Noticias

Galicia súmase á iniciativa internacional 'Respira a vida' para compartir accións orientadas a mellorar a calidade do aire

Galicia acaba de sumarse ao movemento global Respira a vida ou Breathelife que busca reducir a contaminación do aire a través do intercambio de experiencias e información entre os seus integrantes. A nosa comunidade convértese así na terceira de España -só por detrás de País Vasco e Cataluña- en adherirse a esta iniciativa, liderada pola Coalición de Clima e Aire Limpo, a Organización Mundial da Saúde (OMS) e o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (ONU Medio Ambiente). A rede Respira a vida está integrada por 63 cidades, rexións, países e organismos con competencias en materia de mellora da calidade do aire de todo o mundo.

No caso da Unión Europea, conta con representación de nove estados membros, entre os que figura España. O obxectivo desta rede de carácter internacional é unir forzas e intercambiar accións e información para loitar contra a contaminación do aire de maneira global, recoñecendo que se trata dun risco importante para a saúde e o medio ambiente en todo o mundo. De feito, a divulgación e a sensibilización da sociedade ante este problema é un dos retos comúns que subscriben todos os organismos unha vez que asinan o formulario de adhesión.

Ao mesmo tempo, tamén pretende servir de plataforma para contribuír a visualizar o traballo que desenvolven nesta materia todos os seus membros e dar pé ao intercambio de proxectos, iniciativas e información.

En canto aos compromisos específicos que asume Galicia ao integrarse na rede, cómpre subliñar o de sensibilizar ás entidades locais para que tomen medidas individuais; concienciar á poboación sobre que xestos se poden levar a cabo día a día para gozar dun aire máis limpo; impulsar a adhesión dos concellos galegos á Respira a vida a través da Oficina galega do Pacto dos Alcaldes; promover accións en distintos sectores da sociedade que axuden a mellorar a calidade do aire; ou implantar na comunidade a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e a de Economía Circular para camiñar cara a neutralidade climática e promover un cambio no sistema económico que reduza as emisións.

A rede de calidade do aire en Galicia

Con esta adhesión á iniciativa Respira a vida, o Goberno galego aspira a mellorar e complementar o traballo que desenvolve actualmente a través da Rede de Calidade del Aire de Galicia, que realiza un importante esforzo na mellora continua da transparencia dos datos, así como na comunicación dos mesmos a través de diferentes vías coa finalidade de garantir o acceso á información.

Nestes momentos a rede está composta por 48 estacións de medición fixas -14 de titularidade pública e 32 de redes privadas que están situadas na contorna de actividades industriais-, que transmiten datos en tempo real á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, dependente da Consellería de Medio Ambiente.

Antes de final de ano está prevista unha mellora na páxina web que incluirá o cambio do Índice de Calidade do Aire polo europeo, mostrará ao público en tempo real os datos das estacións industriais, e incorporará melloras do modelo de predición da calidade do aire.

En canto ao seguimento dos datos, un dos medios a través dos cales se difunde a información ao público son os paneis informativos situados nas estacións de calidade do aire xestionadas pola Xunta de Galicia. Nos dous últimos anos ampliouse e mellorouse este proxecto, coa adquisición, instalación e posta en marcha de 21 pantallas dixitais co fin de mellorar a información á poboación no eido da calidade do aire e a meteoroloxía, así como para facer públicos outros temas de interese e seguridade para a cidadanía, como avisos ante fenómenos meteorolóxicos extremos ou posibles eventos de mala calidade do aire. Este proxecto estará totalmente implantado antes de final de ano.

Ademais da Rede de Calidade do Aire de Galicia, a Xunta tamén se apoia en MeteoGalicia e no Laboratorio de Medio Ambiente para, por unha parte, modelar a calidade do aire e pola outra, obter resultados analíticos de contaminantes non maioritarios en aire ambiente. A modelización é unha das ferramentas que se poden empregar para avaliar e predicir a calidade do aire cunha antelación de 48 horas. Isto permite advertir á poboación ante posibles episodios que empeoren o seus estado, como os que se producen debido ao ozono e ás intrusións de po sahariano.

R., 2019-08-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-ouyeah-2026.jpg) A edición 2026 artéllase arredor dun formato expandido, con varias datas e localizacións ao longo da provincia, convertendo cada encontro nunha peza dun ecosistema cultural máis amplo. O 6 de xuño, en Expourense será a cita inaugural co rock lendario de Loquillo, o magnetismo vintage de Kitty, Daisy & Lewis e o fenómeno galego do momento, The Rapants. O 31 de xullo, na Praza da Veracruz do Carballiño a banda Burning, ofrecerá un concerto gratuíto; e o 4 de outubro, no Pazo de Deportes Paco Paz, o festival culminará o regreso de Luz Casal a Ourense. Loquillo, icona indiscutible do rock estatal con case cinco décadas de traxectoria, chega en plena xira do seu último traballo Corazones Legendarios, cun directo que revisita os grandes éxitos dunha carreira tan influente como extensa.
Foto de la tercera plana (emprego_4.jpg) Galicia pechou o primeiro trimestre deste ano con máis poboación empregada que hai un ano. Neste sentido, os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicados hoxe e relativos ao primeiro trimestre deste ano reflicten unha suba de 28.000 persoas ocupadas en relación ao ano pasado, lixeiramente superior á do conxunto do Estado e acadando, con 1.178.100, a cifra máis alta nun primeiro trimestre desde 2008. Ademais, a comunidade rexistra a maior taxa de emprego (49,30) nun primeiro trimestre en 18 anos e unha taxa de paro menor (8,96) que no conxunto de España (10,83). Ademais, as taxas galegas de paro feminino (9,51) e xuvenil (24,30) tamén son máis baixas que no conxunto do Estado.

Notas

Un estudo realizado por persoal investigador do grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e da Universidade de Cambridge, coa colaboración doutras institucións europeas como o Instituto Karolinska, propón unha nova forma de entender como se dana e tamén como se repara o cerebro.
Protección fronte as estafas; patrimonio artístico; impostos; ou intelixencia emocional e saúde física son algúns dos contidos aos que, entre os meses de abril e xuño, poderá achegarse a poboación maior de 50 anos dos 11 concellos galegos aos que chegarán este curso as Mareas de Coñecemento. Este proxecto itinerante de formación universitaria naceu ao abeiro do Programa de Maiores (PUM) da UVigo no ano 2018.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES