente e inmediato” o Pleno do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), para solucionar os impagos que mantén o Goberno central coas administracións autonómicas, e que no caso de Galicia ascenden este ano a 700 millóns de euros. Galicia xa trasladou hai máis dun ano esta problemática á ministra de Facenda, e o Parlamento de Galicia –cun amplo consenso e ningún voto en contra– aprobou en xullo unha iniciativa para instar ao Goberno central a transferir estes recursos a Galicia.
Preto de 90 establecementos de turismo rural das catro provincias participarán na 13ª edición do Outono Gastronómico en Turismo Rural. Ademais de aloxamento, os establecementos que participarán nesta actividade –que se desenvolverá entre o 13 de setembro e o 15 de decembro– ofrecerán diferentes menús elaborados con produtos galegos de temporada. Ademais, como novidade este ano, inclúese a posibilidade de realizar, no seu caso, actividades como paseos a cabalo, rutas de sendeirismo, visitas a adegas ou lugares de interese paisaxístico ou cultural como o Pórtico da Gloria, actividades deportivas como surf ou rafting, circuítos termais ou mesmo un escape room, grazas á nova oferta Outono Plus.
O Abanca Galicia Classic Surf Pro recibiu durante a súa ultima edición a 350 deportistas procedentes de 31 países, o que subliña o carácter internacional do evento e o potencial para seguir avanzando na especialización da oferta turística galega e na súa proxección exterior. Entre as novidades deste ano figura unha das catro únicas probas do campionato mundial absoluto World Longboard Championship, fundamental para a clasificación dos vindeiros Xogos Olímpicos de Tokio, no que o surf será deporte olímpico por vez primeira. O impacto do Abanca Galicia Classic Surf Pro constátase no seu crecente número de visitantes, pasando dos 65.000 da edición de 2017 aos 100.000 de 2018 pero tamén no seu seguemento a través de internet, xa que as diferentes probas son retransmitidas por streaming a todas as partes do mundo.
O Programa IACOBUS, que promove a cooperación en investigación científica e tecnolóxica no ámbito universitario e dos centros tecnolóxicos na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, ten apoiado desde 2014 un total de 798 proxectos, cun financiamento global de preto de 880.000 euros. O obxectivo desta iniciativa é fomentar o desenvolvemento de proxectos de innovación e a divulgación de papers (publicacións científicas). O IACOBUS está xestionado pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP, AECT), en colaboración coa Xunta, a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte e a Fundación CEER, e está co-financiado polo Programa INTERREG VA.
O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura abrirá ao público e á noitiña este xoves e venres coas visitas especializadas As Nocturnas. O obxecto é ofrecer fóra do seu horario habitual un xeito de achegarse diferente e orixinal –con música e petiscos– e exclusivo –non máis de 30 persoas– á exposición 'Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia'. A nova edición de As Nocturnas celebrarase xa este xoves e venres do 29 e 30 de agosto e terá continuidade os 5 e 6 de setembro. Este ciclo permitiralles aos asistentes ter a oportunidade de coñecer de primeira man a través de expertos os oficios e as creacións artísticas da xoiería, cestería e cerámica galega.
Galicia acaba de sumarse ao movemento global Respira a vida ou Breathelife que busca reducir a contaminación do aire a través do intercambio de experiencias e información entre os seus integrantes. A nosa comunidade convértese así na terceira de España -só por detrás de País Vasco e Cataluña- en adherirse a esta iniciativa, liderada pola Coalición de Clima e Aire Limpo, a Organización Mundial da Saúde (OMS) e o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (ONU Medio Ambiente). A rede Respira a vida está integrada por 63 cidades, rexións, países e organismos con competencias en materia de mellora da calidade do aire de todo o mundo.
« Anterior | 1  de  5 | Siguiente »

Archivo

2024 (172)

2023 (515)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES